PXOM

08/06/10

O BNG presenta, como medida de loita contra a crise, unha proposta para a creación de máis obradoiros de emprego que é rexeitada polo Partido Popular.

Tamén vota en contra da recuperación dos muíños, da mellora dos sumidoiros e de ratificar o acordo do Plan Xeral da Lingua Galega

No derradeiro Pleno municipal, o PP rexeitou unha moción do BNG na que os nacionalistas reclamaban novos obradoiros de emprego, ademais do de cociña. “En épocas de crise, cómpre incentivar o traballo nas localidades”, sinala Fernando Herrero, portavoz municipal do BNG. E é que os populares xustificaron coa actual situación económica os votos en contra a unha iniciativa que axudaría a dinamizar o emprego no Concello de Soutomaior.

Igual sorte correu a moción do BNG a prol do plan de recuperación dos muíños, que moitos deles fican agochados polas silveiras. Os nacionalistas entenden que debe ser a Corporación Municipal quen actúe para conservar as tradicións do concello. O Grupo do PP anunciou no debate do Pleno que unha empresa privada contratada por Augas de Galiza (Consellaría de Medio Ambiente) vai facer un estudo do patrimonio etnográfico. “Con tal motivo ten máis lóxica preparar un plan de recuperación dos muíños”, subliña Herrero.

A moción do BNG para arranxar os problemas que causa a estación de bombeo dos sumidoiros da Cagazó tamén contou cos votos en contra do PP. “Parte destes problemas arranxaríanse colocando un tubo ao nivel do río no espazo destinado ao paseo entre as pontes. Aproveitando as obras que se están desenvolvendo nesa zona polo AVE, consideramos o momento oportuno para a colocación deste tubo de recollida dende a estación de bombeo até o tubo que vai dende praia Matilde até a depuradora”, explica Herrero. O portavoz municipal do BNG defende que se trataría dunha obra “de futuro”, “xa que se eliminarían os verquidos incontrolados”.

Tamén recibiu o rexeitamento do PP a moción do BNG na que os nacionalistas instaban a recuperar o consenso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), aprobado no Parlamento de Galiza por unanimidade no 2004 e cuxo contido está a ser incumprido pola actual Xunta de Alberte Núñez Feixóo. O PP tamén votou en contra do apoio do Concello de Soutomaior en defensa da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que, promovida pola plataforma cidadá Queremos Galego, busca garantir os dereitos lingüísticos dos galegos.

Aprobada a habilitación das zonas de baño

No pasado Pleno, os tres grupos aprobaron por unanimidade a moción do BNG na que se solicita a habilitación das zonas de baño do concello. Tamén se acordou promulgar un bando con estas actuacións, así como o resultado da catalogación das zonas de baño. O BNG lembra que o Concello de Soutomaior oferta na súa páxina web dúas zonas de baño marítimas e cinco continentais.

Fernando Herrero, portavoz municipal do BNG, urxe a que se controle a habilitación destas áreas, sobre todo, tendo en conta que no pasado mes se denunciaron novas verteduras na EDAR de Arcade (Soutomaior), caso que foi levado ao Parlamento de Galiza polo BNG a través dos deputados Bieito Lobeira e Teresa Táboas.

Ningún comentario: