Aféctalles a equipamentos como o tanatorio ou a depuradora e deixa sen protección o río Verduxo ou a carballeira do Peirao
O BNG de Soutomaior leva ao Pleno que se celebrará este xoves, 25 de marzo, o Plan de Ordenación do Litoral (POL), que se atopa arestora en trámites de consulta nos diferentes concellos. Ademais de criticar o escurantismo co que se está a tratar o plano e a grafía pobre que induce a confusións, os nacionalistas denuncian o silenciamento do Goberno municipal do PP, “o alcalde cala por disciplina de partido, pero o plano é tremendamente agresivo para Arcade”, explica o portavoz municipal do BNG, Fernando Herrero. “Non é certo que protexa o litoral, e menos no caso de Arcade”, advirte.
O BNG lembra que este plano elimina a carballeira do Peirao como zona protexida. Pola contra, equipamentos como a depuradora e o pozo de tormentas son preservados dentro dun espazo ecolóxico. Tamén fica afectado polo POL todo o núcleo urbano –Roxelio Landeiro, a Coutada e parte da rúa Xosé Solla–, o que obrigará os propietarios a catalogar e a presentar perante a Xunta de Galiza calquera tipo de reforma ou construción. “Mesmo o Goberno galego podería ordenar o derribo das vivendas”, explica o portavoz municipal. A protección sobredimensionada abrangue dous regatos, o Daión e o das Devesas. Ademais quedan afectados o cemiterio e o tanatorio, “salvándose de casualidade o Campo Municipal”, advirte Herrero.
Pola contra, o BNG de Soutomaior denuncia que non se protexe nin o Río Verduxo nin un só bosque. “Tal e como está formulado pódese construír enriba da Xunqueira”, sinalan os nacionalistas, que subliñan que as novas construcións do Peirao fican sen ningún tipo de salvagarda. O portavoz municipal do BNG apunta que “en vez de estar pensado para a poboación en xeral, o POL está pensado só para uns poucos”. Herrero engade que “casualmente hai propiedades perfectamente limitadas dentro de zonas de protección paisaxística que quedan sen preservar”.
O BNG insta o Concello a tramitar as alegacións
O BNG, que critica que o POL está deseñado de costas á realidade do país e que xera unha manchea de agravios comparativos, insta a través dunha moción o Concello de Soutomaior a que facilite que os veciños e veciñas poidan presentar suxestións ao POL, comprometéndose a tramitarllas.
Tamén urxe o Concello a que presente, como administración afectada e en defensa do interese xeral da veciñanza, as súas propias alegacións, demandando da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a retirada do Plan de Ordenación do Litoral, cuxa aprobación inicial se agarda para o 15 de maio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario