Pide retirar o proxecto de lei ante os incrementos que supón na factura para o uso doméstico, que poderán chegar até o 363%
Despois da rolda informativa organizada polo BNG ao longo dos barrios de Soutomaior e en Arcade para informar a cidadanía da suba de impostos brutal que comporta o proxecto de Lei de Augas do PP, os nacionalistas presentan unha moción –que se debaterá no Pleno deste xoves, 29 de xullo– na que reclaman a retirada desta norma. E é que con esta lei, o PP incrementa de xeito desproporcionado a imposición sobre o uso ou consumo da auga.
Como exemplo, unha persoa que viva soa e que teña un consumo medio duns 3 metros cúbicos ao mes, verá como a carga tributaria do seu recibo da auga aumenta en máis dun 363%; e unha familia de tres membros, con ese mesmo consumo por persoa, terá que soportar un incremento do 171%.
Ademais, con esta lei o PP reduce os consumos asimilábeis a domésticos, pasando dos 3.000 metros cúbicos ao ano actuais a 2.000 metros cúbicos ao ano, o que terá consecuencias moi importantes na suba que van experimentar colexios, centros de saúde, pequenos negocios, hostalaría...
Pagar polos pozos privados
A nova Lei de Augas –que se atopa en trámite parlamentar– suprime as exencións existentes na actualidade para os núcleos de menos de 2.000 habitantes. Esta medida prexudica especialmente os veciños e veciñas do rural, que terán que pagar o canon polo aproveitamento da auga dos seus propios pozos, ou de traídas veciñais –aínda que non teñan servizos públicos de abastecemento de auga ou de saneamento. Esta lei obriga ademais a instalar contadores homologados nos pozos particulares, baixo a ameaza de multas de até 30.000 euros.
Por outra parte, o BNG denuncia que a lei non adopta ningunha medida que veña a incentivar o aforro de auga e “para máis estabelece unha cota para todos os fogares aínda que non teñan consumo de auga”, sinala o portavoz do BNG en Soutomaior, Fernando Herrero. “Trátase dunha política fiscal abusiva que queren aplicarlle a toda a poboación co único obxectivo de recadar”, engade Herrero.
Propostas do BNG
O BNG denuncia que se trata dunha norma elaborada de costas aos concellos. De aí que solicite a súa retirada e a elaboración dun novo proxecto de lei que se someta a consulta pública. Ademais, os nacionalistas propóñenlle ao Pleno da Corporación o cumprimento da Directiva Marco da Auga e inclusión de todos os seus preceptos, garantir o acceso ao ciclo completo da auga a todos os cidadáns e cidadás de Galiza en igualdade de condicións e garantir unha fiscalidade progresiva para a auga en Galiza que de ningún xeito supoña un incremento da carga impositiva na situación actual de crise pola vía dos impostos indirectos.
Ademais, o BNG reclama a regulación e ordenación dos usos da auga que recolla todas as peculiaridades do territorio galego e do acceso á auga, de xeito que se garanta que a auga sexa un servizo universal das galegas e dos galegos. Por último, solicita na moción que se teña en conta unha regulación dos usos industriais da auga que garanta o uso sostíbel do recurso e unha xestión transparente do canón industrial do uso da auga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario