“Que faga como cando inauguraron a depuradora, que o conselleiro dixo entón que se podía beber auga do emisario”
O portavoz do BNG de Soutomaior, Fernando Herrero, convida o alcalde Agustón Reguera a que demostre o “bo funcionamento” da depuradora de Arcade, despois de que o popular eludise a súa ineficacia e irresponsabilidade “botándolle a culpa aos que nos preocupamos pola veciñanza.
Herrero lembra que en ningún caso o BNG nomeou a zona cualificada como categoría C, algo que si fixo Reguera, “quen asegurou que esta área non lle afecta ás mariscadoras e mariscadores de Arcade, o cal evidencia que non sabe onde faenan”, sinala o nacionalista. “Nós corroboramos que lle afectaban a máis mariscadores de concellos que traballan nesa zona e démolo a coñecer para que se tomen as medidas oportunas”, engade o portavoz.
Nesta liña, o BNG esixe que se adopten liñas de acción concretas para sanear o fondo da ría de Vigo. Ademais, culpa as administracións tanto local como autonómica do estado de “desidia” e do “abandono de funcións” á hora de terminar con esta lacra que extermina un sector produtivo vital para Galiza e que o BNG sempre defendeu. Para evitar que aumenten as zonas C, o portavoz municipal reclama actuacións urxentes con prazos e orzamento. Tamén pide que se corrixan os vertidos que saen directamente aos ao río e á ría sen pasar pola depuradora.
Por último, ante as acusacións de Reguera, Herrero advirte de que é a Xunta de Galiza e en ningún caso o BNG quen delimita as zonas.


