PXOM

05/10/09

O PP rexeita pagarlle indemnizacións aos afectados polo verquido no Verduxo

No Pleno celebrado o pasado xoves, día 24, o PP rexeitou introducir os acordos do BNG na moción presentada polos populares para instar a Xunta de Galiza á recuperación medioambiental do río Verduxo tras o verquido da EDAR de Ponte Caldelas o pasado 16 de agosto e a consensuar a recuperación co Concello de Soutomaior. O BNG critica abertamente a exposición de motivos da moción do PP –que gababa actuación do Goberno de Agustín Reguera nos días inmediatos ao verquido– ao considerar que faltou transparencia informativa tanto por parte do Concello de Soutomaior como por parte da Xunta de Galiza.

O Grupo Municipal do BNG expuxo dous acordos á moción para indemnizar os colectivos afectados directamente polo verquido e para instar a Xunta de Galiza a realizar un control exhaustivo sobre as EDAR que verten no río Verduxo. Con todo, o PP desestimou as dúas peticións dos nacionalistas. Ao non engadir os dous acordos, o BNG abstívose.

As mocións nas que o BNG insta o Concello de Soutomaior a que se garanta a recollida de residuos voluminosos –logo do anuncio do cesamento da recepción destes refugallos por parte da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama)– e a que se axilice a aplicación do bono social da tarifa eléctrica saíron adiante grazas ao apoio dos nacionalistas, e do PP e do PSOE, que votaron a favor.

Falta de información sobre o Conde

Pola outra banda, no Pleno celebrado o pasado día 24, o Goberno local contestou a pregunta formulada en xullo polo BNG na que instaba o PP a dotalo da información relativa ao proceso xudicial do Conde. Daquela, o alcalde, Agustín Reguera, non contestou a pregunta dos nacionalistas e emprazounos até o Pleno de setembro.

Desta vez, só informou de que presentaron un recurso de casación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), pero non contestou nada máis. “Agora temos que agardar outros dous meses –até o próximo Pleno– para saber se o recurso foi admitido e se sae adiante”, explica o portavoz municipal do BNG, Fernando Herrero. O portavoz nacionalista en Soutomaior censura que Reguera “só tenta gañar tempo para atrasar o proceso do Conde”.

02/10/09

O BNG de Soutomaior organiza unhas rutas de sendeirismo polo concello

O BNG de Soutomaior organiza unhas xornadas de sendeirismo para toda a veciñanza nas que se percorrerán diversos espazos naturais do concello. Os roteiros, que se desenvolverán nas mañás dos domingos 4 de outubro, 25 de outubro e 8 de novembro, teñen como obxectivo dar a coñecer o patrimonio cultural, histórico e natural de Arcade e de Soutomaior a través dos vieiros históricos que ao longo dos anos vertebraron a vida tradicional do concello. As xornadas suspenderanse en caso de chuvia intensa.

As Devesas e As Chans”, a primeira das rutas –de dificultade media-baixa– celebrarase o vindeiro domingo, 4 de outubro, ás 10.30 horas da mañá. Sairase da Igrexa de Arcade e percorreranse seis quilómetros en dúas horas, aproximadamente.

“Subida polo Verduxo” –de dificultade media e de dúas horas de duración aproximada– terá lugar o domingo 25 de outubro. Con saída desde Ponte Canal (Ponte de Comboa) ás 10.30 horas da mañá, percorreranse os lugares máis senlleiros das beiras do Verduxo ao longo de nove quilómetros.

“Sendeiros das Hermidas” –de dificultade media-alta– desenvolverase o 8 de novembro a partir das 10.30 horas da mañá. Con saída da Igrexa de Arcade, percorrerá 12 quilómetros até chegar a San Caetano (en Soutomaior), onde terá lugar un xantar.

25/09/09

O BNG de Soutomaior presenta unha moción para que Sogama garanta a recollida de voluminosos

Tamén pide que se axilice a aplicación do bono social da tarifa eléctrica

No Pleno que se celebra o vindeiro xoves día 24, o BNG de Soutomaior presenta unha mocións na que insta ao Concello de Soutomaior a que se garanta a recollida de residuos voluminosos –logo do anuncio do cesamento da recepción destes refugallos por parte da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama)– e outra na que solicita que se axilice a aplicación do bono social da tarifa eléctrica.

O Grupo Municipal lembra que a decisión de Sogama de deixar de recoller os voluminosos foi adoptada de xeito unilateral, sen ningún tipo de negociación previa cos concellos afectados –que terán que facerse cargo, individualmente, da recollida e entrega deste tipo de residuos a un xestor autorizado–.

Con este anuncio, Sogama podería estar a incumprir as condicións pactadas cos concellos no momento da súa adhesión, sen que nin a Xunta nin a propia entidade lles ofrezan ningunha solución alternativa e viábel aos concellos afectados. A falla dun sistema homoxéneo para a retirada destes residuos e o incremento significativo dos custes –máxime nun momento no que como consecuencia da crise económica e das deficiencias do sistema de financiamento local as facenda municipais están a pasar por situacións moi difíciles– podería derivar na proliferación de vertedoiros incontrolados.

No mellor dos casos, cando o tratamento se faga conforme á legalidade e por un xestor autorizado, esta nova práctica podería trasladar o incremento dos custes ao recibo do lixo que terían que soportar os veciños e veciñas de Soutomaior.

Ante esta situación, o Grupo Municipal do BNG solicita instar á Xunta de Galiza ao mantemento da recepción de residuos voluminosos procedentes dos municipios adheridos, nas condicións que o viña facendo até agora, para o seu posterior tratamento por un xestor autorizado e conforme á normativa vixente. No seu defecto, o BNG insta á Xunta de Galiza a que achegue unha solución alternativa e viábel, que non supoña un incremento do recibo do lixo dos concellos afectados.

Bono Social da Tarifa Eléctrica

A liberalización operada no sector eléctrico, lonxe de significar unha mellor prestación do servizo eléctrico nos fogares e lonxe de abaratar o custe da factura eléctrica, está a ocasionar unha confusión crecente e un incremento no gasto repercutido polo subministro eléctrico á maioría dos consumidores.

A creación do denominado “bono social”, que consiste nunha bonificación na factura eléctrica por unha contía igual á diferenza entre o valor da tarifa de último recurso e unha tarifa reducida, pretende corrixir a importante repercusión económica que o novo sistema de tarifas ocasiona na economía da maioría dos consumidores domésticos.

Os potenciais beneficiarios do bono son as persoas titulares dun punto de subministro na súa vivenda habitual de 60 ou máis anos de idade que acrediten ser pensionistas do Sistema da Seguridade Social que perciban as contías mínimas, as que acrediten ser familias numerosas, as que acrediten formar parte dunha unidade familiar con todos os seus membros en idade de traballar en situación de desemprego e as que teñan contratada unha potencia menor de 3kv.

Estes posíbeis beneficiarios, ademais da demora na posta en marcha efectiva do bono social, están a sufrir atrancos inxustificados, como incumprimentos das empresas distribuidoras e comercializadoras de enerxía eléctrica no relativo á publicidade do procedemento e o ofrecemento de información exhaustiva, a imposibilidade dunha atención presencial dado o escaso número de empresas comercializadoras existentes, ou mesmo a necesidade de achegar múltiple documentación acreditativa de diversos organismos e administracións públicas, entre eles o concello.

Neste sentido, o Grupo Político Municipal do BNG proponlle ao Pleno instar ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Comisión Nacional de Enerxía a adoptaren as medidas necesarias que garantan a extensión a todos os beneficiarios do bono social, e a súa aplicación efectiva nos prazos estabelecidos pola normativa vixente.

Tamén pide instar ás Consellarías de Traballo e Benestar, e de Economía e Industria, e ao Instituto Galego de Consumo a poren en marcha, de xeito urxente, Planos de Comunicación, Información e Asesoramento sobre as últimas modificacións no sistema de tarifas eléctricas e da aplicación do bono social, orientadas tanto á poboación en xeral como especificamente aos potenciais beneficiarios.

Por último, o BNG reclama un servizo de información, asesoramento e colaboración na tramitación da solicitude do bono social, por parte do Concello de Soutomaior, onde se facilite ademais dun xeito áxil toda documentación acreditativa que o beneficiario deba obter do concello.



15/09/09

O Concello de Soutomaior veta unha charla do BNG sobre a Gripe A

O PP impide a celebración da conferencia impartida xefe de Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra no Multiusos de Arcade

O BNG de Soutomaior denuncia que o Goberno Municipal do PP impediu a celebración dunha conferencia informativa impartida polo doutor Luís Vázquez Vizoso, xefe de Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra, sobre a Gripe A no Multiusos de Arcade. Vázquez Vizoso, experto en Medicina Preventiva, vén de ser elixido pola Xunta de Galiza un dos 9 recoñecidos profesionais que forman parte do Comité Científico do Plan Galego de Preparación e resposta a pandemia da Gripe A.

Ante a negativa da concelleira de Cultura, Dolores Cernadas, a que se celebrase a charla nas instalacións do Multiusos –que non contaban con ningún tipo de reserva para o día e a hora solicitada polos nacionalistas– o BNG viuse obrigado a organizar a conferencia o vindeiro venres día 18 na Biblioteca Municipal, edificio que conta con numerosas deficiencias e que carece de acceso para persoas con mobilidade reducida.

O Goberno Municipal do PP demostra unha vez máis a manipulación das infraestruturas, instalacións e servizos públicos ao seu antollo, tentando negarlles aos veciños e veciñas a celebración dunha conferencia de interese xeral para a sociedade sobre a Gripe A. Non é a vez primeira que o Concello de Soutomaior boicotea un acto informativo organizado polo BNG ao non cederlle as instalacións do Multiusos, aínda sen contar con ningunha actividade programada para o día e a hora solicitados.

No Pleno celebrado en novembro do pasado ano, o Grupo Municipal do BNG solicitou coñecer os criterios que emprega a Concellaría de Cultura á hora de conceder o Multiusos, o campo municipal de fútbol ou o local de ensaio da escola de Alxán. Os nacionalistas reclamaron un regulamento de reservas e uso das instalacións –como co que xa contan as pistas de tenis e pádel do Concello ou o pavillón municipal– para acabar coa discriminación para o uso destes espazos.

O BNG pídelle ao PP que todas as entidades e organizacións do municipio conten cos mesmos dereitos á hora de empregar un espazo cultural concibido para o uso de todos os veciños e veciñas, non só do PP e entidades afíns.

14/09/09

A Xunta deixa sen clase o alumnado dunha escola de Soutomaior pola falta de mestres

O BNG leva o atraso do curso escolar na Escola Infantil de Romariz ao Parlamento e insta á Consellaría de Educación a explicar os motivos polos que non contratou un substituto ou substituta

A falta de mestres vén de provocar o atraso no inicio do curso na Escola de Educación Infantil (EEI) de Romariz –en Soutomaior–, onde 19 alumnos e alumnas ficaron o xoves e o venres sen clases. O Grupo Municipal do BNG sinala que a mestra titular do centro se atopa de baixa por maternidade e denuncia que a Consellaría de Educación non realizou o chamamento do substituto ou substituta.

Os pais e nais do alumnado afectado non recibiron información ningunha do atraso do inicio do curso e criticaron non terse decatado de que os seus fillos e fillas quedarían sen clases até o propio xoves 10 de setembro –día no que comezou a tempada escolar para os alumnos de Infantil e de Primaria–. Chegadas ás 10.00 horas da mañá, as familias das crianzas abandonaron o edificio ao comprobar que non aparecía ningún mestre ou mestra para atender os nenos e as nenas. E é que o Goberno Municipal do PP en Soutomaior e a Consellaría de Educación non os informaron nin sequera a través dun aviso ou dun cartel na porta do centro.

O BNG de Soutomaior censura que o Goberno municipal do PP non xestionase con anterioridade a substitución da mestra que se atopa de baixa por maternidade. O Grupo Municipal considera que a responsábel de Educación do Concello de Soutomaior debería ter confirmado a comezos de setembro que o curso ía comezar con normalidade nos centros educativos da localidade. Deste xeito, teríase evitado que o alumnado da EEI de Romariz quedase sen clases.

Por outra banda, o BNG de Soutomaior denuncia a existencia de refugallos e de material escolar nas proximidades do centro. Neste sentido, solicítalle ao Goberno Municipal do PP que inicie os trámites para recoller os escombros que permanecen arestora nos arredores do centro.

O BNG leva o caso ao Parlamento

A deputada e portavoz de Educación do BNG no Parlamento de Galiza, Carme Adán, rexistrou unha pregunta na que lle pide á Xunta de Galiza explicacións polo atraso do curso na EEI de Romariz, por non ter informado os pais e nais e por non ter contratado con anterioridade un substituto ou substituta que cubra a baixa por maternidade da mestra titular. “Queremos coñecer se a falta dun mestre ou mestra na EEI de Romariz se debe a un recorte orzamentario da Consellaría de Educación”, apunta Carme Adán.

A parlamentar nacionalista asegura que o de Soutomaior é un exemplo dos centos de casos que se están a dar en toda Galiza pola “desastrosa xestión” da Consellaría de Educación dirixida por Xesús Vázquez.

22/08/09

O BNG denuncia a falta de información sobre o estado da auga tras o verquido no río Verduxo

O Grupo Municipal do BNG critica a actitude tanto do Concello como da Xunta de Galiza ao tratar de ocultar información sobre o verquido procedente da EDAR de Ponte Caldelas, que o pasado 16 de agosto afectou a uns 10 quilómetros do río Verduxo e á desembocadura sobre a ría de Vigo. O pasado mércores, 19 de agosto, o Goberno municipal do PP garantiu mediante avisos nas inmediacións das praias a calidade das augas nos areais de Arcade, cualificándoas de aptas para o baño. Porén, Soutomaior conta con máis zonas de baño concorridas, como a da Ponte Colgante, no Val-Sobral, ou a da Fábrica do Inferno, en Vela, lugares nos que o Executivo do PP non está a informar sobre o estado da auga tras a grave vertedura.

O BNG de Soutomaior censura o desleixo da Xunta de Galiza ao non ter informado desde o primeiro momento os veciños e veciñas afectadas, os concellos, as entidades de pesca fluvial, de baixura e marisqueo do fondo da ría de Vigo ou as empresas de depuración de moluscos localizadas na área. Así, ao longo do domingo os usuarios dos areais bañáronse nas augas contaminadas ao non contar con información acerca da vertedura. Algúns bañistas mesmo tiveron que acudir aos centros de saúde, tal e como recomendou o Seprona.

Diante desta situación, o BNG vén de rexistrar, a través dos seus deputados Bieito Lobeira e Teresa Táboas, unha serie de iniciativas parlamentares para interesarse sobre a situación actual e as medidas que a Xunta de Galiza ten previsto adoptar para que actos como estes non queden impunes nin se volvan repetir. Os parlamentares esíxenlle ao Executivo do PP unha información veraz, dando conta do resultado das mostras e analíticas realizadas no río e na ría, a adopción de medidas para restituír o medio á súa situación anterior á vertedura, a depuración de responsabilidades, a adopción de medidas correctoras para evitar a repetición de episodios tan graves como este, e a indemnización ou compensación económica aos sectores afectados.

04/08/09

O BNG de Soutomaior quere garantir a gratuidade total dos libros de texto e o proxecto do Hospital Único de Pontevedra 100 por cento público

O Grupo Municipal do BNG de Soutomaior presentará unha moción no Pleno que se celebra o vindeiro 30 de xullo para que o Goberno local inste a Xunta a garantir a gratuidade dos libros de texto e do material curricular no vindeiro curso académico. E é que o BNG considera inaceptábel a supresión desta medida implantada polo bipartito, xa que atenta ao carácter público e gratuíto do ensino. O novo sistema proposto polo Goberno do PP non pode ser a resposta aos problemas económicos na actual situación, tal e como argumentou o conselleiro Jesús Vázquez Abad, xa que no canto de aforrar supón un recorte de prestacións. Non se pode comparar un sistema universal, que lle dá cobertura ao 100 por cento da poboación, cun sistema que segundo a propia Consellaría de Educación aspira a darlle cobertura só ao 25 por cento. O custe real do modelo proposto polo PP, en condicións homoxéneas, é dicir, dándolle cobertura ao 100 por cento do alumnado, ascendería a 196 millóns de euros no período 2009-2013 e a 280 millóns euros no período 2013-2017, é dicir 330 millóns de euros máis que o previsto polo bipartito, 3,2 veces máis. Ademais, segundo a documentación difundida polo Goberno, as familias terán que adiantar os cartos, sen saber se terán dereito a axuda.
Pola outra banda, e tendo en conta que a Sanidade é un dos alicerces nos que se basea a igualdade e a xustiza social, o BNG de Soutomaior propón que se lle esixa á Xunta a construción do Hospital Único da área sanitaria norte de Pontevedra, un equipamento que contará cun mínimo de 800 camas dende a súa entra da en servizo. O Grupo Municipal reclama ademais a ampliación da carteira de servizos da área sanitaria de acordo coas necesidades sanitarias da mesma e demanda o compromiso do financiamento e xestión 100 por cento público deste hospital. Na mesma liña pide que o Goberno galego garanta os compromisos orzamentarios, de xestión e de execución que non supoñan nin máis atrasos nin máis atrancos na construción do hospital que o PP pretende paralizar.

02/08/09

O Concello de Soutomaior non informará sobre o Conde até dentro de dous meses

O xoves 30 celebrouse en Soutomaior un Pleno no que o BNG instou o PP a dotalo da información relativa ao proceso xudicial do Conde. O alcalde, Agustín Reguera, non contestou a pregunta dos nacionalistas e emprazounos até o seguinte Pleno, que terá lugar dentro de dous meses. O BNG de Soutomaior láiase de non poder ofrecerlles aos veciños e veciñas a información que veñen reclamando.

O BNG tamén interpelou o Goberno municipal sobre a Oferta Pública de Emprego da Administración; en concreto, onde apareceu publicada e a través de que convenio contratou o Concello traballadores. Outra das preguntas dos nacionalistas referiuse ao futuro da sucursal de Banesto de Soutomaior, pechada desde hai meses e na que, malia terse comprometido, o caixeiro estivo durante días inoperativo. O BNG considera que o Concello debería mediar coa entidade financeira para non deixar os veciños e veciñas sen este servizo –tendo en conta que a de Banesto era a única entidade financeira en Soutomaior–.

No que atinxe ás mocións, BNG, PP e PSOE votaron a favor da proposta nacionalista de informar a cidadanía dos trámites que deben seguir a hora de dirixirse ás distintas delegacións da Xunta de Galiza despois do PP ter estabelecido unha nova división territorial da Administración provincial. Nesta liña, o BNG dubida que os funcionarios nomeados xefes nas delegacións vaian contar coa mesma retribución que posuían, incumprindo a suposta austeridade que defende o Goberno do PP na Galiza.

En canto á moción do BNG para a construción dun centro de día –medida recollida no programa electoral do PP nas eleccións galegas–, os nacionalistas votaron a favor, o PSOE votou a favor e o PP, en contra.

O BNG tamén presentou unha moción na que insta a Xunta de Galiza a manter o sistema de gratuidade total dos libros de texto impulsada polo bipartito. O BNG votou a favor da medida, ao igual que o PSOE, mentres que o PP votou en contra. Para os nacionalistas non se pode comparar un sistema universal, que lle dá cobertura ao 100 por cento da poboación, cun sistema que segundo a propia Consellaría de Educación aspira a darlle cobertura só ao 25 por cento. O custe real do modelo proposto polo PP, en condicións homoxéneas, é dicir, dándolle cobertura ao 100 por cento do alumnado, ascendería a 196 millóns de euros no período 2009-2013 e a 280 millóns euros no período 2013-2017, é dicir 330 millóns de euros máis que o previsto polo bipartito, 3,2 veces máis. Ademais, as familias terán que adiantar os cartos, sen saber se terán dereito a axuda. As solicitudes irán acompañadas da última declaración da renda, a correspondente ao exercicio 2008. Como se van acreditar os ingresos daquelas familias que non estén obrigadas a presentar a declaración polo IRPF, e que son a maioría das potenciais beneficiarias destas axudas?, pregúntase o BNG.

En canto á moción presentada polos nacionalistas sobre o Hospital Único de Pontevedra, o BNG votou a favor, o PSOE abstívose e o PP votou en contra. O BNG esíxelle á Administración que non desperdicie os gastos da ampliación de Montecelo, que o PP levou a cabo. “Cando pedimos un novo dixeron que non”, lembra o portavoz nacionalista no Concello de Soutomaior, Fernando Herrero. “Montecelo e o novo hospital non son incompatíbeis, pero cómpre executar o orzamento íntegro destinado a Montecelo e que despois se execute o outro hospital co investimento previsto de 180 millóns de euros”, engade. O Grupo Municipal reclama ademais a ampliación da carteira de servizos da área sanitaria de acordo coas necesidades sanitarias da mesma e demanda o compromiso do financiamento e xestión 100 por cento público deste hospital. Na mesma liña, o BNGs pide que o Goberno galego garanta os compromisos orzamentarios, de xestión e de execución que non supoñan nin máis atrasos nin máis atrancos na construción do hospital que o PP pretende paralizar.

28/01/09

Tod@s co BNG. Actos da Campaña Electoral

Actos en Soutomaior

- 30 de xaneiro, venres. 20.30 hrs. CASA DA CULTURA FERNANDO PEREIRA DE ARCADE. Venres Nacionalista: O BNG NO PARLAMENTO con Fernando Herrero e Carlos Aymerich

- 7 de febreiro, sábado. 22.30 hrs. RESTAURANTE MOCHI. Cea arranque campaña.*

- 15 de febreiro, domingo. MULTIUSOS DE ARCADE. Homenaxe ao noso compañeiro Lois Obelleiro.*

- 20 de febreiro, venres. CASA DA CULTURA DE SOUTOMAIOR. Mitín con Fernando Herrero, Anxela Sobral e Carme Da Silva.*

- 26 de febreiro, xoves. ARCADE (Local por determinar). Mitín con Fernando Herrero, Anxela Sobral e Bieito Lobeira.*

* As horas, locais e oradores están pendentes de confirmación



Actos comarcais e nacionais:
- 23 de xaneiro, venres. 20.45 hrs. POIO. No local da comunidade de montes de Combarro con Luciano Sobral, Teresa Táboas e Anxo Quintana.

- 25 de xaneiro, domingo. A LAMA. Hotel con Erundina Louro e Teresa Táboas

- 30 de xaneiro, sábado. MORAÑA. Cea con e Teresa Táboas.

- 31 de xaneiro, domingo. COTOBADE. Teresa Táboas

- 3 de febreiro, martes. PONTECALDELAS. Visita de Teresa Táboas

- 7 de febreiro, sábado. 11.30 hrs. SANTIAGO. Acto de Medio Rural.

- 11 de febreiro, mércores. CALDAS. Mitín en Caldas con Teresa Táboas

- 12 de febreiro, xoves. ALAMEDA DE PONTEVEDRA. Arranque de campaña con Teresa Táboas.

- 14 de febreiro, sábado. 14 hrs. PONTEVEDRA. Xantar da mocidade na Finca Batacos (Mochi) con Teresa Táboas e Anxo Quintana.

- 18 de febreiro, mércores. 20.15 hrs. PONTEVEDRA. Mitín no Recinto Feiral con Teresa Táboas e Anxo Quintana.

- 23 de febreiro, luns. POIO. Mitín con Teresa Táboas. Hora e lugar por confirmar.

- 27 de febreiro, venres. VIGO, Mitín peche campaña no Pavillón de As Travesas con Teresa Táboas e Anxo Quintana.