Un Concello vivo é un concello aberto á xente, que fomente a participación da cidadanía en todas as áreas de goberno e que garanta o dereito das persoas a intervir nos asuntos públicos. Para acadarmos un Soutomaior no que vivir a DEMOCRACIA E A PARTICIPACIÓN CIDADÁ propoñemos :
- Establecer canles de comunicación regradas, estables e periódicas entre o goberno municipal e as Asociacións Veciñais legalmente constituídas.
- Contar coa opinión e necesidades das distintas asociacións para elaborar uns orzamentos municipais xustos e equilibrados.
- Establecer Plenos Ordinarios Mensuais en horario accesible á cidadanía. Publicarase a orde do día na páxina web do Concello e notificaráselles directamente aos colectivos afectados por algún dos puntos a tratar.
- Garantir o dereito de participación nos Plenos do Concello aos/ás representantes das asociacións cando nos mesmos se debatan temas que lles afecten directamente.
- Facilitar a xestión de documentación e o acceso á información, tanto á cidadanía como aos medios de comunicación.
- Editar boletíns dixitais de forma periódica coas decisións adoptadas polo goberno municipal.
- Crear Puntos de Información Municipal en todos os barrios e nos Centros Culturais e Casas do Pobo de todo o Concello.
- Promover un movemento asociativo forte, facilitándolles ás asociacións regulamentariamente rexistradas lugares de reunión, formación e información.
Un Soutomaior para vivir é un concello comprometido coa mellora da calidade de vida das veciñas e veciños. Un MODELO DE CONCELLO dinámico, próspero e ordenado no que os nosos veciños e veciñas poidan divertirse, traballar e vivir mellor. Dende o BNG cremos nun Concello implicado no desenvolvemento local e na calidade de vida das nosas veciñas e veciños, polo que propoñemos:
NO URBANISMO:
- Aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal nun proceso de total transparencia, garantindo a participación veciñal e buscando o máximo consenso posible.
- Levar a cabo un inventario dos actuais vías en todos os barrios do Concello e contemplar no novo PXOM a creación doutros novos ou a ampliación e mellora dos xa existentes.
- Dotar de zonas verdes e espazos libres os núcleos centrais das parroquias coa ampliación de chan público e locais dotacionais.
- Implantar unha disciplina urbanística de oficio que revise automaticamente todas as actuacións que se realicen e obrigue ao cumprimento xeneralizado e estrito da legalidade urbanística.
- Esixir o máximo respecto medio ambiental na acción urbanística e unha urbanización acorde coa tipoloxía propia do noso País.
- Aplicar estritamente o principio de urbanización a costa dos promotores, aproveitando ao máximo a xestión urbanística para acadar novas dotacións: zonas verdes, aparcadoiros, parques infantís,...
- Negociar coa Consellería de Industria e as compañías distribuidoras de enerxía eléctrica o soterramento da rede de cableado de alta e media tensión que cruza en moitos puntos o noso Concello afeando e limitando as posibilidades de desenvolvemento urbanístico de moitas zonas.
NA VIVENDA
- Ampliar no novo PXOM os núcleos rurais ao máximo que permita a Lei co fin de facilitar a auto-construción de vivendas unifamiliares.
- Concertar cos colexios profesionais a elaboración de proxectos-tipo a prezos reducidos para a súa utilización por parte dos veciños e veciñas que o desexen.
- Desenvolver políticas activas, en colaboración coa Xunta e os distintos promotores, para a consecución de vivenda protexida, en réxime de propiedade ou alugueiro, no noso Concello.
- Potenciar a restauración e rehabilitación de antigas vivendas, axustándose á nosa tipoloxía tradicional.
- Esixir a construción de vivendas adaptadas e adaptables ás persoas con mobilidade reducida.
- Fomentar o uso das enerxías renovables.
NO TRÁFICO
- Elaborar un plano de tráfico para o Concello.
- Moderar a velocidade do tráfico nas zonas de convivencia con medidas adecuadas á legalidade.
- Prever a dotación de chan para futuros aparcadoiros na elaboración do novo PXOM.
- Crear máis prazas de aparcadoiro para discapacitados, fundamentalmente nas proximidades dos edificios públicos.
NOS SERVIZOS BÁSICOS
- Impulsar un servizo de transporte público interparroquial.
- Reclamar da Xunta de Galicia e RENFE a mellora e potenciación do servizo de ferrocarril na estación de Arcade.
- Rematar a rede de saneamento en todos os lugares do Concello.
- Realizar unha rede separadora de augas pluviais e fecais.
- Recoller nun plano a localización concreta da rede de saneamento do Concello.
- Esixir das compañías de subministracións básicas o cumprimento dun servizo acorde coas necesidades da poboación.
- Ampliar o servizo de velorio municipal.
Un concello vivo é un Soutomaior implicado na creación de EMPREGO. O obxectivo do BNG é converter o noso Concello nun lugar atractivo para a iniciativa empresarial e comprometido co pequeno comercio. Para un Soutomaior no que as veciñas e veciños poidamos atopar emprego de calidade propoñemos:
- Potenciar o comercio local con axudas ao asociacionismo e co impulso do “Centro Comercial Aberto”.
- Establecer liñas de axuda ao autoemprego.
- Financiar ata o 50 % aqueles proxectos e ideas innovadoras que sirvan para a creación de emprego.
- Crear sementeiras de empresas mediante a oferta de locais de baixa renda, a través de subvencións municipais, por un tempo determinado, ata que se consolide a iniciativa ou amose a súa inviabilidade.
- Simplificar os trámites de obtención de licenzas para novas iniciativas.
- Promover cursos de formación e cualificación laboral.
- Proporcionar información técnica e asesoramento para iniciativas empresariais.
- Fomentar o cooperativismo mediante apoio técnico á súa constitución e subvencións ao inicio da actividade.
- Promover a posta en funcionamento dunha cooperativa de ocio-turismo compatible co noso patrimonio natural.
- Potenciar o sector turístico, o comercio e a hostalaría locais baseándonos na excelencia patrimonial e medio ambiental do noso Concello e aproveitando as potencialidades das nosas parroquias.
- Crear, en colaboración coa Consellería de Traballo, un Obradoiro de Emprego, combinando traballo e formación, para a recuperación do noso patrimonio cultural e rehabilitación do conxunto etnográfico (muíños).
- Recuperar camiños tradicionais, desenvolveremos unha rede de sendeiros e crearemos unha ruta didáctico-turística.
- Potenciar a creación artesanal e a súa promoción económica a través dunha escola-taller.
- Impulsar a creación dun Polígono Industrial supramunicipal.
- Facilitar a máxima información e orientación en materia de emprego: bolsas de emprego, apoio, promoción, cooperativismo,...
- Impulsar a tradicional feira de Arcade.
- Aumentar a capacidade de estacionamento para facilitar o desenvolvemento comercial de Arcade, contemplando esa necesidade dentro do novo PXOM .
- Crear un portal web que posibilite a compra a través de internet nos comercios locais.
- Xestionar a creación dunha tarxeta de comercio local.
- Xestionar axudas para a dotación de novas tecnoloxías.
- Xestionar axudas para a renovación do comercio tradicional.
- Promover a integración do noso Concello en “Terras de Pontevedra” para a promoción do turismo local.
- Ampliar o servizo de información turística coa colocación dunha nova caseta de información no Castelo de Soutomaior.
Un Soutomaior para vivir é un concello sensibilizado co BENESTAR SOCIAL das nosas veciñas e veciños, un Concello comprometido cos servizos sociais públicos e de calidade. No BNG cremos nun Soutomaior implicado no benestar social, polo que propoñemos:
NA EDUCACIÓN
- Defender o sistema educativo público.
- Defender, promover e apoiar unha educación non sexista, a prol da paz e da defensa do medio ambiente.
- Xestionar e axilizar a dotación orzamentaria para a construción dun Instituto no noso Concello.
- Solicitar a Educación Permanente de Adultos, promovendo o acceso das persoas adultas á educación.
- Fomentar e ampliar as axudas para o comedor escolar no centro de ensino público.
- Xestionar un servizo de recollida temperá do alumnado no centro de ensino público, con ou sen almorzo, promovendo a acollida do colexio ao “Plan Madruga”da Xunta.
- Apoiar o programa de actividades extraescolares e complementarias colaborando na oferta de actividades.
- Manter coas ANPAs unha relación constante e construtiva.
- Apoiar a Escola de Nais e Pais.
- Desenvolver programas educativos en colaboración cos centros de ensino: coñecemento do concello, campañas medio ambientais,...
- Comprometer a todos os axentes educativos na normalización lingüística da nosa fala.
- Habilitar espazos axeitados ás necesidades do alumnado que emprega o transporte escolar.
- Xestionar un servizo de transporte público para o alumnado de bacharelato, ciclos formativos e ensino universitario.
NA SANIDADE
- Pór en marcha programas de fomento de hábitos saudables: alimentación e nutrición, actividade física, prevención do tabaquismo,...
- Elaborar programas dirixidos a un avellentamento saudable e activo: autoestima, obradoiros de memoria, actividade física, uso de medicamentos,...
- Desenvolver programas específicos de información sobre a saúde das mulleres.
- Desenvolver programas de información, prevención e integración para abordar os problemas de drogadicción.
- Xestionar a ampliación da cobertura do transporte sanitario.
- Xestionar ante a Consellería de Sanidade a ampliación do servizo médico de Arcade e Soutomaior coa dotación das especialidades de xinecoloxía e odontoloxía e do servizo de urxencias de 24 horas.
NOS SERVIZOS SOCIAIS
- Elaborar un plano municipal para identificar as necesidades das persoas discapacitadas.
- Facer efectiva a eliminación de barreiras arquitectónicas en todo o Concello.
- Impulsar a dotación dun Centro de Día no noso Concello.
- Fomentar as prácticas culturais, artísticas e deportivas entre as persoas maiores.
- Organizar programas de formación en novas tecnoloxías con atención preferente para as persoas maiores, mulleres e mocidade.
- Promover un servizo de Acompañamento Social: bancos de tempo, acompañamento as fins de semana para persoas que vivan soas, persoas con necesidades especiais, solidariedade,...
- Xestionar a posta en marcha dun transporte social que garanta a mobilidade de maiores e persoas con necesidades especiais.
Un concello vivo é un Soutomaior que crea na CULTURA como vehículo de benestar, entretemento, educación e riqueza. No BNG apostamos por un Concello cunha oferta cultural de calidade que incida no emprego e que reactive a vida económica dos nosos comerciantes. Para iso propoñemos:
- Promover a participación activa da cidadanía na elaboración da programación cultural anual, prestando atención diferenciada aos diferentes grupos de idade segundo as súas necesidades e intereses.
- Impulsar decididamente o asociacionismo na dinamización, recuperación e promoción da cultura.
- Fomentar o intercambio de actividades entre as diversas asociación do Concello.
- Promover a posta en marcha de ludotecas e espazos de xogos itinerantes nos distintos lugares das nosas parroquias.
- Facer unha política lingüística con carácter transversal, considerando a lingua como o principal sinal de identidade da cultura galega.
- Potenciar a formación lingüística do persoal municipal mediante cursos de formación e actualización.
- Protexer e pór en valor o noso patrimonio cultural e etnográfico (cruceiros, castros, muíños, sendeiros,...).
- Organizar itinerarios ecoculturais e visitas didácticas a paraxes naturais.
- Recuperar, en colaboración cos colectivos veciñais e culturais, a nosa tradición oral, fomentando na poboación o coñecemento do seu pasado e a investigación da historia local e potenciando as relacións interxeneracionais coa recollida da memoria viva dos nosos maiores (lendas, contos, traballos, festas, oficios, acontecementos políticos, culturais,...).
- Potenciar certames e encontros de Corais e Bandas de Música.
- Celebrar certames de música popular, tradicional e de rock.
- Celebrar feiras e mostras anuais de artistas locais: artes plásticas, artesanía, deseño,...
- Abrir novas vías de expresión e produción cultural coa promoción de cursos e seminarios sobre artes plásticas, cine/audiovisuais, fotografía, música moderna,....
- Crear un museo etnográfico municipal.
- Potenciar a Biblioteca Pública coa creación de aulas de estudo para atender a demanda dos estudantes.
- Pór en marcha un servizo de Biblioteca itinerante.
- Impulsar a creación dunha emisora de radio municipal.
- Promover, protexer e recuperar o Camiño Portugués ao seu paso polo noso Concello.
- Crear unha revista divulgativa da programación de actividades municipais e das diversas asociacións do Concello.
- Dotar de contido cultural a Casa Rexina Míguez de Soutomaior.
- Crear un espazo multifuncional no contorno da Casa da Cultura de Soutomaior.
Un Soutomaior para vivir é un concello comprometido e respectuoso co MEDIO AMBIENTE. Un concello que combata as agresións ao noso contorno e que poña en valor o noso medio natural. Para un Soutomaior no que vivir a natureza, dende o BNG propoñemos:
- Impulsar políticas de protección e vixilancia especial da ría, dos ríos e regueiros, protexendo a vexetación das ribeiras e establecendo franxas de protección e limpeza.
- Pór en valor o patrimonio eco-xeográfico ligado aos ríos e á ría coa creación de sendeiros para camiñar e andar en bicicleta.
- Inventariar os espazos baldíos do Concello para recuperalos medioambientalmente.
- Levar a cabo controis periódicos para a detección e eliminación de vertidos incontrolados.
- Promover campañas para fomentar a redución de residuos e favorecer a reciclaxe e reutilización, implicando á cidadanía no coidado do medio ambiente.
- Ampliar con máis puntos a recollida selectiva de aceites e residuos perigosos.
- Mellorar a recollida de voluminosos en todo o Concello.
- Realizar unha campaña de compostaxe de residuos orgánicos ampliando a entrega de colectores específicos ás familias interesadas.
- Crear un punto limpo no noso Concello.
- Colaborar coas Comunidades de Montes para o aproveitamento do monte como fonte de riqueza e como espazo de recreo e esparexemento.
- Recuperar o ecosistema do bosque galego, apostando pola eliminación de especies pirófitas e promovendo a plantación de especies autóctonas.
- Colaborar coa Consellería de Medio Rural nas políticas preventivas dos incendios forestais.
- Levar a cabo a recuperación e posta en valor dos montes de A Peneda, Coto Agudo e A Serra.
- Promover actuación conxuntas co Concello de Redondela para a recuperación do Castro de A Peneda respectando os restos históricos.
- Mellorar as medidas de aforro enerxético no alumeado público e nas instalacións municipais.
Un Concello vivo é un Soutomaior que conte coa MOCIDADE. Un concello que aposte por implicar aos nosos mozos e mozas na vida social, cultural e laboral a través de políticas activas de participación da xuventude. Dende o BNG cremos nun Soutomaior no que a mocidade conte, polo que propoñemos:
- Garantir a participación social e política da mocidade a través da creación dun “Consello Municipal da Mocidade”, propiciando a súa intervención no deseño de actividades.
- Promover un orzamento participativo cun compromiso de investimento mínimo do 3% do total.
- Proporcionar locais axeitados para o desenvolvemento das súas actividades.
- Promover as súas manifestacións artísticas e o intercambio de ideas e experiencias.
- Impulsar as iniciativas económicas e empresariais promovidas por menores de 35 anos cunha participación societaria do concello (partenariado) de ata o 75%.
- Levar a cabo bonificacións fiscais e aplicación de tipos mínimos nos impostos locais para aqueles proxectos e iniciativas empresariais que xeren emprego xuvenil.
- Negociar coas entidades bancarias liñas de creto brando en convenio co Concello e coa FEGAMP.
- Facilitar asesoramento, axudas económicas e/ou infraestruturas ás iniciativas de autoemprego.
- Realizar campañas periódicas de información sobre sexualidade, anticoncepción, prevención de enfermidades de transmisión sexual, bulimia, anorexia, drogodependencias...
- Bonificar ata o 75% o acceso ás instalacións deportivas.
- Facilitar á mocidade o uso pola noite das instalacións deportivas municipais.
- Programar actividades para o coñecemento e goce do noso patrimonio eco-xeográfico e histórico.
- Promover un lecer nocturno alternativo.
- Incentivar a recuperación do ocio nocturno no noso Concello promovendo actividades lúdicas, creativas, artísticas, culturais…
- Crear un bono-bus estudantil que subvencione o transporte aos distintos centros de ensino e campus universitarios.
- Promover o asociacionismo entre a mocidade.
Un Soutomaior para vivir é un concello comprometido coa IGUALDADE entre homes e mulleres. Dende o BNG cremos nun concello no que as mulleres poidan exercer a súa liberdade, polo que propoñemos :
- Crear unha Concellería da Igualdade.
- Levar adiante unha política transversal a prol da igualdade de homes e mulleres.
- Promover medidas de atención aos maiores, recollida temperá dos fillos/as no colexio, canguros, atención a domicilio de dependentes… para favorecer a incorporación da muller ao mundo laboral.
- Revalorizar o labor das mulleres do noso Concello rescatando os seus nomes e o seu recoñecemento na memoria histórica.
- Realizar campañas de sensibilización contra a violencia de xénero.
- Promover obradoiros de “bos tratos” e de “corresponsabilidade doméstica” en colaboración coas ANPAs e Centros de ensino.
- Incentivar a práctica deportiva feminina en todas as idades.
- Promover o asociacionismo feminino.
- Desenvolver programas de información sobre dereitos, servizos e prestacións aos que as mulleres poidan ter acceso.
Un Concello vivo é un concello no que o DEPORTE sexa un valor fundamental. No que todos os veciños e veciñas poidan acceder á actividade física e ás instalacións deportivas municipais sen ningún tipo de discriminación. Para un Soutomaior comprometido co deporte, dende o BNG propoñemos:
- Potenciar o desenvolvemento de programas de actividade física e deportiva dirixida a todos os veciños e veciñas sen distinción de idade nin sexo.
- Integración das persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial a través do deporte.
- Fortalecer o deporte de base co apoio firme aos clubs existentes no noso Concello.
- Potenciar as escolas deportivas municipais coa creación de novas modalidades.
- Recuperar os xogos e deportes tradicionais.
- Promover o deporte recreativo organizando competicións periódicas de carácter popular, abertas a todos os públicos.
- Acondicionar as antigas Carreiras de Bolos Celtas nos distintos barrios do Concello.
- Dotar de novas infraestruturas deportivas o noso Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario