PXOM

29/09/11

O BNG DE SOUTOMAIOR ORGANIZA UNHA CHARLA COLOQUIO SOBRE A INCIDENCIA NA RIA DUN TRASVASE DE AUGA DO VERDUGO


A CHARLA CELEBRARASE O VENRES 30 ÁS 20:30 h NA CASA DA CULTURA DE ARCADE

O BNG de Soutomaior informará á veciñanza sobre o forte impacto ecolóxico e medioambiental que suporá á Enseada de San Simón e á Ría de Vigo o trasvase de auga do río Verduxo á presa de Eiras que se está a negociar en silencio e con urxencia entre a Xunta e o Concello de Vigo.

No acto participarán Fernando Herrero (portavoz municipal do BNG en Soutomaior), Serxio Regueira (Presidente da Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo), Ana Antelo (licenciada en Ciencias Mariñas e educadora ambiental) e Antón Lois (Responsábel de Comunicación de Amigos da Terra e educadora ambiental). A desaparición de especies como a ameixa fina e o berberecho é unha das ameazas que este trasvase nos traería, ao deixar de aportar o río Verduxo unha cantidade de auga doce necesaria para estes moluscos.

Ante isto, contraporase que se faga unha xestión eficiente da auga por parte do Concello de Vigo, ademais dun arranxo das deficientes conducións da auga, polas que se perden milleiros de litros de auga. Non se pode consentir a dobre moral de quen fai discursos de austeridade ante a crise, e por outra banda, leva a cabo políticas de despilfarro en obras cuxa necesidade é cando menos discutíbel, e indubidabelmente agresiva co noso entorno.

01/09/11

O BNG DE SOUTOMAIOR OPONSE A UN TRANSVASAMENTO PERMANENTE DO RÍO VERDUGO AO EMBALSE DE EIRAS

O portavoz municipal pídelle ao alcalde que medie entre traballadores e empresa na folga de Urbaser pola sinatura do convenio

            Fernando Herrero, portavoz do grupo municipal do BNG en Soutomaior, solicitou unha entrevista co Alcalde de Soutomaior para expoñerlle a rotunda oposición dos nacionalistas a un transvasamento permanente do río Verdugo ao embalse de Eiras que está a solicitar o PSOE dende o Concello de Vigo.

            Os nacionalistas afirman que o transvasamento tería un forte impacto medioambiental, afectando gravemente á fauna da zona e ao marisqueo na ría. Ademais consideran que o Verdugo é un patrimonio de todos, polo que solicitará que o alcalde interveña nas negociacións que definan o seu futuro. Non se pode consentir que decisións que afectan aos nosos veciños e ao noso territorio se tomen bilateralmente entre o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia, sen ter en conta aos demais afectados.

            Por outra banda, o Fernando Herrero pediralle ao Alcalde de Soutomaior que interceda na folga do lixo e que inste aos representantes de Urbaser a sentarse a negociar cos traballadores para poder buscar unha saída dialogada que remate cun conflito no que fundamentalmente se están a ver prexudicados traballadores e veciños.

26/07/11

O BNG DE SOUTOMAIOR ORGANIZA UN ACTO PÚBLICO SOBRE A NOVA LEI DE MONTES DE GALIZA QUE PREPARA A XUNTA

O acto terá lugar  o mércores 27 de Xullo ás 21 horas na Casa da Cultura de Soutomaior

            O BNG de Soutomaior informará a veciñanza sobre a nova Lei de Montes que xa foi aprobada polo Consello da Xunta e que está en trámite parlamentar. Ademais do voceiro nacionalista en Soutomaior, Fernando Herrero, que expoñerá a postura do BNG ao respecto, no acto tamén intervirá Xosé Pereira, Presidente da Organización Galega de Montes en Man Común.

            O BNG informa que, a pesar de que é unha lei en fase de borrador, e polo tanto aínda pode sufrir modificacións a través de emendas da oposición, se pon de manifesto que un dos obxectivos principais que presenta o Partido Popular con esta nova Lei é baleirar de contido a vixente Lei de prevención e defensa de incendios, aprobada polo anterior goberno da Xunta. Así, denuncia que se reducen a metade as franxas de seguridade nos perímetros dos núcleos de poboación, o que poñerá en perigo aos cidadáns.

            Asemade, dende o BNG advírtese da intención do Partido Popular de poñer o monte en mans privadas para servir intereses especulativos. Por isto, pídese a participación das veciñas e veciños de Soutomaior, para facer fronte aos intereses ocultos do Goberno Galego cunha información axeitada.

22/06/11

RUTA "ENTRE PONTES"

En marcha co BNG

        Domingo 26 de xuño ás 9:30 horas
        Área Recreativa da Candán. Massó

ITINERARIO:

Área Recreativa da Candán.
Massó => Nave de Regojo => Camiño da Feira de Adez => Salgueirón => Sucadiña => Fonte da Devesa => Saída da Fonte da Devesa => Barrio do Conde =>Ponte => Praia de Pontesampaio => => Subida á Fontaiña => Camiño á dereita por detrás do chalé do Arxentino ata nave => Subida a S. Xosé da Landreira => Camiño ata Acevedo => No lavadoiro coller á esquerda => Na curva moi pechada camiño ata os muíños => Volver polo mesmo camiño ata o lavadoiro => Camiñoque enlaza coa pista do Verdugo => Pola pista ata Comboa => Cruzar a Ponte do Canal => Subir a Romariz => Centro Médico => Campo da Candán => Área Recreativa da Candán. 
Massó


11 quilómetros. Dificultade        media-baixa                                                                                                   Tempo estimado: 3:30 h.       

13/06/11

AUMENTA O NÚMERO DE VOTANTES QUE CONFÍAN NO BNG

O BNG demostrou, o pasado 22 de Maio, que é a única alternativa real ao goberno do dispendio que temos en Soutomaior; despois de conseguir o 23% dos sufraxios e medrar en máis de 100 votos. Este resultado parécenos salientábel nun contexto de conxura política contra o nacionalismo.

Dende o BNG queremos manifestar o noso agradecemento a todas e a todos os que dunha ou doutra maneira fan posíbel este proxecto político. O noso agradecemento polo traballo feito ao longo destes anos e, nomeadamente, na pasada campaña electoral. Unha campaña intensa na que o BNG estivo presente en todos os barrios do concello, cun traballo constante do que abofé debemos sentirnos orgullosos. Orgullosos por formar parte dun grupo humano cheo de optimismo e de futuro que traballou, traballa e traballará para facer chegar a toda a veciñanza o proxecto que o BNG ten para Soutomaior. Un grupo de persoas co que, estamos certos, multiplicaremos o noso esforzo para achegar á cidadanía a nosa mensaxe de xustiza, de dignidade e de igualdade. Ese é o noso compromiso de futuro para con todos e todas vós; compromiso que saíu reforzado deste proceso electoral e que, sen dúbida ningunha, teremos presente en cada un dos nosos pasos.

Estamos convencidos de que estar na rúa é o noso único camiño para informar e traballar por Soutomaior. Sabemos que dende os medios de comunicación e dende os diferentes axentes do poder se silencia o noso labor. Esta é unha realidade que se acentúa cando se achegan unhas eleccións ou cando se reivindican cuestións fundamentais para a defensa dos veciños e veciñas. Mais que ninguén dubide que, aínda que outros poñan o árbitro e a pelota, nós seguiremos loitando.

Os próximos catro anos temos unha dura tarefa por diante. Unha tarefa que iniciamos coa forza e a confianza que depositastes en nós nestas eleccións, co compromiso de estar a carón dos veciños e veciñas e coa certeza de que estaremos en cada rúa para informar do que acontece en Soutomaior. Estamos certos de que, co esforzo de todas e todos, máis antes que despois, o proxecto do BNG será unha realidade tamén no noso concello. Porque o noso é un proxecto dos veciños e para os veciños, un proxecto que precisa da presenza de todas e todos e no que a vosa participación será o alento para seguir traballando por un concello mellor. Porque cremos que en Soutomaior hai futuro, e ese futuro pasa polo Bloque Nacionalista Galego.

Hoxe, dende este voceiro, queremos agradecer o apoio, o esforzo e a implicación do milleiro de veciñas e veciños que confiastes e nós. Agradecervos os folgos que nos destes e a vosa participación, confianza e traballo. Porque é grazas a vós que o BNG é hoxe máis forte ca onte. Podedes estar seguros de que os vosos azos serán o noso compromiso… Moitas grazas a tod@s!

05/05/11

Programación de actos do BNG de Soutomaior na campaña electoral.

  • Venres 6 de maio - 21 hrs. - Escola de Aranza. 

Interveñen: Nicanor Ocampo, Lorena Fernandez e Fernando Herrero



  • Sábado 7 de maio  - 21 hrs. - Escola de Romariz. 
Interveñen: Manu Lourenzo, María Xosé Castellano  e Fernando Herrero



  • Domingo 8 demaio - 12:30 hrs. - Arcade de Arriba - Praza da Aldea. En caso de Choiva no Padín Truiteiro.

 Interveñen: Paco Alján, Dani da Igrexa, Manu Lourenzo e Fernando Herrero.


  • Luns 9 de maio - 21:00 hrs. - Casa do Pobo de Cortellas. 

Interveñen: Vanesa Barreiro e Fernando Herrero



  • Martes 10 de maio - 21:00 hrs. - Comboa - A Carreira - En caso de choiva na Tenda.
 Interveñen: María Xosé Castellano e Fernando Herrero


  • Mércores 11 de maio - 21:00 hrs. - Casa do Pobo de Moreira. 

Interveñen: Charo Bouzón, Nicanor Ocampo e Fernando Herrero.



  • Xoves 12 de maio - 21:00 hrs. -Escola de Alxán.
 Interveñen: Roberto González, Manu Lourenzo e Fernando Herrero



  • Venres 13 de maio - 21:00 hrs. - A Feira.

Interveñen: Begoña Fernández, Marcos Torres e Fernando Herrero.

  • Sábado 14 de maio - 21:00 hrs. -Casa da Cultura de Soutomaior.

Interveñen:María Xosé Castellano, Manu Lourenzo, Carme Adán e Fernando Herrero.


  • Domingo 15 de maio - 12:30 hrs. - Sameán (praza).

Interveñen: Paco Alján e Fernando Herrero



  • Luns 16 de maio: Val-Sobral
Interveñen: Xan Xoaquín Barreiro, Marcelina Lorenzo,  Lorena Fernández e Fernando Herrero.



  • Mércores 18 de maio - 21:00 - Casa do Pobo de Lourido. 

Interveñen: Lorena Fernández e Fernando Herrero


  • Xoves 19 de maio - 21:00 hrs. - Multiusos de Arcade. 

Interveñen: Dolores Parra, Manu Lourenzo, Carme Dopazo, Bieito Lobeira e Fernando Herrero.




En Soutomaior hai Futuro, en Galiza hai alternativa!!!!

04/05/11

Xuntanza do BNG coa Mocidade


Por un Concello Vivo e un Soutomaior para vivir, participa nesta xuntanza do BNG coa mocidade do concello. Porque entre todas e todos faremos de Soutomaior un lugar onde a nosa mocidade teña oportunidades, un lugar no que poidamos vivir, traballar e divertirnos. A túa presenza é importante. Non faltes! 

Data: Xoves 5 de Maio
Hora: 21:00 horas
Lugar: Casa da Cultura Fernando Pereira de Arcade.
Interveñen: Iria Aboi e Fernando Herrero.

28/04/11

Un auditorio ateigado apoia unha candidatura ilusionada que aspira a gobernar Soutomaior



 O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta tarde na presentación da candidatura do BNG en Soutomaior, encabezada por Fernando Herrero.

Neste contexto, o líder nacionalista afirmou de xeito rotundo que o PP “non ten solución para o desemprego nin cre no autogoberno” e, neste sentido, defendeu que o autogoberno é un arma útil nesta situación de crise económica que vivimos.
O portavoz nacional botou en cara ao líder do PP que afirme “que non ten competencias para loitar contra o paro ou a crise e tampouco fai nada por elevar o autogoberno do País”, lembrándolle ao presidente da Xunta que ése é o único camiño para ter máis competencias e maior poder de decisión.

Tamén lembrou Guillerme que, como vén denunciando o BNG, o goberno da Xunta deixou case 700 millóns de euros sen executar do orzamento de 2010, destinados a gasto produtivo e apoio aos sectores económicos, “iso despois de dicir que non poden facer nada”.

Guillerme defendeu o BNG como única alternativa fronte ás políticas de dereita que están a levar adiante PP e PSOE dende o goberno da Xunta e do Estado e indicou que “están ao servizo das grandes corporacións e as persoas non lles importan absolutamente nada. E reafirmamos que é necesario acabar coa ditadura dos mercados que están dando un golpe de estado contra a democracia”.
O voceiro nacionalista, durante a súa intervención denunciou que o PP está a pór as institucións de goberno ao servizo dunha minoría de privilexiados, en vez de se preocupar pola vida da maioría social, que é a que precisa de bos servizos públicos.
Tal e como lembrou Guillerme, diversos responsábeis políticos de PP e PSOE como Felipe González, José María Aznar ou Pedro Solbes “ficharon” por grandes empresas nos últimos anos convertíndose nunha sorte “de políticos de ida e volta que van da administración ás empresas e das empresas á administración”.

O líder nacionalista insistiu en que “o que importa son as persoas” e reiterou a importancia da política local, pola súa maior proximidade aos cidadáns, para facer chegar estas propostas alternativas e trasladar a mensaxe de que cun cambio de rumbo nas políticas é posíbel enfrentarse á crise, e puxo como exemplo o protagonismo que poden ter os concellos na promoción de políticas activas de emprego.


O candidato nacionalista á alcaldía de Soutomaior, Fernando Herrero, afirmou na súa intervención que o BNG construirá “un concello vivo, un lugar para vivir” e incidiu de xeito especial na importancia de “revitalizar as moitas e diversas potencialidades do noso concello”.
Así, o cartel nacionalista apostou pola importancia de rematar xa coa pasividade e conseguir que “Soutomaior deixe de ser tan só unha vila dormitorio. Para iso temos que crear emprego aproveitando os nosos recursos primarios cunha forte aposta polo sector vitivinícola e o mar”.
Herrero tamén dixo que o BNG saberá sacar partido “da situación estratéxica do noso concello, entre Vigo e Pontevedra e do numeroso e importantísimo patrimonio co que contamos para construír unha oferta cultural e turística atractiva”.

Programa do BNG para o Concello de Soutomaior. Maio de 2011

Un Concello vivo é un concello aberto á xente, que fomente a participación da cidadanía en todas as áreas de goberno e que garanta o dereito das persoas a intervir nos asuntos públicos. Para acadarmos un Soutomaior no que vivir a DEMOCRACIA E A PARTICIPACIÓN CIDADÁ propoñemos :

  • Establecer canles de comunicación regradas, estables e periódicas entre o goberno municipal e as Asociacións Veciñais legalmente constituídas.
  • Contar coa opinión e necesidades das distintas asociacións para elaborar uns orzamentos municipais xustos e equilibrados.
  • Establecer Plenos Ordinarios Mensuais en horario accesible á cidadanía. Publicarase a orde do día na páxina web do Concello e notificaráselles directamente aos colectivos afectados por algún dos puntos a tratar.
  • Garantir o dereito de participación nos Plenos do Concello aos/ás representantes das asociacións cando nos mesmos se debatan temas que lles afecten directamente.
  • Facilitar a xestión de documentación e o acceso á información, tanto á cidadanía como aos medios de comunicación.
  • Editar boletíns dixitais de forma periódica coas decisións adoptadas polo goberno municipal.
  • Crear Puntos de Información Municipal en todos os barrios e nos Centros Culturais e Casas do Pobo de todo o Concello.
  • Promover un movemento asociativo forte, facilitándolles ás asociacións regulamentariamente rexistradas lugares de reunión, formación e información.



Un Soutomaior para vivir é un concello comprometido coa mellora da calidade de vida das veciñas e veciños. Un MODELO DE CONCELLO dinámico, próspero e ordenado no que os nosos veciños e veciñas poidan divertirse, traballar e vivir mellor. Dende o BNG cremos nun Concello implicado no desenvolvemento local e na calidade de vida das nosas veciñas e veciños, polo que propoñemos:

NO URBANISMO:

  • Aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal nun proceso de total transparencia, garantindo a participación veciñal e buscando o máximo consenso posible.
  • Levar a cabo un inventario dos actuais vías en todos os barrios do Concello e contemplar no novo PXOM a creación doutros novos ou a ampliación e mellora dos xa existentes.
  • Dotar de zonas verdes e espazos libres os núcleos centrais das parroquias coa ampliación de chan público e locais dotacionais.
  • Implantar unha disciplina urbanística de oficio que revise automaticamente todas as actuacións que se realicen e obrigue ao cumprimento xeneralizado e estrito da legalidade urbanística.
  • Esixir o máximo respecto medio ambiental na acción urbanística e unha urbanización acorde coa tipoloxía propia do noso País.
  • Aplicar estritamente o principio de urbanización a costa dos promotores, aproveitando ao máximo a xestión urbanística para acadar novas dotacións: zonas verdes, aparcadoiros, parques infantís,...
  • Negociar coa Consellería de Industria e as compañías distribuidoras de enerxía eléctrica o soterramento da rede de cableado de alta e media tensión que cruza en moitos puntos o noso Concello afeando e limitando as posibilidades de desenvolvemento urbanístico de moitas zonas.

NA VIVENDA


  • Ampliar no novo PXOM os núcleos rurais ao máximo que permita a Lei co fin de facilitar a auto-construción de vivendas unifamiliares.
  • Concertar cos colexios profesionais a elaboración de proxectos-tipo a prezos reducidos para a súa utilización por parte dos veciños e veciñas que o desexen.
  • Desenvolver políticas activas, en colaboración coa Xunta e os distintos promotores, para a consecución de vivenda protexida, en réxime de propiedade ou alugueiro, no noso Concello.
  • Potenciar a restauración e rehabilitación de antigas vivendas, axustándose á nosa tipoloxía tradicional.
  • Esixir a construción de vivendas adaptadas e adaptables ás persoas con mobilidade reducida.
  • Fomentar o uso das enerxías renovables.

NO TRÁFICO


  • Elaborar un plano de tráfico para o Concello.
  • Moderar a velocidade do tráfico nas zonas de convivencia con medidas adecuadas á legalidade.
  • Prever a dotación de chan para futuros aparcadoiros na elaboración do novo PXOM.
  • Crear máis prazas de aparcadoiro para discapacitados, fundamentalmente nas proximidades dos edificios públicos.

NOS SERVIZOS BÁSICOS


  • Impulsar un servizo de transporte público interparroquial.
  • Reclamar da Xunta de Galicia e RENFE a mellora e potenciación do servizo de ferrocarril na estación de Arcade.
  • Rematar a rede de saneamento en todos os lugares do Concello.
  • Realizar unha rede separadora de augas pluviais e fecais.
  • Recoller nun plano a localización concreta da rede de saneamento do Concello.
  • Esixir das compañías de subministracións básicas o cumprimento dun servizo acorde coas necesidades da poboación.
  • Ampliar o servizo de velorio municipal.



Un concello vivo é un Soutomaior implicado na creación de EMPREGO. O obxectivo do BNG é converter o noso Concello nun lugar atractivo para a iniciativa empresarial e comprometido co pequeno comercio. Para un Soutomaior no que as veciñas e veciños poidamos atopar emprego de calidade propoñemos:

  • Potenciar o comercio local con axudas ao asociacionismo e co impulso do “Centro Comercial Aberto”.
  • Establecer liñas de axuda ao autoemprego.
  • Financiar ata o 50 % aqueles proxectos e ideas innovadoras que sirvan para a creación de emprego.
  • Crear sementeiras de empresas mediante a oferta de locais de baixa renda, a través de subvencións municipais, por un tempo determinado, ata que se consolide a iniciativa ou amose a súa inviabilidade.
  • Simplificar os trámites de obtención de licenzas para novas iniciativas.
  • Promover cursos de formación e cualificación laboral.
  • Proporcionar información técnica e asesoramento para iniciativas empresariais.
  • Fomentar o cooperativismo mediante apoio técnico á súa constitución e subvencións ao inicio da actividade.
  • Promover a posta en funcionamento dunha cooperativa de ocio-turismo compatible co noso patrimonio natural.
  • Potenciar o sector turístico, o comercio e a hostalaría locais baseándonos na excelencia patrimonial e medio ambiental do noso Concello e aproveitando as potencialidades das nosas parroquias.
  • Crear, en colaboración coa Consellería de Traballo, un Obradoiro de Emprego, combinando traballo e formación, para a recuperación do noso patrimonio cultural e rehabilitación do conxunto etnográfico (muíños).
  • Recuperar camiños tradicionais, desenvolveremos unha rede de sendeiros e crearemos unha ruta didáctico-turística.
  • Potenciar a creación artesanal e a súa promoción económica a través dunha escola-taller.
  • Impulsar a creación dun Polígono Industrial supramunicipal.
  • Facilitar a máxima información e orientación en materia de emprego: bolsas de emprego, apoio, promoción, cooperativismo,...
  • Impulsar a tradicional feira de Arcade.
  • Aumentar a capacidade de estacionamento para facilitar o desenvolvemento comercial de Arcade, contemplando esa necesidade dentro do novo PXOM .
  • Crear un portal web que posibilite a compra a través de internet nos comercios locais.
  • Xestionar a creación dunha tarxeta de comercio local.
  • Xestionar axudas para a dotación de novas tecnoloxías.
  • Xestionar axudas para a renovación do comercio tradicional.
  • Promover a integración do noso Concello en “Terras de Pontevedra” para a promoción do turismo local.
  • Ampliar o servizo de información turística coa colocación dunha nova caseta de información no Castelo de Soutomaior.



Un Soutomaior para vivir é un concello sensibilizado co BENESTAR SOCIAL das nosas veciñas e veciños, un Concello comprometido cos servizos sociais públicos e de calidade. No BNG cremos nun Soutomaior implicado no benestar social, polo que propoñemos:

NA EDUCACIÓN

  • Defender o sistema educativo público.
  • Defender, promover e apoiar unha educación non sexista, a prol da paz e da defensa do medio ambiente.
  • Xestionar e axilizar a dotación orzamentaria para a construción dun Instituto no noso Concello.
  • Solicitar a Educación Permanente de Adultos, promovendo o acceso das persoas adultas á educación.
  • Fomentar e ampliar as axudas para o comedor escolar no centro de ensino público.
  • Xestionar un servizo de recollida temperá do alumnado no centro de ensino público, con ou sen almorzo, promovendo a acollida do colexio ao “Plan Madruga”da Xunta.
  • Apoiar o programa de actividades extraescolares e complementarias colaborando na oferta de actividades.
  • Manter coas ANPAs unha relación constante e construtiva.
  • Apoiar a Escola de Nais e Pais.
  • Desenvolver programas educativos en colaboración cos centros de ensino: coñecemento do concello, campañas medio ambientais,...
  • Comprometer a todos os axentes educativos na normalización lingüística da nosa fala.
  • Habilitar espazos axeitados ás necesidades do alumnado que emprega o transporte escolar.
  • Xestionar un servizo de transporte público para o alumnado de bacharelato, ciclos formativos e ensino universitario.

NA SANIDADE

  • Pór en marcha programas de fomento de hábitos saudables: alimentación e nutrición, actividade física, prevención do tabaquismo,...
  • Elaborar programas dirixidos a un avellentamento saudable e activo: autoestima, obradoiros de memoria, actividade física, uso de medicamentos,...
  • Desenvolver programas específicos de información sobre a saúde das mulleres.
  • Desenvolver programas de información, prevención e integración para abordar os problemas de drogadicción.
  • Xestionar a ampliación da cobertura do transporte sanitario.
  • Xestionar ante a Consellería de Sanidade a ampliación do servizo médico de Arcade e Soutomaior coa dotación das especialidades de xinecoloxía e odontoloxía e do servizo de urxencias de 24 horas.

NOS SERVIZOS SOCIAIS

  • Elaborar un plano municipal para identificar as necesidades das persoas discapacitadas.
  • Facer efectiva a eliminación de barreiras arquitectónicas en todo o Concello.
  • Impulsar a dotación dun Centro de Día no noso Concello.
  • Fomentar as prácticas culturais, artísticas e deportivas entre as persoas maiores.
  • Organizar programas de formación en novas tecnoloxías con atención preferente para as persoas maiores, mulleres e mocidade.
  • Promover un servizo de Acompañamento Social: bancos de tempo, acompañamento as fins de semana para persoas que vivan soas, persoas con necesidades especiais, solidariedade,...
  • Xestionar a posta en marcha dun transporte social que garanta a mobilidade de maiores e persoas con necesidades especiais.



Un concello vivo é un Soutomaior que crea na CULTURA como vehículo de benestar, entretemento, educación e riqueza. No BNG apostamos por un Concello cunha oferta cultural de calidade que incida no emprego e que reactive a vida económica dos nosos comerciantes. Para iso propoñemos:

  • Promover a participación activa da cidadanía na elaboración da programación cultural anual, prestando atención diferenciada aos diferentes grupos de idade segundo as súas necesidades e intereses.
  • Impulsar decididamente o asociacionismo na dinamización, recuperación e promoción da cultura.
  • Fomentar o intercambio de actividades entre as diversas asociación do Concello.
  • Promover a posta en marcha de ludotecas e espazos de xogos itinerantes nos distintos lugares das nosas parroquias.
  • Facer unha política lingüística con carácter transversal, considerando a lingua como o principal sinal de identidade da cultura galega.
  • Potenciar a formación lingüística do persoal municipal mediante cursos de formación e actualización.
  • Protexer e pór en valor o noso patrimonio cultural e etnográfico (cruceiros, castros, muíños, sendeiros,...).
  • Organizar itinerarios ecoculturais e visitas didácticas a paraxes naturais.
  • Recuperar, en colaboración cos colectivos veciñais e culturais, a nosa tradición oral, fomentando na poboación o coñecemento do seu pasado e a investigación da historia local e potenciando as relacións interxeneracionais coa recollida da memoria viva dos nosos maiores (lendas, contos, traballos, festas, oficios, acontecementos políticos, culturais,...).
  • Potenciar certames e encontros de Corais e Bandas de Música.
  • Celebrar certames de música popular, tradicional e de rock.
  • Celebrar feiras e mostras anuais de artistas locais: artes plásticas, artesanía, deseño,...
  • Abrir novas vías de expresión e produción cultural coa promoción de cursos e seminarios sobre artes plásticas, cine/audiovisuais, fotografía, música moderna,....
  • Crear un museo etnográfico municipal.
  • Potenciar a Biblioteca Pública coa creación de aulas de estudo para atender a demanda dos estudantes.
  • Pór en marcha un servizo de Biblioteca itinerante.
  • Impulsar a creación dunha emisora de radio municipal.
  • Promover, protexer e recuperar o Camiño Portugués ao seu paso polo noso Concello.
  • Crear unha revista divulgativa da programación de actividades municipais e das diversas asociacións do Concello.
  • Dotar de contido cultural a Casa Rexina Míguez de Soutomaior.
  • Crear un espazo multifuncional no contorno da Casa da Cultura de Soutomaior.


Un Soutomaior para vivir é un concello comprometido e respectuoso co MEDIO AMBIENTE. Un concello que combata as agresións ao noso contorno e que poña en valor o noso medio natural. Para un Soutomaior no que vivir a natureza, dende o BNG propoñemos:

  • Impulsar políticas de protección e vixilancia especial da ría, dos ríos e regueiros, protexendo a vexetación das ribeiras e establecendo franxas de protección e limpeza.
  • Pór en valor o patrimonio eco-xeográfico ligado aos ríos e á ría coa creación de sendeiros para camiñar e andar en bicicleta.
  • Inventariar os espazos baldíos do Concello para recuperalos medioambientalmente.
  • Levar a cabo controis periódicos para a detección e eliminación de vertidos incontrolados.
  • Promover campañas para fomentar a redución de residuos e favorecer a reciclaxe e reutilización, implicando á cidadanía no coidado do medio ambiente.
  • Ampliar con máis puntos a recollida selectiva de aceites e residuos perigosos.
  • Mellorar a recollida de voluminosos en todo o Concello.
  • Realizar unha campaña de compostaxe de residuos orgánicos ampliando a entrega de colectores específicos ás familias interesadas.
  • Crear un punto limpo no noso Concello.
  • Colaborar coas Comunidades de Montes para o aproveitamento do monte como fonte de riqueza e como espazo de recreo e esparexemento.
  • Recuperar o ecosistema do bosque galego, apostando pola eliminación de especies pirófitas e promovendo a plantación de especies autóctonas.
  • Colaborar coa Consellería de Medio Rural nas políticas preventivas dos incendios forestais.
  • Levar a cabo a recuperación e posta en valor dos montes de A Peneda, Coto Agudo e A Serra.
  • Promover actuación conxuntas co Concello de Redondela para a recuperación do Castro de A Peneda respectando os restos históricos.
  • Mellorar as medidas de aforro enerxético no alumeado público e nas instalacións municipais.


Un Concello vivo é un Soutomaior que conte coa MOCIDADE. Un concello que aposte por implicar aos nosos mozos e mozas na vida social, cultural e laboral a través de políticas activas de participación da xuventude. Dende o BNG cremos nun Soutomaior no que a mocidade conte, polo que propoñemos:

  • Garantir a participación social e política da mocidade a través da creación dun “Consello Municipal da Mocidade”, propiciando a súa intervención no deseño de actividades.
  • Promover un orzamento participativo cun compromiso de investimento mínimo do 3% do total.
  • Proporcionar locais axeitados para o desenvolvemento das súas actividades.
  • Promover as súas manifestacións artísticas e o intercambio de ideas e experiencias.
  • Impulsar as iniciativas económicas e empresariais promovidas por menores de 35 anos cunha participación societaria do concello (partenariado) de ata o 75%.
  • Levar a cabo bonificacións fiscais e aplicación de tipos mínimos nos impostos locais para aqueles proxectos e iniciativas empresariais que xeren emprego xuvenil.
  • Negociar coas entidades bancarias liñas de creto brando en convenio co Concello e coa FEGAMP.
  • Facilitar asesoramento, axudas económicas e/ou infraestruturas ás iniciativas de autoemprego.
  • Realizar campañas periódicas de información sobre sexualidade, anticoncepción, prevención de enfermidades de transmisión sexual, bulimia, anorexia, drogodependencias...
  • Bonificar ata o 75% o acceso ás instalacións deportivas.
  • Facilitar á mocidade o uso pola noite das instalacións deportivas municipais.
  • Programar actividades para o coñecemento e goce do noso patrimonio eco-xeográfico e histórico.
  • Promover un lecer nocturno alternativo.
  • Incentivar a recuperación do ocio nocturno no noso Concello promovendo actividades lúdicas, creativas, artísticas, culturais…
  • Crear un bono-bus estudantil que subvencione o transporte aos distintos centros de ensino e campus universitarios.
  • Promover o asociacionismo entre a mocidade.



Un Soutomaior para vivir é un concello comprometido coa IGUALDADE entre homes e mulleres. Dende o BNG cremos nun concello no que as mulleres poidan exercer a súa liberdade, polo que propoñemos :

  • Crear unha Concellería da Igualdade.
  • Levar adiante unha política transversal a prol da igualdade de homes e mulleres.
  • Promover medidas de atención aos maiores, recollida temperá dos fillos/as no colexio, canguros, atención a domicilio de dependentes… para favorecer a incorporación da muller ao mundo laboral.
  • Revalorizar o labor das mulleres do noso Concello rescatando os seus nomes e o seu recoñecemento na memoria histórica.
  • Realizar campañas de sensibilización contra a violencia de xénero.
  • Promover obradoiros de “bos tratos” e de “corresponsabilidade doméstica” en colaboración coas ANPAs e Centros de ensino.
  • Incentivar a práctica deportiva feminina en todas as idades.
  • Promover o asociacionismo feminino.
  • Desenvolver programas de información sobre dereitos, servizos e prestacións aos que as mulleres poidan ter acceso.




Un Concello vivo é un concello no que o DEPORTE sexa un valor fundamental. No que todos os veciños e veciñas poidan acceder á actividade física e ás instalacións deportivas municipais sen ningún tipo de discriminación. Para un Soutomaior comprometido co deporte, dende o BNG propoñemos:

  • Potenciar o desenvolvemento de programas de actividade física e deportiva dirixida a todos os veciños e veciñas sen distinción de idade nin sexo.
  • Integración das persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial a través do deporte.
  • Fortalecer o deporte de base co apoio firme aos clubs existentes no noso Concello.
  • Potenciar as escolas deportivas municipais coa creación de novas modalidades.
  • Recuperar os xogos e deportes tradicionais.
  • Promover o deporte recreativo organizando competicións periódicas de carácter popular, abertas a todos os públicos.
  • Acondicionar as antigas Carreiras de Bolos Celtas nos distintos barrios do Concello.
  • Dotar de novas infraestruturas deportivas o noso Concello.


26/03/11

O BNG DE SOUTOMAIOR LEVA A EXPOSICIÓN “FOTOS DE MULLER, MULLERES DE FOTO” O SÁBADO E O DOMINGO A SOUTOMAIOR

A mostra poderase ver diante da Casa do Concello, trasladándose en caso de choiva á Casa do Pobo de Lourido

Tras o éxito acaído en Arcade coa mostra, o BNG de Soutomaior decide levala a Soutomaior para que os veciños podan gozar alí tamén dela. Lembramos que esta exposición fíxose coma unha merecida homenaxe á Muller co fin de valorar como merece a súa función social, laboral, profesional e familiar dentro dunha sociedade que aínda hoxe non a recoñece en toda a súa extensión.

As imaxes foron recollidas entre os veciños dos distintos barrios do Concello, e pretenden reflectir unha escolma da súa actividade nos distintos eidos dende principios do século XX; épocas duras nas que o día a día implicaba o coidado da casa, a atención do home e dos fillos, mirar polos vellos, sacar o gando aínda que fora domingo, ou incluso cargar na cabeza dende Redondela o cadaleito para o defunto que agardaba na casa.

            O sábado a exposición poderase visitar diante da Casa do Concello dende as 16:30 ata as 19:30, e o domingo de 12:00 a 14:00 pola mañá e pola tarde de 16:30 a 19:30. Lembramos que en caso de choiva trasladarase á Casa do Pobo de Lourido.