A mostra poderase ver diante da Casa do Concello, trasladándose en caso de choiva á Casa do Pobo de Lourido
Tras o éxito acaído en Arcade coa mostra, o BNG de Soutomaior decide levala a Soutomaior para que os veciños podan gozar alí tamén dela. Lembramos que esta exposición fíxose coma unha merecida homenaxe á Muller co fin de valorar como merece a súa función social, laboral, profesional e familiar dentro dunha sociedade que aínda hoxe non a recoñece en toda a súa extensión.
As imaxes foron recollidas entre os veciños dos distintos barrios do Concello, e pretenden reflectir unha escolma da súa actividade nos distintos eidos dende principios do século XX; épocas duras nas que o día a día implicaba o coidado da casa, a atención do home e dos fillos, mirar polos vellos, sacar o gando aínda que fora domingo, ou incluso cargar na cabeza dende Redondela o cadaleito para o defunto que agardaba na casa.
O sábado a exposición poderase visitar diante da Casa do Concello dende as 16:30 ata as 19:30, e o domingo de 12:00 a 14:00 pola mañá e pola tarde de 16:30 a 19:30. Lembramos que en caso de choiva trasladarase á Casa do Pobo de Lourido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario