PXOM

17/01/10

O BNG leva ao Parlamento a insalubridade na que se atopa o porto de Arcade pola proliferación de ratas

Bieito Lobeira e Teresa Táboas presentan unha pregunta relativa ás medidas que adoptará Portos de Galiza para a desratización das instalacións portuarias

O Grupo Parlamentar do BNG vén de levar ao Parlamento de Galiza a insalubridade na que se atopa o peirao de Arcade, ante a proliferación e invasión de ratas. O deputado Bieito Lobeira e a deputada Teresa Táboas presentaron unha pregunta para a súa resposta escrita relativa ás medidas que se adoptarán para a desratización do porto e da lonxa.

A Asociación de Naseiros “Alvedosa” denunciou hai uns días publicamente a situación extrema á que se está a chegar, xa que ademais de supoñer un evidente problema de saúde pública, a presenza de numerosas ratas implica un forte impacto sobre a actividade pesqueira que se desenvolve desde estas instalacións portuarias.

As ratas roen e devoran as nasas e os aparellos das embarcacións, provocándolles importantes danos e mesmo inutilizándoas. De aí que os naseiros sufran prexuízos económicos. E é que hoxe en día este colectivo non dispón de ningún tipo de nave ou instalación no que almacenar e protexer os seus aparellos.

Ante a situación, Lobeira e Táboas preguntan que medidas ten previsto adoptar o ente público Portos de Galiza para desratizar a lonxa e o porto de Arcade e en que prazo concreto se farán efectivas devanditas medidas. Tamén interpelan o organismo acerca de se é consciente de que a actual situación se converte nun problema de saúde pública e de que significa tamén un duro impacto económico sobre o colectivo de naseiros.

Ademais, os parlamentares do BNG pregúntanlle a Portos de Galiza se se vai pór en contacto por este motivo coa Asociación de Naseiros “Alvedosa”. Por último, Lobeira e Táboas interpelan o ente público sobre se ten previsto dotar os naseiros de instalacións portuarias nas que gardar e protexer os seus aparellos e material.

Ningún comentario: