PXOM

15/06/10

A contaminación da EDAR de Arcade impide o marisqueo a pé


A pasividade da Xunta e do Concello de Soutomaior afecta gravemente ao principal sector económico e xerador de emprego


Esta mañá en rolda de prensa, o portavoz de Pesca do Grupo Parlamentar do
BNG, Bieito Lobeira, o portavoz municipal do BNG en Soutomaior, Fernando Herrero, a responsábel comarcal do BNG en Pontevedra, Anxos Riveiro e mais a Asociación de Naseiros reiteraron as súas denuncias a respecto do sistema de depuración elixido para os concellos do fondo da enseada da Ría de Vigo.

Cando se instalaron as depuradoras (EDAR de Arcade e de Comboa), o BNG xa expresou a súa preocupación polo tipo de instalación escollida –que non se adaptaba a unha rede de sumidoiros que carece de separativa de augas pluviais e fecais–, as súas situacións –nas proximidades de importantes bancos marisqueiros e das zonas de baño máis frecuentadas–, por non recoller todos os vertidos que se fan ao río e á ría e por ter unhas condicións de funcionamento inasumíbeis –ao recoller expresamente que en determinados casos poden realizar verteduras sen ningún tipo de depuración.

O Goberno municipal do PP e a Xunta de Galiza, en resposta a iniciativas presentados polo BNG, tanto no Concello como no Parlamento galego, menten ao afirmar que a depuradora funciona correctamente, e que as obras realizadas subsanaron todas as deficiencias.

A realidade é ben distinta, e a Xunta vén de declarar unha das zonas de marisqueo como zona C, por coliformes e augas fecais. Esta catalogación prohibe o marisqueo, co que afecta gravemente ao emprego e á actividade económica.

O BNG cualifica de irresponsábel a actitude das institucións competentes (Concello de Soutomaior e Xunta de Galiza), xa que as verteduras afectan ao principal sector económico desta ampla zona que abarca os concellos de Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Moaña, Cangas e a parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio. Neste momento, só en Arcade, hai 230 persoas que viven de forma directa do marisqueo.

Lobeira e Herrero lembraron que o BNG vai seguir defendendo unha alternativa a esta situación, demandando da Xunta de Galiza e do Concello de Soutomaior orzamentos suficientes e calendario concreto para o saneamento integral do fondo da ría de Vigo.

Ningún comentario: