PXOM

15/11/10

O BNG DENUNCIA AS PRECARIAS CONDICIÓNS EDUCATIVAS NO COLEXIO PÚBLICO DE ARCADE

A requirimento do BNG de Soutomaior, as deputadas Carme Adán e Teresa Táboas, representantes do BNG no Parlamento de Galiza, veñen de denunciar ante dita institución tanto os problemas de conservación como as graves eivas funcionais que presenta o CPI Manuel Padín Truiteiro de Arcade.

A complexa tipoloxía edificatoria que presenta o centro, con tres edificios independentes, e tendo en conta que o de Infantil se atopa separado dos de Primaria e Secundaria a unha distancia duns 500 metros, dificulta tanto o traballo do profesorado, coma o correcto aproveitamento educativo por parte do alumnado. As instalacións de Secundaria son insuficientes, o que obriga ano tras ano a habilitar aulas de xeito moi precario e en locais pouco apropiados no edificio de Primaria. O deterioro da carpintería exterior deste edificio é ostensible e o estado dos cuartos de baño, deplorable e insalubre. Ademais, o alto número de alumnado co que conta implica tamén unha importante proporción de rapaces con necesidades educativas especiais o que, unido á igualmente alta porcentaxe de alumnado inmigrante, con requirimentos específicos para a súa adecuada integración, esixiría indiscutiblemente unha maior dotación en recursos humanos.

Por todo isto, o BNG demandou ante o Parlamento de Galiza que se dote ao CPI de Arcade dunha orientadora a tempo completo –xa que nestes momentos se está a compartir con outros dous centros públicos-, así como dun especialista máis en pedagoxía terapéutica e dun/ha coidador/a, como xa contan as parroquias veciñas de Vilaboa e Pontesampaio cunha matrícula, nos seus respectivos centros de ensino, moi inferior á do CPI de Arcade. Así mesmo, solicitouse o arranxo dos cuartos de baño e da carpintería exterior do edificio de Primaria. Por último, no escrito presentado no rexistro xeral do Parlamento, as deputadas do BNG tamén sinalan que lles parece insuficiente a partida de 70.000 € contemplada nos orzamentos para o 2011 para a construción do novo IES de Soutomaior.

O BNG espera unha rápida resposta a todas estas queixas, xa que se trata dun tema tan sensíbel como é a educación dos nosos fillos e fillas, mais moito nos tememos que a falta de sensibilidade da Xunta do Partido Popular co ensino público persiga precisamente ralentizar un proxecto tan importante para o conxunto da nosa poboación.

Dende o BNG de Soutomaior esiximos a demostración inequívoca dun maior esforzo, tanto por parte do Goberno Local coma por parte da Xunta de Galicia, se de verdade se quere axilizar o proxecto de construción dun novo Instituto no noso Concello.

Ningún comentario: