·Fernando Herrero critica o “seguidismo”
de Agustín Reguera, lembrándolle que hai gobernos do PP que a van pagar.
·O BNG de Soutomaior pregúntalle ao PP
polas obras da pista de tenis e pádel que deberían estar rematadas nos próximos
días.
Soutomaior,
07 decembro de 12. O BNG de Soutomaior pediu no último
Pleno, o pagamento da paga extra de
Nadal aos empregados do Concello. Fernando Herrero, portavoz municipal do BNG, lembrou
no Pleno que “as políticas de recortes do PP están a xerar máis desemprego,
unha caída no consumo e na actividade económica; incidindo con máis forza nas
pequenas empresas e nas familias.
Fernando Herrero pediulle ao alcalde
Agustín Reguera valentía para opoñerse a estas medidas erráticas, como se está
a facer nos concellos gobernados polo BNG.Lembroulle ao alcalde que “en Estremadura,
comunidadegobernada polo Partido Popular, os empregados públicos van cobrar a
paga extra de Nadal. Isto sería un importantísimo estímulo económico para
Soutomaior, e, pola contra, o “seguidismo” que se
está a facer das políticas do recentralizadoras do PP en Madrid é un grave erro;
que afectará moi negativamente ao tecido económico e ao consumo no noso
concello ao reducir o poder de compra destes traballadores.”
O BNG de Soutomaior preguntoulle
tamén ao alcalde polas obras da pista de tenis e pádel que, segundo publicou o
DOG, deberían estar rematadas nestes días. O PP limitouse a responder que non
se ían facer de momento, e que descoñecía cando se levarían a cabo, xa que
había problemas coa adxudicataria. Fernando Herrero cualificou de “irresponsabilidade que o goberno local pida un investimento de case 140.000 euros para o noso
concello, e logo se desentenda del”. Pediulle ao alcalde que se interesase
polos trámites, e máis de coñecer e informar as empresas locais, no caso de que
houbese posibilidades de que se puidesen facer cargo delas.
·
O BNG de Soutomaior manifestase en contra dos recortes na protección das
vítimas de violencia de xénero que se están a levar a cabo dende o Estado e a
Xunta. ·
Ademais, pedimos nunha moción a
adopción de medidas sociais que palíen o drama dos desafiuzamentos.
Soutomaior,
24 de novembro de 2012.O BNG de Soutomaior tivo que
rexistrar unha moción no concello, para que o Partido Popular acordase pintar
no chan o sinal que reserva unha praza para persoas con discapacidade na rúa do
Portal do Riveiro, ou posterior a praza de Talo Río; meses despois de que esta
fose aberta. Agora estamos á espera para ver canto tardan en adecuala á Lei. Para que isto non volva a acontecer, e diante da demanda de
estacionamento deste tipo de prazas, o BNG pide que se contemplen tamén en
todas aquelas rúas novas que teñan posibilidade de albergalas.
O acceso á beirarrúa debe facerse a través dun garaxe (na dereita da imaxe)
Por outra banda, diante do 25 de novembro, día da non
violencia contra as mulleres, dende o BNG de Soutomaior manifestámonos en
contra dos recortes na protección das vítimas de violencia de xénero que se
están a levar a cabo dende o Estado e a Xunta; coma son os recortes na axuda
coñecida como salario da liberdade, no persoal especializado e voluntariado que
realizan a fundamental función de acompañamento das vítimas desta lacra, a
incerteza diante do “taxazo xudicial”... Asemade, pídelle ao pleno que asuma o
compromiso de manter e mellorar os recursos municipais destinados a
información, acompañamento e asistencia a vítimas de violencia de xénero.
Asemade, dende o BNG pedimos ao Pleno
do Concello que se cree unha Comisión Especial para atender casos de
desafiuzamento que permita a adopción de medidas sociais que sirvan de
apoio ás familias que viven este drama. Nesta moción solicitarase a
colaboración das entidades bancarias, lembrando que estas veñen de recibir
miles de millóns de diñeiro público.
O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco
Jorquera, denunciou esta tarde que co Real Decreto de Reforma Financeira
aprobado esta mañá en Consello de Ministros “o Goberno sitúase do lado
da gran banca, dos estafafores, e víralle as costas ás vítimas da fraude
das preferentes”.
Francisco Jorquera criticou que coa reforma aprobada esta mañá “o
Goberno legaliza a estafa da que foron vítimas os subscritores de
participacións preferentes”.
En concreto, o Real Decreto contempla que os subscritores de
participacións preferentes só poderán percibir polos seus activos o
valor de mercado máis como máximo un 10%.
Neste sentido, o candidato do BNG advertiu de que “isto pode supor
perdas de até un 70% a respeito do valor inicial desas participacións”.
Ademais, denunciou que o Goberno “deixa aos subscritores nunha situación
de total indefensión xurídica xa que o FROB pode impor un canxe
obrigatorio por outros produtos e os afectados non poderán recorrer pola
vía xudicial”.
Ante esta situación, Francisco Jorquera non dubidou en afirmar que “o
Goberno do Partido Popular legaliza o engano masivo do que en Galiza
foron vítimas miles de de pequenos aforradores, legaliza a expropiación
dos seus cartos a través dunha estafa cometida pola banca”.
E isto fai que para o candidato do BNG á presidencia da Xunta “o
goberno español sitúase do lado da grande banca de casino, ao lado os
estafadores, e da as costas e deixa de lado ás vítimas”. “E isto
subliñou ten cómplices políticos, que se chaman Rajoy e Feijoo”.
O Goberno español aposta polo oligopolio e abre a porta a liquidar o sistema financeiro galego
En segundo lugar, Francisco Jorquera alertou de que o Real Decreto do
Goberno Central “abre claramente as portas a un oligopolio no sector
financeiro e, polo tanto, á liquidación do sector financeiro galego”.
E é que, segundo explicou, “este decreto concede poderes excepcionais
ao FROB, créase unha lexislación ad hoc para que o FROB poida
reestruturar o sector financeiro ao seu arbitrio, mesmo que sexan
entidades solventes”.
Deste xeito, Jorquera advertiu de que “só se salvarán, segundo o
Decreto, as entidades sistémicas, os grandes bancos, e a través desta
vía ábrese a vía á liquidación de entidades sistémicas para Galiza,
imprescindíbeis para evitar o espolio do noso aforro”.
De Guindos mente: as falcatruadas da banca privada pagaranse con cartos de todos e todas
E en terceiro lugar, para o BNG o Real Decreto de Reforma Financeira
“consolida un modelo consisten en sanear as perdas da banca privada con
fondos públicos de toda a sociedade”.
Así, Francisco Jorquera criticou que “o goberno do PP aposta por
crear un banco malo que xestione os activos depreciados da banca privada
comprometendo recursos públicos, en vez de apostar por un banco bo, por
unha banca pública que restitúa o crédito”.
Por
iso, o candidato do BNG acusou “ao señor De Guindos de querer tomar por
parvos aos cidadáns ao dicir que con esta medida se pretende evitar a
repercusión sobre a sociedade dos costos do saneamento da banca, porque
os activos tóxicos da banca pasan a ser xestionados por unha entidade
pública, polo FROB, que terá que engordar a débeda pública con máis de
20.000 millóns de euros para sanear a banca”.
“Os contribuíntes -denunciou- si serán os que paguen a prácticas de
casino da banca, e isto terá como consecuencia menos ensino público,
menos sanidade pública”.
O BNG votará en contra do decreto e ponse a disposición dos afectados polas preferentes
Ante esta situación, Francisco Jorquera anunciou que “o BNG vai votar
en contra da convalidación deste real decreto lei no Congreso dos
Deputados e vai traballar cóbado con cóbado coa sociedade para contestar
as medidas contidas neste decreto, que terán consecuencias gravemente
antisociais”.
Por último, tamén anunciou que “o BNG ponse dende agora mesmo a
disposición das plataformas de afectados pola fraude das participacións
preferentes para traballar cóbado con cóbado para evitar que se
consolide esta expropiación a través da legalización dunha estafa”.
O luns, 6 de agosto, mentras Soutomaior festexaba alegremente o seu patrono, o compañeiro Juan Barreiro deixábanos para sempre. No BNG perdiamos ese día non só un militante incondicional, senón, ante todo, un amigo irremplazable.
O martes démoslle o noso último adeus no cemiterio parroquial entoando o himno da nosa patria porque Juan merecía, sen ningunha dúbida, ser contado entre os “bos e xenerosos” aos que aludía Pondal.
A morte quixo roubarnos o noso camarada, pero fracasou no seu intento porque ninguén morre de todo mentras haxa alguén que o recorde e Juan perdurará eternamente na memoria e no corazón de todas e todos os que o coñecemos e quixemos.
En xullo do 2002, o goberno do PP aprobaba en
Pleno, cos votos en contra do BNG, o proxecto de ampliación da casa do
concello. A obra íase levar a cabo nunha parcela que constaba como zona verde e
na que non estaba permitido obrar, e o proxecto contemplaba unha cuberta plana.
As Normas Subsidiarias do Concello de Soutomaior
impoñen que os tellados deben ser obrigatoriamente a dúas ou a catro augas, polo
que, evidentemente, a ampliación do concello, igual que o velatorio municipal,
foi, dende o seu comezo, unha obra ilegal.
Como solución, en lugar de acelerar a redación dun
novo PXOM, Agustín Reguera e o seu equipo de goberno preferiron cambiar
puntualmente as Normas. Pero fixérono moito despois de aprobar e comezar as
obras.
Os mesmos que deberían dar exemplo ante a
veciñanza non dubidan en ser os primeiros en cometer ilegalidades. Con que
autoridade vai pretender o PP que os veciños e veciñas de Soutomaior cumpran
coas normas urbanísticas?
O pasado mes de xuño, despois de máis de 10 anos
de cambios, ampliacións e variacións orzamentarias, aínda se aprobou
“provisionalmente” a modificación puntual das Normas que finalmente servirá
para legalizar a ampliación do concello.
E mentras, o resto dos mortais seguimos sen saber
nada do novo PXOM que permitiría ordenar o crecemento do noso municipio.
Este
tipo de políticas irresponsábeis son as que levan a moitos Concellos á
bancarrota. E aquí temos un exemplo recente no Barrio do Conde, litixio que polo
momento gañaron os veciños, e xa veremos como remata e canto nos custa. Pero
claro, ao señor alcalde non lle doen prendas porque sabe que non será a conta
do seu patrimonio, senón do de “Juan Pueblo”.
·PP comprometeuse no último pleno ao
correcto acondicionamento das proteccións.
·Varios cascotes teñen caído xa fora
da protección, co conseguinte risco para os viandantes
Dende o
BNG de Soutomaior demandamos ao Goberno do PP unha actuación inmediata no entorno
do Antigo Museo Xosé Solla. O estado ruinoso do edificio obrigou ao Concello a
acotar a zona polo risco que supón para os viandantes, pero o paso para os
peóns carece de balado e a protección entre dito paso e o edificio e demasiado
pequena.
O tellado atópase practicamente a altura do balado
O BNG de Soutomaior xa advertimos no
último pleno que a protección habilitada se atopaba nun estado lamentábel, coas
táboas do paso deformadas polo peso de vehículos que estacionan sobre elas; e
con buratos, o que obriga aos transeúntes a andar pola calzada. Ademais, o
balado entre o paso e o edificio, está demasiado preto deste, o que ten ocasionado a caída de
cascotes no propio paso, co conseguinte risco para os cidadáns.
O mal estado do paso para os peóns pódese apreciar na foto
Tras máis de dúas semanas dende que o
goberno do Partido Popular se comprometera a actuar para resolver a situación e
sen que dita actuación se teña producido; dende o BNG vémonos na obriga de
denunciar publicamente a deixadez do Goberno local, e apelamos a súa
responsabilidade para arranxar esta situación antes de que se teñamos que
lamentar algunha desgracia.
O BNG de
Soutomaior rematou a campaña en Defensa da Sanidade Pública coa entrega de máis
de 1.000 sinaturas, recollidas ao longo dos barrios do Concello, para apoiar a
Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública.
Esta campaña, que se prolongou durante dous meses, ten por finalidade frear a
política de recortes e privatizacións da Sanidade Pública, impulsada polo
Partido Popular.
O Acto
Central tivo lugar o venres, 11 de maio, no Centro Social Abrente; e contou coa
participación de Fernando Herrero, portavoz municipal do BNG de Soutomaior; e
Manolo Moreira, membro da Plataforma SOS Sanidade Pública e da executiva de CIG
Saúde. Neste acto defendeuse a necesidade da potenciación da Sanidade Pública
con medidas racionalizadoras e cun sistema fiscal realmente progresivo.
Dende o
BNG, queremos salientar o apoio da cidadanía a esta iniciativa, e nomeadamente
dos militantes e simpatizantes que percorreron os barrios do noso Concello,
contribuíndo deste xeito ás 45.000 sinaturas que referendarán a ILP no
Parlamento.