PXOM

14/09/09

A Xunta deixa sen clase o alumnado dunha escola de Soutomaior pola falta de mestres

O BNG leva o atraso do curso escolar na Escola Infantil de Romariz ao Parlamento e insta á Consellaría de Educación a explicar os motivos polos que non contratou un substituto ou substituta

A falta de mestres vén de provocar o atraso no inicio do curso na Escola de Educación Infantil (EEI) de Romariz –en Soutomaior–, onde 19 alumnos e alumnas ficaron o xoves e o venres sen clases. O Grupo Municipal do BNG sinala que a mestra titular do centro se atopa de baixa por maternidade e denuncia que a Consellaría de Educación non realizou o chamamento do substituto ou substituta.

Os pais e nais do alumnado afectado non recibiron información ningunha do atraso do inicio do curso e criticaron non terse decatado de que os seus fillos e fillas quedarían sen clases até o propio xoves 10 de setembro –día no que comezou a tempada escolar para os alumnos de Infantil e de Primaria–. Chegadas ás 10.00 horas da mañá, as familias das crianzas abandonaron o edificio ao comprobar que non aparecía ningún mestre ou mestra para atender os nenos e as nenas. E é que o Goberno Municipal do PP en Soutomaior e a Consellaría de Educación non os informaron nin sequera a través dun aviso ou dun cartel na porta do centro.

O BNG de Soutomaior censura que o Goberno municipal do PP non xestionase con anterioridade a substitución da mestra que se atopa de baixa por maternidade. O Grupo Municipal considera que a responsábel de Educación do Concello de Soutomaior debería ter confirmado a comezos de setembro que o curso ía comezar con normalidade nos centros educativos da localidade. Deste xeito, teríase evitado que o alumnado da EEI de Romariz quedase sen clases.

Por outra banda, o BNG de Soutomaior denuncia a existencia de refugallos e de material escolar nas proximidades do centro. Neste sentido, solicítalle ao Goberno Municipal do PP que inicie os trámites para recoller os escombros que permanecen arestora nos arredores do centro.

O BNG leva o caso ao Parlamento

A deputada e portavoz de Educación do BNG no Parlamento de Galiza, Carme Adán, rexistrou unha pregunta na que lle pide á Xunta de Galiza explicacións polo atraso do curso na EEI de Romariz, por non ter informado os pais e nais e por non ter contratado con anterioridade un substituto ou substituta que cubra a baixa por maternidade da mestra titular. “Queremos coñecer se a falta dun mestre ou mestra na EEI de Romariz se debe a un recorte orzamentario da Consellaría de Educación”, apunta Carme Adán.

A parlamentar nacionalista asegura que o de Soutomaior é un exemplo dos centos de casos que se están a dar en toda Galiza pola “desastrosa xestión” da Consellaría de Educación dirixida por Xesús Vázquez.

Ningún comentario: