PXOM

30/03/12

O BNG DE SOUTOMAIOR SECUNDA A FOLGA XERAL E NON ASISTE AO PLENO DO XOVES 29 DE MARZO

O BNG de Soutomaior non puido asistir ao Pleno Municipal deste xoves 29 de marzo pola negativa do Partido Popular ao cambio de data do mesmo. Os nacionalistas teñen claro que o seu lugar está ao lado das maiorías sociais, nomeadamente coas clases máis desfavorecidas que se están a ver atacadas, neste intre, cunha reforma laboral que nin vai crear emprego, nin vai reactivar a economía.

O número de desempregados no Concello de Soutomaior practicamente dobrouse en apenas dous anos e medio, pasando de 493 a mediados do 2008 a 910 en decembro do 2011. Esta situación afecta tamén ás pemes do noso Concello, que nesta realidade ven como descende o consumo e caen os seus ingresos, obrigándoos en moitos casos ao peche dos seus negocios.

O BNG denuncia a campaña feroz que o Partido Popular está a desenvolver contra o estado do benestar. E nesta campaña enmarcase esta reforma laboral pactada e dialogada coa gran patronal, que vai empobrecer á clase traballadora e ao 90% do empresariado galego, que comen no mercado interior. Uns e outros verán reducidos os seus xa cativos ingresos, comprobando que este sacrificio ao que se lles obriga redundará nos beneficios do gran capital e dos bancos; como acontece xa coa suba dos impostos e co diñeiro que recadan co desmantelamento dos servizos públicos.

25/03/12

O BNG DE SOUTOMAIOR ORGANIZA UN ACTO PÚBLICO NO QUE EXPLICARÁ A REFORMA LABORAL



O ACTO TERÁ LUGAR O MARTES, 27 DE MARZO, NA CASA DA CULTURA FERNANDO PEREIRA DE ARCADE
O BNG de Soutomaior organiza un acto público, enmarcado na campaña sobre a reforma laboral e en apoio da folga xeral do xoves 29 de marzo, que o Bloque Nacionalista Galego está a levar a cabo por todo o país. No acto partiparán Fernando Herrero -portavoz municipal no Concello-, Rafael Iglesias – Secretario Comarcal da CIG- e Montserrat Prado –Secretaria de Organización do BNG.

Para o BNG, esta reforma laboral é un conxunto de disparates que só benefician a banca e ás grandes multinacionais, e que atentan contra as maiorías sociais. Así, a clase traballadora virá minguada o seu poder adquisitivo, e recortados ou aniquilados dereitos sociais e laborais que custou décadas alcanzar. Por outra banda, empresariado do noso país, que vive nun 90% do mercado interior, verá como estes recortes, lonxe de acelerar a recuperación económica, empobrecerán aos seus potenciais compradores; descendendo polo tanto o consumo.

Entre todos, os máis prexudicados serán as mozas e mozos, as mulleres e os maiores de 45 anos; precisamente os colectivos que xa hoxe teñen o acceso máis difícil ao mercado laboral e as condicións máis precarias. Todo isto agrávase en Galiza, onde dende que goberna Feijóo, o paro bateu o récord histórico até alcanzar os 271.284 persoas. E o noso Concello lonxe de estar alleo a esta situación é un clarísimo exemplo da mala xestión do emprego por parte do Partido Popular, pasando de 493 desempregados a mediados do 2008 a 910 en decembro do 2011.

22/03/12

O BNG DE SOUTOMAIOR PIDE QUE O PLENO DO 29 DE MARZO CAMBIE DE DIA

Co gallo da Folga Xeral convocada para o próximo xoves, 29 de marzo, que o Bloque Nacionalista Galego apoia, secundando naquelas institucións nas que ten presenza; o Grupo Municipal de Soutomaior solicitou formalmente, por medio da Concelleira Lorena Fernández Calvar, que o cambio de data do Pleno que terá lugar nese día.

O BNG, ademais, pretende deste xeito que non decaian as 6 mocións nacionalistas que o PP non quixo debater no Pleno Extraordinario do 9 de marzo; e que adiou para o Pleno do próximo xoves para evitar que este quedase baleiro de contido. Igualmente presentou unha moción na que se pide o apoio do Pleno ás mobilizacións e a Folga Xeral do 29 de marzo en contra dunha reforma laboral que non axuda a recuperación económica.

Esta reforma non crea emprego estábel e digno, reducen  as retribucións salariais e precarizan as condicións laborais. É unha reforma laboral para enriquecer máis ás minoritarias elites económicas a costa de empobrecer máis aínda a clase traballadora.

18/03/12

O BNG DE SOUTOMAIOR ESTIVO COS AFECTADOS POLOS PRODUTOS FINANCEIROS EMITIDOS POR CAIXANOVA E OUTRAS ENTIDADES BANCARIAS

O ACTO CONGREGOU A DECENAS DE AFECTADOS NA CASA DA CULTURA FERNANDO PEREIRA



O BNG de Soutomaior celebrou unha charla informativa na que se analizou polo miúdo e se aportaron respostas á delicada situación que están a vivir moitas familias no noso Concello, que foron enganados para que puxesen os seus aforros en produtos financeiros autorizados polo Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores para vender en bolsa; destinados, polo tanto, para os especuladores.

Fernando Herrero, portavoz municipal do BNG en Soutomaior, encargouse de presentar o acto, explicando a dobre vía de actuación que está a ter o Bloque Nacionalista Galego en toda esta situación. Por unha banda o BNG está a traballar nas institucións –Concellos, Parlamento Galego e Congreso do Deputados- para que insten á Xunta de Galicia e ao Estado a tomar as medidas acaídas para devolver os cartos aos seus donos. Pola outra banda o BNG está a desenvolver por todo o país actos coma o que se celebrou este xoves, 15 de marzo, en Soutomaior. “Estes actos, ademais de pola situación propia da indefensión en que se atopan os afectados, considerámolos unha obriga coa cidadanía polo inmobilismo no que se encontran moitos afectados pola vergoña de sentírense estafados. E isto non debe ser así, foron enganados por xente que se aproveitou da confianza que conseguiron ao longo dos anos, de aí a elevada cifra de afectados. É algo que lle pode pasar a calquera; neste caso a calquera que tivese uns aforros. Non hai que ter complexos á hora de reclamar o que un gañou limpamente coa suor da súa fronte.”

Trala intervención de Fernando Herrero, foi Henrique Viéitez, deputado do BNG e membro da Comisión de Economía do Parlamento Galego, o que se encargou de facer unha exposición máis técnica de todo o escenario no que se está a desenvolver este drama que aínda non ten unhas cifras concretas, pero que se calcula que pode afectar entre 70.000 e 100.000 aforradores –e as súas familias- na Galiza.

Henrique Viéitez empezou a súa argumentación constatando un cambio de actitude xeneralizada nos últimos anos das entidades financeiras, o que as leva a buscar o beneficio a calquera custo, inda que implique enganar ao cliente e venderlle uns produtos que non están pensados para eles mentindo sobre as súas características. Isto foi o que aconteceu coas participacións preferentes, coas obrigacións subordinadas e outros produtos financeiros afíns. E non tiveron escrúpulos en coller aforros de toda unha vida nin indemnizacións por despido a persoas que, agora que a crise está na súa fase máis dura, precisan duns cartos que non poden recuperar.

Fernando Herreo e Henrique Viéitez
Quixo deixar claro que existen uns organismos que autorizan os produtos financeiros e púxolles nome e apelidos: Banco de España e Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Foron eles quen autorizaron estes produtos. Igualmente, hai un control ao que os bancos teñen que someterse, e neste caso as entidades tiñan que facerlles un test de idoneidade aos clientes que contrataban estes produtos, para que soubesen o que compraban, algo que non se fixo. É máis, o escándalo chega ao punto de que nalgúns casos foron vendidos por teléfono.

PAUTAS DE ACTUACIÓN:

Con estes antecedentes, agora aos consumidores non lles queda outra que armarse de paciencia para recuperar o seu diñeiro. Henrique Viéitez alertou aos asistentes ao acto dos riscos que ten quen busca alternativas negociadas coas entidades financeiras para acelerar a recuperación dos cartos. Déronse casos de quen chegou a perder máis do 60% do capital investido por tentar trocar as participacións preferentes por accións do banco.

O camiño debe ser que asuma a responsabilidade quen a ten, e que os donos dos cartos os recuperen. Así, o deputado do BNG e membro da Comisión de Economía do Parlamento Galego, Henrique Viéitez, recomendou os seguintes pasos a seguir:

1º- Reclamar ao defensor do cliente da entidade coa que contratou o produto.

2º- Unha vez que conteste o defensor, presentar unha reclamación diante da CNMV. O documento para presentar a reclamación pódese descargar no seguinte enlace:


3º- Reclamar diante da oficina do consumidor da Xunta de Galicia, e esixir que sexa esta quen dea unha resposta a esta reclamación. Este paso pódese facer ao mesmo tempo que o paso 2º. Neste punto é necesario lembrar que a defensa do consumidor e do usuario é competencia exclusiva asumida por Galiza no Estatuto.

Tamén quixo deixar claro que a solución é política e depende única e exclusivamente do Estado. Fixo este apuntamento, diante das insinuacións interesadas que se están a facer dende os bancos, e por parte dalgúns responsábeis políticos; para evitar que se lles esixan respostas.

Henrique Viéitez explicou que o Bloque Nacionalista Galego, pola súa banda, está a reclamar que resolva esta situación creada quen ten as competencias e a responsabilidade última: o Banco de España. Cando dende a Xunta se di que o Estatuto non lle interesa a ninguén, habería que replicarlles que non lle interesa a quen non sabe asumir competencias nin cumprir coas obrigas que lles corresponden como gobernantes; daí a importancia que tería unha Banca Pública Galega –entre outras cousas- para axilizar as solucións e minimizar abusos deste tipo.

Ademais destas pautas de actuación, apuntou o fundamental, que é estar unidos nestes casos, facendo as cousas organizadamente. Fan máis forza 100 persoas organizadas prantadas na rúa diante da oficina central dun Banco, que 1.000 persoas berrando cos directores de cadansúa sucursal.

INTERVENCIÓNS DOS ASISTENTES AO ACTO.

Logo da intervención de Henrique Viéitez abriuse a quenda de intervencións dos asistentes. Queremos deixar constancia dalgunha delas:

Quedou de manifesto que dende un primeiro momento se xogou coa confianza dos clientes, sen que houbese por parte destes un afán especulativo. Ofrecéuselles o produto en termos similares aos dun prazo fixo, garantíndolles que poderían dispoñer dos seus cartos no momento en que os precisasen.

Suscitouse a cuestión de se os directores podían ser descoñecedores dos produtos que vendían. A esta cuestión replicouse dicindo que é difícil que así sexa, xa que estes saben en todo momento os produtos cos que operan. O que si se sabe con certeza é que chegou a haber sancións a algún director que se negou a vendelos.

Destacábel foi a unanimidade na indignación pola ausencia de medidas contra os responsábeis desta situación. A xustiza e a fiscalía miran para outro lado mentres desaparecen miles de millóns de euros galegos. Cando se lle pensa pedir responsabilidades ao Banco de España e a CNMV?

Salientouse a hipocrisía do Partido Popular, que votou no Parlamento Galego a prol de reclamar a implicación da Xunta para apoiar e buscar solucións aos cidadáns que adquiriron participacións preferentes, e no Congreso votou en contra de garantirlles a recuperación do seu capital inicial. Será que non hai deputados galegos do PP no Congreso do Deputados. Diante desta observación houbo quen quixo lembrar que foi o PSOE quen nomeou ao Gobernador do Banco de España.

Agradecéuselle ao Bloque Nacionalista Galego o acto informativo, e recoñeceuse tamén que, a día de hoxe, ninguén máis no Concello ten feito este labor.

Para finalizar, os asistentes quedaron traballando na posibilidade de crear unha plataforma de afectados no Concello de Soutomaior e contactar con outras plataformas creadas noutros Concellos para buscar entre todos a mellor saída a esta situación.

14/03/12

O BNG DE SOUTOMAIOR CELEBRA UN ACTO SOBRE OS PRODUTOS FINANCEIROS EMITIDOS POR CAIXANOVA E OUTRAS ENTIDADES BANCARIAS

O acto terá lugar na Casa da Cultura Fernando Pereira de Arcade o xoves 15 de marzo ás 21 horas

O BNG de Soutomaior organiza unha charla informativa este xoves 15, de marzo no que se tentará dar luz e resolver dúbidas aos afectados en Soutomaior polas participacións preferentes, subordinadas e demais produtos de aforro emitidos por Caixanova e outras entidades bancarias.

O BNG de Soutomaior quere deste xeito apoiar os afectados, que aconsellados polas entidades financeiras das que eran clientes, investiron os seus aforros en instrumentos financeiros que se converteron nunha auténtica estafa a moitos pequenos aforradores no noso Concello e a milleiros deles en todo o país. Os nacionalistas teñen claro que existen uns responsábeis , que son os directivos das caixas, o Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores.

Dende o BNG tamén se quere lembrar que a Xunta de Galiza ten competencias en protección dos consumidores, e debe usalas para defender os galegos afectados. Denunciase a hipocrisía de ver como se antepón a economía a sectores tan delicados como a sanidade e a educación, por exemplo, e agora que se trata das carteiras dos galegos de a pé, non parece que anden con moita presa en solucionar esta situación. Ese diñeiro nas mans dos afectados revertería no noso país, pero con esta situación, acabará en calquera paraíso fiscal máis pronto que tarde.

O acto terá lugar ás 21 horas na Casa da Cultura Fernando Pereira de Arcade baixo o epígrafe “Fomos enganados! Que vai pasar cos nosos aforros?” A presentación correrá a cargo Fernando Herrero, portavoz municipal do BNG, e contará coa intervención de Henrique Viéitez, deputado do BNG e membro da Comisión de Economía do Parlamento Galego.

09/03/12

O BNG VOTA EN CONTRA DOS ORZAMENTOS DO PP PARA O NOSO CONCELLO

Os nacionalistas considéraos continuistas e, polo tanto, feitos para ser emendados

O BNG de Soutomaior votou en contra dos orzamentos que presentou o Partido Popular no Pleno Extraordinario celebrado este xoves. “O primeiro que temos que dicir dende o BNG e que non podemos entender como se poden levar a un Pleno Extraordinario os Orzamentos, co gasto que isto supón, cando en 15 días imos ter un Pleno Ordinario”; sinala Fernando Herrero, Portavoz Municipal do BNG.

O Grupo Municipal do BNG denuncia que ano tras ano o PP négase á creación dunha comisión de contratacións que garanta a transparencia, e manteñen para o Grupo de Goberno un control case total do orzamento, cunha residual participación do Pleno. Igualmente continúan fracasando a hora de buscar calquera tipo de consenso, impedindo novamente as achegas dos grupos municipais da oposición aos orzamentos. E a pesares de usar a maioría absoluta como unha apisoadora, outro ano máis, son incapaces de ter o orzamento aprobado no principio do ano en curso.

Consideran os nacionalistas que o Partido Popular utilizou un Pleno Extraordinario para facer uns orzamentos que están pensados para ser emendados con partidas que nunca serán usadas. Uns orzamentos para gastos correntes, sen proxectos de goberno para o noso Concello para o 2012. Con todo isto, remata o BNG, o Goberno do PP o único que acada é un orzamento que reduce todas as súas partidas  (educación, emprego, sanidade...), unha auténtica burla á cidadanía, na que a única partida que aumenta é a destinada a Persoal, que aumenta por riba do 3%.