PXOM

28/04/11

Un auditorio ateigado apoia unha candidatura ilusionada que aspira a gobernar Soutomaior



 O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, participou esta tarde na presentación da candidatura do BNG en Soutomaior, encabezada por Fernando Herrero.

Neste contexto, o líder nacionalista afirmou de xeito rotundo que o PP “non ten solución para o desemprego nin cre no autogoberno” e, neste sentido, defendeu que o autogoberno é un arma útil nesta situación de crise económica que vivimos.
O portavoz nacional botou en cara ao líder do PP que afirme “que non ten competencias para loitar contra o paro ou a crise e tampouco fai nada por elevar o autogoberno do País”, lembrándolle ao presidente da Xunta que ése é o único camiño para ter máis competencias e maior poder de decisión.

Tamén lembrou Guillerme que, como vén denunciando o BNG, o goberno da Xunta deixou case 700 millóns de euros sen executar do orzamento de 2010, destinados a gasto produtivo e apoio aos sectores económicos, “iso despois de dicir que non poden facer nada”.

Guillerme defendeu o BNG como única alternativa fronte ás políticas de dereita que están a levar adiante PP e PSOE dende o goberno da Xunta e do Estado e indicou que “están ao servizo das grandes corporacións e as persoas non lles importan absolutamente nada. E reafirmamos que é necesario acabar coa ditadura dos mercados que están dando un golpe de estado contra a democracia”.
O voceiro nacionalista, durante a súa intervención denunciou que o PP está a pór as institucións de goberno ao servizo dunha minoría de privilexiados, en vez de se preocupar pola vida da maioría social, que é a que precisa de bos servizos públicos.
Tal e como lembrou Guillerme, diversos responsábeis políticos de PP e PSOE como Felipe González, José María Aznar ou Pedro Solbes “ficharon” por grandes empresas nos últimos anos convertíndose nunha sorte “de políticos de ida e volta que van da administración ás empresas e das empresas á administración”.

O líder nacionalista insistiu en que “o que importa son as persoas” e reiterou a importancia da política local, pola súa maior proximidade aos cidadáns, para facer chegar estas propostas alternativas e trasladar a mensaxe de que cun cambio de rumbo nas políticas é posíbel enfrentarse á crise, e puxo como exemplo o protagonismo que poden ter os concellos na promoción de políticas activas de emprego.


O candidato nacionalista á alcaldía de Soutomaior, Fernando Herrero, afirmou na súa intervención que o BNG construirá “un concello vivo, un lugar para vivir” e incidiu de xeito especial na importancia de “revitalizar as moitas e diversas potencialidades do noso concello”.
Así, o cartel nacionalista apostou pola importancia de rematar xa coa pasividade e conseguir que “Soutomaior deixe de ser tan só unha vila dormitorio. Para iso temos que crear emprego aproveitando os nosos recursos primarios cunha forte aposta polo sector vitivinícola e o mar”.
Herrero tamén dixo que o BNG saberá sacar partido “da situación estratéxica do noso concello, entre Vigo e Pontevedra e do numeroso e importantísimo patrimonio co que contamos para construír unha oferta cultural e turística atractiva”.

Ningún comentario: