PXOM

09/01/10

O BNG denuncia que veciños de Soutomaior carecen de acceso ás súas vivendas


Na actualidade, aínda existen veciños e veciñas de Soutomaior que non teñen acceso con vehículos aos seus domicilios. Neste senso, o BNG presentou unha pregunta no último Pleno municipal, celebrado a finais de novembro. Nela interpela o Goberno local do PP acerca de dúas vivendas no Rial ás que non se pode acceder co coche, tendo en conta a gran cantidade de fondos e de asfalto que o Concello de Soutomaior gastou en obras de menor importancia para o benestar da veciñanza.

O Grupo Municipal do BNG denuncia que nesas casas viven persoas con mobilidade reducida e que precisan de axuda sanitaria. Un dos afectados ten que ser desprazado polos familiares a uns 150 metros da propiedade para que poder ser recollido por un vehículo. O BNG de Soutomaior lembra que un grupo de veciños e veciñas xa presentara un escrito –con data do 28 de novembro do 1989– no que se reclamaba o arranxo do camiño. Ante a falta de atención por parte da Administración, o grupo de veciños e veciñas volveu presentar outro documento o 17 de xaneiro do 2006. Ante esta situación, o Grupo Municipal do BNG critica o desleixo do Goberno do PP, que a finais do 2009 segue sen tomar medidas ao respecto.

Ningún comentario: