PXOM

22/08/09

O BNG denuncia a falta de información sobre o estado da auga tras o verquido no río Verduxo

O Grupo Municipal do BNG critica a actitude tanto do Concello como da Xunta de Galiza ao tratar de ocultar información sobre o verquido procedente da EDAR de Ponte Caldelas, que o pasado 16 de agosto afectou a uns 10 quilómetros do río Verduxo e á desembocadura sobre a ría de Vigo. O pasado mércores, 19 de agosto, o Goberno municipal do PP garantiu mediante avisos nas inmediacións das praias a calidade das augas nos areais de Arcade, cualificándoas de aptas para o baño. Porén, Soutomaior conta con máis zonas de baño concorridas, como a da Ponte Colgante, no Val-Sobral, ou a da Fábrica do Inferno, en Vela, lugares nos que o Executivo do PP non está a informar sobre o estado da auga tras a grave vertedura.

O BNG de Soutomaior censura o desleixo da Xunta de Galiza ao non ter informado desde o primeiro momento os veciños e veciñas afectadas, os concellos, as entidades de pesca fluvial, de baixura e marisqueo do fondo da ría de Vigo ou as empresas de depuración de moluscos localizadas na área. Así, ao longo do domingo os usuarios dos areais bañáronse nas augas contaminadas ao non contar con información acerca da vertedura. Algúns bañistas mesmo tiveron que acudir aos centros de saúde, tal e como recomendou o Seprona.

Diante desta situación, o BNG vén de rexistrar, a través dos seus deputados Bieito Lobeira e Teresa Táboas, unha serie de iniciativas parlamentares para interesarse sobre a situación actual e as medidas que a Xunta de Galiza ten previsto adoptar para que actos como estes non queden impunes nin se volvan repetir. Os parlamentares esíxenlle ao Executivo do PP unha información veraz, dando conta do resultado das mostras e analíticas realizadas no río e na ría, a adopción de medidas para restituír o medio á súa situación anterior á vertedura, a depuración de responsabilidades, a adopción de medidas correctoras para evitar a repetición de episodios tan graves como este, e a indemnización ou compensación económica aos sectores afectados.

04/08/09

O BNG de Soutomaior quere garantir a gratuidade total dos libros de texto e o proxecto do Hospital Único de Pontevedra 100 por cento público

O Grupo Municipal do BNG de Soutomaior presentará unha moción no Pleno que se celebra o vindeiro 30 de xullo para que o Goberno local inste a Xunta a garantir a gratuidade dos libros de texto e do material curricular no vindeiro curso académico. E é que o BNG considera inaceptábel a supresión desta medida implantada polo bipartito, xa que atenta ao carácter público e gratuíto do ensino. O novo sistema proposto polo Goberno do PP non pode ser a resposta aos problemas económicos na actual situación, tal e como argumentou o conselleiro Jesús Vázquez Abad, xa que no canto de aforrar supón un recorte de prestacións. Non se pode comparar un sistema universal, que lle dá cobertura ao 100 por cento da poboación, cun sistema que segundo a propia Consellaría de Educación aspira a darlle cobertura só ao 25 por cento. O custe real do modelo proposto polo PP, en condicións homoxéneas, é dicir, dándolle cobertura ao 100 por cento do alumnado, ascendería a 196 millóns de euros no período 2009-2013 e a 280 millóns euros no período 2013-2017, é dicir 330 millóns de euros máis que o previsto polo bipartito, 3,2 veces máis. Ademais, segundo a documentación difundida polo Goberno, as familias terán que adiantar os cartos, sen saber se terán dereito a axuda.
Pola outra banda, e tendo en conta que a Sanidade é un dos alicerces nos que se basea a igualdade e a xustiza social, o BNG de Soutomaior propón que se lle esixa á Xunta a construción do Hospital Único da área sanitaria norte de Pontevedra, un equipamento que contará cun mínimo de 800 camas dende a súa entra da en servizo. O Grupo Municipal reclama ademais a ampliación da carteira de servizos da área sanitaria de acordo coas necesidades sanitarias da mesma e demanda o compromiso do financiamento e xestión 100 por cento público deste hospital. Na mesma liña pide que o Goberno galego garanta os compromisos orzamentarios, de xestión e de execución que non supoñan nin máis atrasos nin máis atrancos na construción do hospital que o PP pretende paralizar.

02/08/09

O Concello de Soutomaior non informará sobre o Conde até dentro de dous meses

O xoves 30 celebrouse en Soutomaior un Pleno no que o BNG instou o PP a dotalo da información relativa ao proceso xudicial do Conde. O alcalde, Agustín Reguera, non contestou a pregunta dos nacionalistas e emprazounos até o seguinte Pleno, que terá lugar dentro de dous meses. O BNG de Soutomaior láiase de non poder ofrecerlles aos veciños e veciñas a información que veñen reclamando.

O BNG tamén interpelou o Goberno municipal sobre a Oferta Pública de Emprego da Administración; en concreto, onde apareceu publicada e a través de que convenio contratou o Concello traballadores. Outra das preguntas dos nacionalistas referiuse ao futuro da sucursal de Banesto de Soutomaior, pechada desde hai meses e na que, malia terse comprometido, o caixeiro estivo durante días inoperativo. O BNG considera que o Concello debería mediar coa entidade financeira para non deixar os veciños e veciñas sen este servizo –tendo en conta que a de Banesto era a única entidade financeira en Soutomaior–.

No que atinxe ás mocións, BNG, PP e PSOE votaron a favor da proposta nacionalista de informar a cidadanía dos trámites que deben seguir a hora de dirixirse ás distintas delegacións da Xunta de Galiza despois do PP ter estabelecido unha nova división territorial da Administración provincial. Nesta liña, o BNG dubida que os funcionarios nomeados xefes nas delegacións vaian contar coa mesma retribución que posuían, incumprindo a suposta austeridade que defende o Goberno do PP na Galiza.

En canto á moción do BNG para a construción dun centro de día –medida recollida no programa electoral do PP nas eleccións galegas–, os nacionalistas votaron a favor, o PSOE votou a favor e o PP, en contra.

O BNG tamén presentou unha moción na que insta a Xunta de Galiza a manter o sistema de gratuidade total dos libros de texto impulsada polo bipartito. O BNG votou a favor da medida, ao igual que o PSOE, mentres que o PP votou en contra. Para os nacionalistas non se pode comparar un sistema universal, que lle dá cobertura ao 100 por cento da poboación, cun sistema que segundo a propia Consellaría de Educación aspira a darlle cobertura só ao 25 por cento. O custe real do modelo proposto polo PP, en condicións homoxéneas, é dicir, dándolle cobertura ao 100 por cento do alumnado, ascendería a 196 millóns de euros no período 2009-2013 e a 280 millóns euros no período 2013-2017, é dicir 330 millóns de euros máis que o previsto polo bipartito, 3,2 veces máis. Ademais, as familias terán que adiantar os cartos, sen saber se terán dereito a axuda. As solicitudes irán acompañadas da última declaración da renda, a correspondente ao exercicio 2008. Como se van acreditar os ingresos daquelas familias que non estén obrigadas a presentar a declaración polo IRPF, e que son a maioría das potenciais beneficiarias destas axudas?, pregúntase o BNG.

En canto á moción presentada polos nacionalistas sobre o Hospital Único de Pontevedra, o BNG votou a favor, o PSOE abstívose e o PP votou en contra. O BNG esíxelle á Administración que non desperdicie os gastos da ampliación de Montecelo, que o PP levou a cabo. “Cando pedimos un novo dixeron que non”, lembra o portavoz nacionalista no Concello de Soutomaior, Fernando Herrero. “Montecelo e o novo hospital non son incompatíbeis, pero cómpre executar o orzamento íntegro destinado a Montecelo e que despois se execute o outro hospital co investimento previsto de 180 millóns de euros”, engade. O Grupo Municipal reclama ademais a ampliación da carteira de servizos da área sanitaria de acordo coas necesidades sanitarias da mesma e demanda o compromiso do financiamento e xestión 100 por cento público deste hospital. Na mesma liña, o BNGs pide que o Goberno galego garanta os compromisos orzamentarios, de xestión e de execución que non supoñan nin máis atrasos nin máis atrancos na construción do hospital que o PP pretende paralizar.