O Grupo Municipal do BNG de Soutomaior vén de presentar para o seu debate e aprobación no vindeiro Pleno unha moción na que insta o Concello a elaborar un plan de recuperación dos muíños. O BNG entende que é deber da Corporación e do Goberno de Soutomaior a conservación das tradicións e do patrimonio do noso termo municipal.
Os nacionalistas lembran que nas parroquias do Concello de Soutomaior fican unha serie de muíños de auga que constitúen unha gran riqueza patrimonial e que son de grande interese para seren expostos como modelo duns tempos nos que se erixían como pezas fundamentais tanto da economía como da vida da veciñanza. Porén, o estado que presentan a meirande parte deles é totalmente ruinoso. Mesmo algúns dos muíños se atopan agochados baixo matos de silveiras e hedras.
Ante esta situación, o Grupo Municipal do BNG de Soutomaior insta o Concello a aprobar un plan de recuperación de muíños deauga coa posta en funcionamento dos mesmos. Para levar a cabo este plan, o BNG apunta que se realizarán as xestións e actuacións que sexan oportunas.
Ante a proximidade da temporada de baño, o Grupo Municipal do BNG de Soutomaior vén de presentar unha moción para debater no próximo Pleno na que solicita a habilitación das zonas de baño do concello. Tamén reclama que se promulgue un bando con estas actuacións, así como o resultado da catalogación das zonas de baño.
Cómpre destacar que a Dirección Xeral de Saúde Pública supervisa, previa solicitude das corporacións municipais, as zonas de baño, facendo comprobacións da calidade microbiolóxica das augas. No caso de Soutomaior, o Concello oferta na súa páxina web dúas zonas de baño marítimas e cinco continentais.
Fernando Herrero, portavoz municipal do BNG, urxe a que se controle a habilitación destas áreas, sobre todo, tendo en conta que no pasado mes se denunciaron novas verteduras na EDAR de Arcade (Soutomaior), caso que foi levado ao Parlamento de Galiza polo BNG a través dos deputados Bieito Lobeira e Teresa Táboas. Herrero tamén lembra que durante o pasado verán, os habitantes de Soutomaior sufriron as consecuencias do verquido de gran magnitude da EDAR de Pontecaldelas. Daquela, algúns bañistas mesmo tiveron que acudir aos centros de saúde, tal e como recomendara o Seprona.
A Xunta de Portavoces do Concello de Soutomaior vén de recoñecer as reclamacións dos nacionalistas sobre o POL
O BNG de Soutomaior congratúlase de que a Xunta de Portavoces veña de asumir a meirande parte das súas reclamacións sobre o Plan de Ordenación do Litoral (POL). Os tres grupos políticos acordaron por unanimidade enviarlle á Xunta de Galiza as suxestións, que principalmente pasan por eliminar as indefinicións do POL e por suprimir a protección esaxerada, peticións que xa formulará o BNG.
“Hai un mes, o PP chamounos alarmistas e agora recollen todas as nosas reclamacións sobre o POL”, subliña o portavoz dos nacionalistas en Soutomaior, Fernando Herrero. E é que a Xunta de Portavoces dos Grupos Políticos do Concello acordaron por unanimidade enviarlle ao Goberno galego unhas suxestións nas que se solicita en gran parte o reclamado anteriormente polo BNG.
No documento que se lle achega á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, os tres grupos sinalan que “se descoñece o alcance das implicacións de cada cualificación: no texto normativo non aclara nada”. Seguindo a liña do censurado polos nacionalistas, a Xunta de Portavoces tamén reclama “maior claridade e precisión nas determinacións que recolle” o POL.
Ademais e como censurara o BNG, os tres grupos políticos critican que o proposto no plan “non está axustado ao territorio existente, xa transformado”. Outra das suxestións recollidas polos grupos é a “definición dun réxime transitorio de aplicación” e a “revisión do modelo virtual utilizado para a análise da protección, sobre todo as do corredor”.
Suxestións específicas
Entre as propostas específicas recollidas na Xunta de Portavoces cómpre destacar que o POL non sexa aplicado “no solo urbano, nas unidades de actuacións aquí delimitadas sexa cal sexa o estado de tramitación do instrumento de xestión e no solo de núcleo rural, tal e como estea delimitado”.
Os tres grupos políticos con representación no Concello de Soutomaior tamén instan a Xunta a que elimine “a protección de mellora ambiental e paisaxística na área comprendida entre o novo corredor do AVE e a estrada N-550, permitindo a ordenación da área.
Ademais, propóñenlle ao Goberno galego “reducir as propostas de protección de corredores ecolóxicos atendendo á topografía, ao parcelario e demais fitos existentes no territorio” nos casos da Fonte da Ribeira-Verdellóns, na Porta Regueira, no Daión-Sucadiña, na Subida a Cochón, en Salgueirón e no Peirao. Neste último, o documento acordado subliña que a protección “carece de entidade, xa que o territorio está formado mediante recheos”.
No que se refire á protección costeira, a Xunta de Portavoces sinala que “en xeral, este tipo de protección se axusta á lexislación sectorial en materia de costas, é dicir, ao deslinde marítimo-terrestre e á protección de costas que define”.
As reiteradas verteduras prexudican a pesca e o marisqueo
Os deputados do BNG Bieito Lobeira e Teresa Táboas veñen de presentar unha pregunta no Parlamento de Galiza para a súa resposta escrita sobre o deficiente funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Arcade e sobre o seu impacto na pesca e no marisqueo. E é que as reiteradas verteduras están a prexudicar a actividade produtiva na enseada de San Simón.
Colectivos profesionais como a Asociación de Naseiros “Alvedosa” teñen denunciado repetidas veces este tipo de episodios contaminantes. “Os traballadores e traballadoras do mar, mariñeiros, mariscadoras a pé e mariscadores a flote non poden ser vítimas da inacción das administracións da que obviamente non son responsábeis”, apuntan os parlamentares.
O BNG sinala como responsábeis do problema tanto o Concello de Soutomaior como a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. “Deben dar explicacións sobre o que está a ocorrer e, sobre todo, deben achegar solucións definitivas que eviten no futuro a reprodución de verteduras contaminantes como as que están a ter lugar en Arcade”, afirman os parlamentares.
Lobeira e Táboas instan a Xunta de Galiza a explicar cales son os problemas que presenta a EDAR, de que administración son responsabilidade, que medidas concretas se van adoptar e o prazo de tempo no que serán efectivas. Ademais, pregúntanlle á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas se é consciente do impacto que o mal funcionamento da EDAR está a provocar sobre os bancos marisqueiros e recursos mariños de Arcade e do fondo da ría de Vigo.
O BNG de Soutomaior tamén levará ao Pleno municipal unha moción nesta liña. Os nacionalistas denunciarán o deficiente funcionamento da EDAR de Arcade e instarán o Concello a tomar as medidas oportunas para pórlles fin ás verteduras.