O Grupo Municipal do BNG de Soutomaior presentará unha moción no Pleno que se celebra o vindeiro 30 de xullo para que o Goberno local inste a Xunta a garantir a gratuidade dos libros de texto e do material curricular no vindeiro curso académico. E é que o BNG considera inaceptábel a supresión desta medida implantada polo bipartito, xa que atenta ao carácter público e gratuíto do ensino. O novo sistema proposto polo Goberno do PP non pode ser a resposta aos problemas económicos na actual situación, tal e como argumentou o conselleiro Jesús Vázquez Abad, xa que no canto de aforrar supón un recorte de prestacións. Non se pode comparar un sistema universal, que lle dá cobertura ao 100 por cento da poboación, cun sistema que segundo a propia Consellaría de Educación aspira a darlle cobertura só ao 25 por cento. O custe real do modelo proposto polo PP, en condicións homoxéneas, é dicir, dándolle cobertura ao 100 por cento do alumnado, ascendería a 196 millóns de euros no período 2009-2013 e a 280 millóns euros no período 2013-2017, é dicir 330 millóns de euros máis que o previsto polo bipartito, 3,2 veces máis. Ademais, segundo a documentación difundida polo Goberno, as familias terán que adiantar os cartos, sen saber se terán dereito a axuda.
Pola outra banda, e tendo en conta que a Sanidade é un dos alicerces nos que se basea a igualdade e a xustiza social, o BNG de Soutomaior propón que se lle esixa á Xunta a construción do Hospital Único da área sanitaria norte de Pontevedra, un equipamento que contará cun mínimo de 800 camas dende a súa entra da en servizo. O Grupo Municipal reclama ademais a ampliación da carteira de servizos da área sanitaria de acordo coas necesidades sanitarias da mesma e demanda o compromiso do financiamento e xestión 100 por cento público deste hospital. Na mesma liña pide que o Goberno galego garanta os compromisos orzamentarios, de xestión e de execución que non supoñan nin máis atrasos nin máis atrancos na construción do hospital que o PP pretende paralizar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario