PXOM

14/07/10

O BNG de Soutomaior celebra a III Festa Nacionalista

Terá lugar este venres, 16 de xullo, a partir das 22h00 no Peirao de Arcade


O BNG de Soutomaior celebra a III Festa Nacionalista na Carballeira do Peirao de Arcade o vindeiro venres 16 de xullo. No acto, que dará comezo a partir das 22.00 horas, intervirán Fernando Herrero, portavoz municipal do BNG, Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova, e Teresa Táboas, coordinadora da Executiva do BNG e deputada no Parlamento de Galiza. Por terceiro ano consecutivo, os nacionalistas convidan as cidadás e cidadáns a participar neste acto festivo-musical que contará coas actuacións dos grupos “Contrabalde”, “O Leo i Arremecághona”, “Chámalle como queiras” e “DJ Da Terra”. Como en cada edición, haberá postos de comida e bebida a prezos populares.


Esta festa celébrase dentro dos actos previos que o BNG organiza por todo o país con motivo do Día da Patria Galega, que terá como acto central a xa tradicional manifestación do 25 de Xullo polas rúas de Compostela. “Fai valer a túa forza!” é o lema sobre o que xira a campaña do 2010 e co que se chama á defensa do autogoberno de Galiza, actualmente en grave risco, e á defensa dunha economía ao servizo dos galegos e galegas. O BNG quere amosar o rexeitamento da cidadanía ás políticas postas en marcha polo PSOE e polo PP nos Executivos do Estado e Galiza, respectivamente, unhas políticas ao servizo dos intereses privados, da banca e da economía especulativa. Co lema deste ano, o BNG tamén insta a sociedade galega a que faga valer a súa forza individual e colectiva como pobo para reclamar un Estatuto de Nación.

Ningún comentario: