PXOM

30/07/10

O Pleno do Concello de Soutomaior reclama a modificación da nova Lei de Augas

Asume o texto da proposta presentada polo BNG, que xa viña denunciando a brutal suba de impostos que recolle o proxecto de lei da Xunta de Galiza


A rolda informativa organizada polo BNG ao longo dos barrios de Soutomaior e en Arcade para informar a cidadanía da desproporcionada suba de impostos que comporta o proxecto de Lei de Augas do PP deu os seus froitos. E é que o Pleno do Concello de Soutomaior, celebrado o xoves 29 de xullo, acordou reclamarlle á Xunta de Galiza, co apoio do PP local, a modificación desta norma coa que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo tenta incrementar de xeito brutal a imposición sobre o uso ou consumo da auga.


O BNG de Soutomaior congratúlase da decisión do Pleno, que asumiu o texto dos nacionalistas. O portavoz municipal do Bloque, Fernando Herrero, lembra que se trata dunha norma “elaborada de costas aos concellos e a súa elaboración ten que ser sometida a consulta pública”. Os nacionalistas reclaman garantir o acceso ao ciclo completo da auga a todos os cidadáns e cidadás de Galiza en igualdade de condicións e garantir unha fiscalidade progresiva para a auga que de ningún xeito supoña un incremento da carga impositiva na situación actual de crise pola vía dos impostos indirectos.


A nova Lei de Augas –que se atopa en trámite parlamentar– suprime as exencións existentes na actualidade para os núcleos de menos de 2.000 habitantes. Esta medida prexudica especialmente os veciños e veciñas do rural, que terán que pagar o canon polo aproveitamento da auga dos seus propios pozos, ou de traídas veciñais –aínda que non teñan servizos públicos de abastecemento de auga ou de saneamento. Esta lei obriga ademais a instalar contadores homologados nos pozos particulares, baixo a ameaza de multas de até 30.000 euros ou que se lle aplique un consumo estimativo. Neste senso, o portavoz municipal do BNG denuncia que se trata “dunha política fiscal abusiva que queren aplicarlle a toda a poboación co único obxectivo de recadar.


Como exemplo, unha persoa que viva soa e que teña un consumo medio duns 3 metros cúbicos ao mes, verá como a carga tributaria do seu recibo da auga aumenta en máis dun 363%; e unha familia de tres membros, con ese mesmo consumo por persoa, terá que soportar un incremento do 171%.


Por último, o BNG sinala que con esta lei o PP reduce os consumos asimilábeis a domésticos, pasando dos 3.000 metros cúbicos ao ano actuais a 2.000 metros cúbicos ao ano, o que terá consecuencias moi importantes na suba que van experimentar colexios, centros de saúde, pequenos negocios ou na hostalaría, entre outros.

Ningún comentario: