A Xunta de Portavoces do Concello de Soutomaior vén de recoñecer as reclamacións dos nacionalistas sobre o POL
O BNG de Soutomaior congratúlase de que a Xunta de Portavoces veña de asumir a meirande parte das súas reclamacións sobre o Plan de Ordenación do Litoral (POL). Os tres grupos políticos acordaron por unanimidade enviarlle á Xunta de Galiza as suxestións, que principalmente pasan por eliminar as indefinicións do POL e por suprimir a protección esaxerada, peticións que xa formulará o BNG.
“Hai un mes, o PP chamounos alarmistas e agora recollen todas as nosas reclamacións sobre o POL”, subliña o portavoz dos nacionalistas en Soutomaior, Fernando Herrero. E é que a Xunta de Portavoces dos Grupos Políticos do Concello acordaron por unanimidade enviarlle ao Goberno galego unhas suxestións nas que se solicita en gran parte o reclamado anteriormente polo BNG.
No documento que se lle achega á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, os tres grupos sinalan que “se descoñece o alcance das implicacións de cada cualificación: no texto normativo non aclara nada”. Seguindo a liña do censurado polos nacionalistas, a Xunta de Portavoces tamén reclama “maior claridade e precisión nas determinacións que recolle” o POL.
Ademais e como censurara o BNG, os tres grupos políticos critican que o proposto no plan “non está axustado ao territorio existente, xa transformado”. Outra das suxestións recollidas polos grupos é a “definición dun réxime transitorio de aplicación” e a “revisión do modelo virtual utilizado para a análise da protección, sobre todo as do corredor”.
Suxestións específicas
Entre as propostas específicas recollidas na Xunta de Portavoces cómpre destacar que o POL non sexa aplicado “no solo urbano, nas unidades de actuacións aquí delimitadas sexa cal sexa o estado de tramitación do instrumento de xestión e no solo de núcleo rural, tal e como estea delimitado”.
Os tres grupos políticos con representación no Concello de Soutomaior tamén instan a Xunta a que elimine “a protección de mellora ambiental e paisaxística na área comprendida entre o novo corredor do AVE e a estrada N-550, permitindo a ordenación da área.
Ademais, propóñenlle ao Goberno galego “reducir as propostas de protección de corredores ecolóxicos atendendo á topografía, ao parcelario e demais fitos existentes no territorio” nos casos da Fonte da Ribeira-Verdellóns, na Porta Regueira, no Daión-Sucadiña, na Subida a Cochón, en Salgueirón e no Peirao. Neste último, o documento acordado subliña que a protección “carece de entidade, xa que o territorio está formado mediante recheos”.
No que se refire á protección costeira, a Xunta de Portavoces sinala que “en xeral, este tipo de protección se axusta á lexislación sectorial en materia de costas, é dicir, ao deslinde marítimo-terrestre e á protección de costas que define”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario