PXOM

14/03/12

O BNG DE SOUTOMAIOR CELEBRA UN ACTO SOBRE OS PRODUTOS FINANCEIROS EMITIDOS POR CAIXANOVA E OUTRAS ENTIDADES BANCARIAS

O acto terá lugar na Casa da Cultura Fernando Pereira de Arcade o xoves 15 de marzo ás 21 horas

O BNG de Soutomaior organiza unha charla informativa este xoves 15, de marzo no que se tentará dar luz e resolver dúbidas aos afectados en Soutomaior polas participacións preferentes, subordinadas e demais produtos de aforro emitidos por Caixanova e outras entidades bancarias.

O BNG de Soutomaior quere deste xeito apoiar os afectados, que aconsellados polas entidades financeiras das que eran clientes, investiron os seus aforros en instrumentos financeiros que se converteron nunha auténtica estafa a moitos pequenos aforradores no noso Concello e a milleiros deles en todo o país. Os nacionalistas teñen claro que existen uns responsábeis , que son os directivos das caixas, o Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores.

Dende o BNG tamén se quere lembrar que a Xunta de Galiza ten competencias en protección dos consumidores, e debe usalas para defender os galegos afectados. Denunciase a hipocrisía de ver como se antepón a economía a sectores tan delicados como a sanidade e a educación, por exemplo, e agora que se trata das carteiras dos galegos de a pé, non parece que anden con moita presa en solucionar esta situación. Ese diñeiro nas mans dos afectados revertería no noso país, pero con esta situación, acabará en calquera paraíso fiscal máis pronto que tarde.

O acto terá lugar ás 21 horas na Casa da Cultura Fernando Pereira de Arcade baixo o epígrafe “Fomos enganados! Que vai pasar cos nosos aforros?” A presentación correrá a cargo Fernando Herrero, portavoz municipal do BNG, e contará coa intervención de Henrique Viéitez, deputado do BNG e membro da Comisión de Economía do Parlamento Galego.

Ningún comentario: