PXOM

19/06/10

O BNG de Soutomaior pecha o ciclo de rutas até o outono

O domingo “En marcha co BNG” percorrerá os “Sendeiros das Ermidas” a partir das 10h30

O BNG de Soutomaior pecha este domingo 20 de xuño o programa de sendeirismo creado para dar a coñecer os espazos naturais do concello. A ruta circular “Sendeiros das Ermidas”, que partirá ás 10h30 do Chan de Salgueirón, ponlle punto final a “En marcha co BNG” até o outono. Nesta andaina –de dificultade media e duns 10 km– visitaremos o Monte do Ouro, Bochaín, Alto dos Pereiros, A Feixoeira (onde se atopan os límites do concello), O Alto do Viso, A Peneda (como formación granítica, o castro prerrománico, a fortaleza arcebispal, a ermida e as vistas sobre a ría), O Viso, Alxán de Arriba, Capela de San Caetano, Castelo (e as especies do seu bosque), O Toural, O monte de Pozo Vello, A Golbada, A Escorregadoira, e, de novo, Salgueirón.

Para despedirmos as rutas, desta vez comeremos polo camiño. O xantar será no recinto de San Caetano ao redor das 14h30. Ademais da comida, suxerimos que os participantes leven roupa axeitada –pantalóns longos e camisola de manga longa–, botas ou zapatillas de camiñar, gorro ou viseira e un caxato ou pau.

A finalidade de “En marcha co BNG” pasa por dar a coñecer o patrimonio cultural, histórico e natural de Arcade e de Soutomaior a través dos vieiros históricos que ao longo dos anos vertebraron a vida tradicional do concello.

Ningún comentario: