PXOM

05/10/09

O PP rexeita pagarlle indemnizacións aos afectados polo verquido no Verduxo

No Pleno celebrado o pasado xoves, día 24, o PP rexeitou introducir os acordos do BNG na moción presentada polos populares para instar a Xunta de Galiza á recuperación medioambiental do río Verduxo tras o verquido da EDAR de Ponte Caldelas o pasado 16 de agosto e a consensuar a recuperación co Concello de Soutomaior. O BNG critica abertamente a exposición de motivos da moción do PP –que gababa actuación do Goberno de Agustín Reguera nos días inmediatos ao verquido– ao considerar que faltou transparencia informativa tanto por parte do Concello de Soutomaior como por parte da Xunta de Galiza.

O Grupo Municipal do BNG expuxo dous acordos á moción para indemnizar os colectivos afectados directamente polo verquido e para instar a Xunta de Galiza a realizar un control exhaustivo sobre as EDAR que verten no río Verduxo. Con todo, o PP desestimou as dúas peticións dos nacionalistas. Ao non engadir os dous acordos, o BNG abstívose.

As mocións nas que o BNG insta o Concello de Soutomaior a que se garanta a recollida de residuos voluminosos –logo do anuncio do cesamento da recepción destes refugallos por parte da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama)– e a que se axilice a aplicación do bono social da tarifa eléctrica saíron adiante grazas ao apoio dos nacionalistas, e do PP e do PSOE, que votaron a favor.

Falta de información sobre o Conde

Pola outra banda, no Pleno celebrado o pasado día 24, o Goberno local contestou a pregunta formulada en xullo polo BNG na que instaba o PP a dotalo da información relativa ao proceso xudicial do Conde. Daquela, o alcalde, Agustín Reguera, non contestou a pregunta dos nacionalistas e emprazounos até o Pleno de setembro.

Desta vez, só informou de que presentaron un recurso de casación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), pero non contestou nada máis. “Agora temos que agardar outros dous meses –até o próximo Pleno– para saber se o recurso foi admitido e se sae adiante”, explica o portavoz municipal do BNG, Fernando Herrero. O portavoz nacionalista en Soutomaior censura que Reguera “só tenta gañar tempo para atrasar o proceso do Conde”.

02/10/09

O BNG de Soutomaior organiza unhas rutas de sendeirismo polo concello

O BNG de Soutomaior organiza unhas xornadas de sendeirismo para toda a veciñanza nas que se percorrerán diversos espazos naturais do concello. Os roteiros, que se desenvolverán nas mañás dos domingos 4 de outubro, 25 de outubro e 8 de novembro, teñen como obxectivo dar a coñecer o patrimonio cultural, histórico e natural de Arcade e de Soutomaior a través dos vieiros históricos que ao longo dos anos vertebraron a vida tradicional do concello. As xornadas suspenderanse en caso de chuvia intensa.

As Devesas e As Chans”, a primeira das rutas –de dificultade media-baixa– celebrarase o vindeiro domingo, 4 de outubro, ás 10.30 horas da mañá. Sairase da Igrexa de Arcade e percorreranse seis quilómetros en dúas horas, aproximadamente.

“Subida polo Verduxo” –de dificultade media e de dúas horas de duración aproximada– terá lugar o domingo 25 de outubro. Con saída desde Ponte Canal (Ponte de Comboa) ás 10.30 horas da mañá, percorreranse os lugares máis senlleiros das beiras do Verduxo ao longo de nove quilómetros.

“Sendeiros das Hermidas” –de dificultade media-alta– desenvolverase o 8 de novembro a partir das 10.30 horas da mañá. Con saída da Igrexa de Arcade, percorrerá 12 quilómetros até chegar a San Caetano (en Soutomaior), onde terá lugar un xantar.