O acto terá lugar o mércores 27 de Xullo ás 21 horas na Casa da Cultura de Soutomaior
O BNG de Soutomaior informará a veciñanza sobre a nova Lei de Montes que xa foi aprobada polo Consello da Xunta e que está en trámite parlamentar. Ademais do voceiro nacionalista en Soutomaior, Fernando Herrero, que expoñerá a postura do BNG ao respecto, no acto tamén intervirá Xosé Pereira, Presidente da Organización Galega de Montes en Man Común.
O BNG informa que, a pesar de que é unha lei en fase de borrador, e polo tanto aínda pode sufrir modificacións a través de emendas da oposición, se pon de manifesto que un dos obxectivos principais que presenta o Partido Popular con esta nova Lei é baleirar de contido a vixente Lei de prevención e defensa de incendios, aprobada polo anterior goberno da Xunta. Así, denuncia que se reducen a metade as franxas de seguridade nos perímetros dos núcleos de poboación, o que poñerá en perigo aos cidadáns.
Asemade, dende o BNG advírtese da intención do Partido Popular de poñer o monte en mans privadas para servir intereses especulativos. Por isto, pídese a participación das veciñas e veciños de Soutomaior, para facer fronte aos intereses ocultos do Goberno Galego cunha información axeitada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario