O BNG demostrou, o pasado 22 de Maio, que é a única alternativa real ao goberno do dispendio que temos en Soutomaior; despois de conseguir o 23% dos sufraxios e medrar en máis de 100 votos. Este resultado parécenos salientábel nun contexto de conxura política contra o nacionalismo.
Dende o BNG queremos manifestar o noso agradecemento a todas e a todos os que dunha ou doutra maneira fan posíbel este proxecto político. O noso agradecemento polo traballo feito ao longo destes anos e, nomeadamente, na pasada campaña electoral. Unha campaña intensa na que o BNG estivo presente en todos os barrios do concello, cun traballo constante do que abofé debemos sentirnos orgullosos. Orgullosos por formar parte dun grupo humano cheo de optimismo e de futuro que traballou, traballa e traballará para facer chegar a toda a veciñanza o proxecto que o BNG ten para Soutomaior. Un grupo de persoas co que, estamos certos, multiplicaremos o noso esforzo para achegar á cidadanía a nosa mensaxe de xustiza, de dignidade e de igualdade. Ese é o noso compromiso de futuro para con todos e todas vós; compromiso que saíu reforzado deste proceso electoral e que, sen dúbida ningunha, teremos presente en cada un dos nosos pasos.
Estamos convencidos de que estar na rúa é o noso único camiño para informar e traballar por Soutomaior. Sabemos que dende os medios de comunicación e dende os diferentes axentes do poder se silencia o noso labor. Esta é unha realidade que se acentúa cando se achegan unhas eleccións ou cando se reivindican cuestións fundamentais para a defensa dos veciños e veciñas. Mais que ninguén dubide que, aínda que outros poñan o árbitro e a pelota, nós seguiremos loitando.
Os próximos catro anos temos unha dura tarefa por diante. Unha tarefa que iniciamos coa forza e a confianza que depositastes en nós nestas eleccións, co compromiso de estar a carón dos veciños e veciñas e coa certeza de que estaremos en cada rúa para informar do que acontece en Soutomaior. Estamos certos de que, co esforzo de todas e todos, máis antes que despois, o proxecto do BNG será unha realidade tamén no noso concello. Porque o noso é un proxecto dos veciños e para os veciños, un proxecto que precisa da presenza de todas e todos e no que a vosa participación será o alento para seguir traballando por un concello mellor. Porque cremos que en Soutomaior hai futuro, e ese futuro pasa polo Bloque Nacionalista Galego.
Hoxe, dende este voceiro, queremos agradecer o apoio, o esforzo e a implicación do milleiro de veciñas e veciños que confiastes e nós. Agradecervos os folgos que nos destes e a vosa participación, confianza e traballo. Porque é grazas a vós que o BNG é hoxe máis forte ca onte. Podedes estar seguros de que os vosos azos serán o noso compromiso… Moitas grazas a tod@s!