PXOM

02/04/10

Queremos Galego recollerá sinaturas a prol da lingua na Festa da Ostra de Arcade

A plataforma Queremos Galego vén de poñer en marcha novas medidas contra a política lingüística da Xunta de Galiza. Entre elas, a recollida de sinaturas en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para garantir os dereitos lingüísticos dos galegos. A campaña chega esta fin de semana a Arcade (Soutomaior) co gallo da Festa da Ostra.

A plataforma instalará no Peirao da vila unha mesa informativa na que sumará apoios en defensa do estabelecido na Lei de Normalización Lingüística e no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, ambas as normas aprobadas por unanimidade no Parlamento de Galiza nos anos 1983 e 2004, respectivamente.

O colectivo, do que forman parte máis de 600 entidades de toda Galiza, pretende demostrar coa ILP o amplo consenso social co que conta a lingua galega fronte ao extremismo e auto-odio que impulsa o Goberno que dirixe Alberto Núñez Feijóo.

Concerto en Pontevedra

Queremos Galego lembra que esta reivindicación tamén contará cunha vertente lúdico-cultural, coa celebración dun macroconcerto para o 17 de abril no recinto feiral de Pontevedra, onde actuarán Ruxe Ruxe, Luar na Lubre, Zurrumalla, Fuxan os Ventos, Os 3 Trebóns, A Quenlla, Fía na Roca, García MC, Galeoz, Lamatumbá, Os Carunchos, Espido, Uxía Senlle, Berrogüeto e Asociación de Gaiteiros Galegos. A entrada anticipada ten un prezo de 10 euros.

Ningún comentario: