PXOM

02/08/09

O Concello de Soutomaior non informará sobre o Conde até dentro de dous meses

O xoves 30 celebrouse en Soutomaior un Pleno no que o BNG instou o PP a dotalo da información relativa ao proceso xudicial do Conde. O alcalde, Agustín Reguera, non contestou a pregunta dos nacionalistas e emprazounos até o seguinte Pleno, que terá lugar dentro de dous meses. O BNG de Soutomaior láiase de non poder ofrecerlles aos veciños e veciñas a información que veñen reclamando.

O BNG tamén interpelou o Goberno municipal sobre a Oferta Pública de Emprego da Administración; en concreto, onde apareceu publicada e a través de que convenio contratou o Concello traballadores. Outra das preguntas dos nacionalistas referiuse ao futuro da sucursal de Banesto de Soutomaior, pechada desde hai meses e na que, malia terse comprometido, o caixeiro estivo durante días inoperativo. O BNG considera que o Concello debería mediar coa entidade financeira para non deixar os veciños e veciñas sen este servizo –tendo en conta que a de Banesto era a única entidade financeira en Soutomaior–.

No que atinxe ás mocións, BNG, PP e PSOE votaron a favor da proposta nacionalista de informar a cidadanía dos trámites que deben seguir a hora de dirixirse ás distintas delegacións da Xunta de Galiza despois do PP ter estabelecido unha nova división territorial da Administración provincial. Nesta liña, o BNG dubida que os funcionarios nomeados xefes nas delegacións vaian contar coa mesma retribución que posuían, incumprindo a suposta austeridade que defende o Goberno do PP na Galiza.

En canto á moción do BNG para a construción dun centro de día –medida recollida no programa electoral do PP nas eleccións galegas–, os nacionalistas votaron a favor, o PSOE votou a favor e o PP, en contra.

O BNG tamén presentou unha moción na que insta a Xunta de Galiza a manter o sistema de gratuidade total dos libros de texto impulsada polo bipartito. O BNG votou a favor da medida, ao igual que o PSOE, mentres que o PP votou en contra. Para os nacionalistas non se pode comparar un sistema universal, que lle dá cobertura ao 100 por cento da poboación, cun sistema que segundo a propia Consellaría de Educación aspira a darlle cobertura só ao 25 por cento. O custe real do modelo proposto polo PP, en condicións homoxéneas, é dicir, dándolle cobertura ao 100 por cento do alumnado, ascendería a 196 millóns de euros no período 2009-2013 e a 280 millóns euros no período 2013-2017, é dicir 330 millóns de euros máis que o previsto polo bipartito, 3,2 veces máis. Ademais, as familias terán que adiantar os cartos, sen saber se terán dereito a axuda. As solicitudes irán acompañadas da última declaración da renda, a correspondente ao exercicio 2008. Como se van acreditar os ingresos daquelas familias que non estén obrigadas a presentar a declaración polo IRPF, e que son a maioría das potenciais beneficiarias destas axudas?, pregúntase o BNG.

En canto á moción presentada polos nacionalistas sobre o Hospital Único de Pontevedra, o BNG votou a favor, o PSOE abstívose e o PP votou en contra. O BNG esíxelle á Administración que non desperdicie os gastos da ampliación de Montecelo, que o PP levou a cabo. “Cando pedimos un novo dixeron que non”, lembra o portavoz nacionalista no Concello de Soutomaior, Fernando Herrero. “Montecelo e o novo hospital non son incompatíbeis, pero cómpre executar o orzamento íntegro destinado a Montecelo e que despois se execute o outro hospital co investimento previsto de 180 millóns de euros”, engade. O Grupo Municipal reclama ademais a ampliación da carteira de servizos da área sanitaria de acordo coas necesidades sanitarias da mesma e demanda o compromiso do financiamento e xestión 100 por cento público deste hospital. Na mesma liña, o BNGs pide que o Goberno galego garanta os compromisos orzamentarios, de xestión e de execución que non supoñan nin máis atrasos nin máis atrancos na construción do hospital que o PP pretende paralizar.

Ningún comentario: