22/03/10
O BNG de Soutomaior denuncia que o Plan de Ordenación do Litoral é tremendamente agresivo con Arcade
O BNG de Soutomaior leva ao Pleno que se celebrará este xoves, 25 de marzo, o Plan de Ordenación do Litoral (POL), que se atopa arestora en trámites de consulta nos diferentes concellos. Ademais de criticar o escurantismo co que se está a tratar o plano e a grafía pobre que induce a confusións, os nacionalistas denuncian o silenciamento do Goberno municipal do PP, “o alcalde cala por disciplina de partido, pero o plano é tremendamente agresivo para Arcade”, explica o portavoz municipal do BNG, Fernando Herrero. “Non é certo que protexa o litoral, e menos no caso de Arcade”, advirte.
O BNG lembra que este plano elimina a carballeira do Peirao como zona protexida. Pola contra, equipamentos como a depuradora e o pozo de tormentas son preservados dentro dun espazo ecolóxico. Tamén fica afectado polo POL todo o núcleo urbano –Roxelio Landeiro, a Coutada e parte da rúa Xosé Solla–, o que obrigará os propietarios a catalogar e a presentar perante a Xunta de Galiza calquera tipo de reforma ou construción. “Mesmo o Goberno galego podería ordenar o derribo das vivendas”, explica o portavoz municipal. A protección sobredimensionada abrangue dous regatos, o Daión e o das Devesas. Ademais quedan afectados o cemiterio e o tanatorio, “salvándose de casualidade o Campo Municipal”, advirte Herrero.
Pola contra, o BNG de Soutomaior denuncia que non se protexe nin o Río Verduxo nin un só bosque. “Tal e como está formulado pódese construír enriba da Xunqueira”, sinalan os nacionalistas, que subliñan que as novas construcións do Peirao fican sen ningún tipo de salvagarda. O portavoz municipal do BNG apunta que “en vez de estar pensado para a poboación en xeral, o POL está pensado só para uns poucos”. Herrero engade que “casualmente hai propiedades perfectamente limitadas dentro de zonas de protección paisaxística que quedan sen preservar”.
O BNG insta o Concello a tramitar as alegacións
O BNG, que critica que o POL está deseñado de costas á realidade do país e que xera unha manchea de agravios comparativos, insta a través dunha moción o Concello de Soutomaior a que facilite que os veciños e veciñas poidan presentar suxestións ao POL, comprometéndose a tramitarllas.
Tamén urxe o Concello a que presente, como administración afectada e en defensa do interese xeral da veciñanza, as súas propias alegacións, demandando da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a retirada do Plan de Ordenación do Litoral, cuxa aprobación inicial se agarda para o 15 de maio.
10/03/10
O BNG de Soutomaior explica nun acto público as consecuencias do Plano do Litoral
Celébrase mañá xoves, 11 de marzo, na Casa da Cultura Fernando Pereira de Arcade
O xoves, 11 de marzo, a Casa da Cultura Fernando Pereira de Arcade acolle a partir das 20h30 un acto público no que o BNG explicará o Plano de Ordenación do Litoral (POL) que vén de presentar o PP. O portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Fernando Herrero, e o responsábel comarcal de Política Local e concelleiro de Urbanismo e Ordenación do Territorio de Pontevedra, César Mosqueira, debullarán nunha charla-coloquio dirixida a toda a cidadanía as repercusións do Plan do Litoral elaborado pola Xunta do PP no concello.
O BNG, que aposta por ordenar e protexer o litoral con criterios que respondan ás necesidades do país, salienta que o POL do PP é absolutamente alleo á realidade de Galiza, mesmo podería considerarse propio do Levante español. Ademais, advirte de que a documentación achegada pola Xunta de Galiza contén erros masivos de proteccións innecesarias e desproteccións inxustificadas.
Na charla-coloquio, Herrero e Mosqueira explicarán as inxustizas do POL no Concello de Soutomaior, xa que desafecta boa parte do que ficaba afectado e, de rebote, afecta boa cantidade de zonas que por atoparse máis alá dos