PXOM

06/07/10

A Xunta acomete unha brutal subida de impostos coa nova Lei de auga

O PP quere cobrarlle aos veciños polas súas traídas e pozos particulares

O Partido Popular está a preparar unha brutal, desproporcionada e inxusta subida de impostos coa modificación da Lei de Augas que pretende facer. O Consello da Xunta aprobou o pasado 27 de maio o proxecto da nova Lei de Augas, que neste momento está a debate no Parlamento galego.

Este Proxecto de Lei ten como único obxectivo aumentar a capacidade recadatoria da Xunta, facéndonos pagar a todos os veciños e veciñas un imposto sobre a auga.

Esta suba de impostos que o PP introduce coa nova lei de augas, vai supoñer multiplicar por tres o actual canon para todos os usuarios que teñan abastecemento e saneamento público, pasando dos 100 euros ao ano para vivendas de catro persoas.

O canon da auga gravará por igual o consumo ou utilización da auga procedente de captacións propias (traídas veciñais ou pozos) e a procedente do abastecemento municipal. Só no caso de que os usuarios non dispoñan nin de abastacemento público nin de rede de saneamento pública poderán aplicar unha redución da cota do 80%. Agora ben onde haxa ou cando haxa saneamento terán que pagar a cota íntegra.

Os titulares das captacións propias estarán obrigados a instalar contadores homologados, de non facelo no prazo de seis meses o canon da auga liquidaraselle polo método de estimación obxectiva (en función da concesión de auga que se teña ou do consumo medio dunha vivenda) e poderán ser sancionados con multas de ata 30.000€. Os titulares das traídas colectivas son responsabeis solidarios do pago do canon por parte dos usuarios.

Todos os usuarios de auga van ter que pagar estes novos impostos, xa que se suprimen as exencións que actualmente están vixentes, que beneciaban ao medio rural. Así:

• No novo canon da auga non se exclúe de pagar o imposto a ningún núcleo rural, nin aos de menos de 2.000 habitantes exentos do canon de saneamento na actualidade, nen tan sequera os de 500 habitantes que excluía a lei de 1993.

• Tampouco se exclúen do pago do imposto os núcleos rurais que non teñan rede de saneamento, mentres este non entre en funcionamento.

Ningún comentario: