PXOM

06/11/10

O BNG RECLAMA UN PXOM PARA O CONCELLO DE SOUTOMAIOR

O grupo nacionalista vota contra a modificación das normas subsidiarias porque perpetúan o caos urbanístico do concello

O portavoz municipal do BNG, Fernando Herrero, lamenta que o goberno municipal do Partido Popular “se empeñe en perpetuar a situación de caos urbanístico do noso concello cunha nova modificación dunhas normas subsidiarias obsoletas que datan do ano 1989, cando o que realmente precisamos é un verdadeiro Plan Urbanístico. Esta é a única maneira de preservar o interese público, os nosos recursos naturais e o noso futuro económico”.

O BNG, que votou contra esta nova modificación das normas subsidiarias no último Pleno, denuncia que, se ben non se varia o volume de edificabilidade, si que cambia as condicións de edificabilidade –entre outras, as terrazas que antes tiñan que ser interiores e cunhas características determinadas, agora non se verán limitadas- o que vai redundar nunha inseguridade xurídica urbanística que xa ten levado ao noso concello diante dos tribunais con resultados nefastos para as arcas municipais.

“Dende o BNG levamos anos loitando por sacar adiante un Plan Urbanístico que poña fin ás continuas demandas que están obrigando ao concello a un gasto innecesario en servizos xurídicos que é soportado a costa dos impostos que pagamos todos os veciños; e esta última modificación significa insistir neste sangría de denuncias. O que precisa Soutomaior é impulsar dunha vez por todas un proceso transparente e participativo no que se busque o maior consenso posíbel; un Plan Xeral que amplíe os núcleos rurais ao máximo para permitir a construción de vivendas unifamiliares, que dote as dúas parroquias de zonas verdes, que permita a consecución de solo industrial, etc.; e esta nova modificación das normas subsidiarias é un paso atrás neste sentido, e unha mostra máis da incapacidade do goberno municipal do Partido Popular, que en 15 anos de goberno foi incapaz de sacar adiante un verdadeiro proxecto urbanístico”.

Ningún comentario: