PXOM

27/11/10

A XUNTA ESQUECE A SOUTOMAIOR NOS ORZAMENTOS PARA O 2011

Os BNG de Soutomaior impulsa varias emendas aos orzamentos.

O BNG de Soutomaior promove, a través do seu Grupo Parlamentar, varias emendas aos orzamentos para o ano 2011 referentes ao noso Concello nas áreas de Educación, Sanidade, Turismo e Urbanismo; coa intención de que a Xunta do Partido Popular teña en conta ao noso Concello.

Fernando Herrero, Portavoz Municipal nacionalista, lamenta que “unha vez máis se deixe de lado o noso Concello nos Orzamentos para o próximo ano. Os 70.000 euros -1.000 menos que os asignados á remodelación da pista de pádel- son unha cantidade ridícula para axilizar a construción do Instituto xa comprometido pola anterior Xunta e para a que xa hai terreos asignados. Ademais, négase igualmente á reforma dos insalubres baños e da carpintería exterior do edificio de Primaria do CPI de Arcade, solicitada tamén á Delegación de Educación dende hai varios anos”.

Outra das emendas presentadas é a conversión do Centro de Saúde de Arcade nun PAC (Punto de Atención Continuada). “Esta é unha demanda que xa foi secundada con máis de mil sinaturas recollidas entre os habitantes de Soutomaior no ano 2008 polo BNG, pero semella que a educación e a saúde dos nosos veciños non son prioritarias para o Unipartito da Xunta”, apunta Herrero.

Solicitamos tamén unha partida dende a área de Turismo para a recuperación ambiental e integral do sistema fluvial do termo municipal – ríos Verduxo, Oitavén e Pequeno- e a creación dun paseo polo Verduxo, medida esta que axudaría ademais, á xeración de emprego nestes tempos de crise.

Por último, dende o BNG de Soutomaior, e co gallo de poñer fin ao caos urbanístico no Concello, tamén se reclamaba unha subvención para sacar adiante un PXOM que leva 13 anos en tramitacións, que agardamos sexa tida en conta polo Goberno galego.

Ningún comentario: