PXOM

24/05/10

O BNG insta o Concello de Soutomaior a elaborar un plan de recuperación dos muíños

O Grupo Municipal do BNG de Soutomaior vén de presentar para o seu debate e aprobación no vindeiro Pleno unha moción na que insta o Concello a elaborar un plan de recuperación dos muíños. O BNG entende que é deber da Corporación e do Goberno de Soutomaior a conservación das tradicións e do patrimonio do noso termo municipal.

Os nacionalistas lembran que nas parroquias do Concello de Soutomaior fican unha serie de muíños de auga que constitúen unha gran riqueza patrimonial e que son de grande interese para seren expostos como modelo duns tempos nos que se erixían como pezas fundamentais tanto da economía como da vida da veciñanza. Porén, o estado que presentan a meirande parte deles é totalmente ruinoso. Mesmo algúns dos muíños se atopan agochados baixo matos de silveiras e hedras.

Ante esta situación, o Grupo Municipal do BNG de Soutomaior insta o Concello a aprobar un plan de recuperación de muíños de auga coa posta en funcionamento dos mesmos. Para levar a cabo este plan, o BNG apunta que se realizarán as xestións e actuacións que sexan oportunas.

Ningún comentario: