PXOM

08/11/10

UNHA NOVA TAXA GRAVARÁ ÁS EMPRESAS SUBMINISTRADORAS DE TELEFONÍA MÓBIL EN SOUTOMAIOR

O Partido Popular de Soutomaior asume por fin esta proposta do BNG do ano 2007

No Pleno extraordinario do venres 5 de novembro, o goberno do Partido Popular do concello de Soutomaior aprobou, co voto favorábel do BNG, unha taxa que gravará ás empresas subministradoras de telefonía móbil, coa que o concello espera recadar máis de 40.000 € ao ano.

Dende o BNG congratulámonos da adopción desta medida que xa foi proposta no ano 2007 polo noso grupo. “O que pretendiamos ao suxerir a creación deste imposto era unha conxelación das taxas do lixo, subministro de auga e de servizo de velatorio para o 2008; pero o Partido Popular preferiu subir estas taxas aos veciños antes de gravar ás potentadas empresas de telefonía móbil”, afirma o portavoz dos nacionalistas no concello de Soutomaior. “Neste tempo deixáronse de recadar máis de 120.000 € por non levar a cabo unha medida que xa leva anos aplicándose noutros concellos”.

Finalmente, tres anos despois, e obrigados pola crise económica creada pola especulación do capital, o Partido Popular vese na obriga de botar man das propostas do nacionalistas para maquillar os orzamentos do concello para o 2011. “O único que lamentamos é que, e novamente en contra da opinión do BNG, se volvan subir este ano as taxas da auga, lixo e servizo de velatorio, tendo en conta os graves apuros económicos polos que están a pasar moitos veciños de Soutomaior nestes momentos”, sinala Fernando Herrero.

Ningún comentario: