PXOM

30/04/12

O BNG DE SOUTOMAIOR DENUNCIA QUE O PP DESCOÑECE AS NECESIDADES DO CONCELLO


·       Hai pouco máis dun ano que a Xunta investiu 240.000 euros en construír unha pista de pádel cuberta.
·       O BNG denuncia a necesidade que ten o pavillón anexo ás pistas dunha reforma integral

.O BNG de Soutomaior denuncia  publicamente o descoñecemento que o Partido Popular ten das necesidades do Concello, tras asinar este un Convenio de Cooperación coa Secretaria Xeral para o Deporte para cubrir as pistas de tenis e pádel, por un valor de 137.000€ ,pouco máis dun ano despois de que a Xunta investise 240.000€ en facer unha pista de pádel cuberta.
“Chama a atención que son os propios usuarios das pistas os primeiros que se amosan sorprendidos por este investimento” declara Fernando Herrero, Portavoz Municipal do BNG,“ resúltalles obsceno sentirse privilexiados nestes días en que se está a recortar en capítulos tan delicados como educación e sanidade”.
Dende o BNG reclaman que se invistan eses cartos no Pavillón da Montesiña –anexo as pistas-. O Pavillón é utilizado todos os días da semana oito horas ao día e, dende a súa construción nos anos 90, non tivo ningunha reforma significativa. Denuncian os nacionalistas que os nenos das escolas municipais teñen que realizar as actividades con abrigo no inverno, a presenza de fungos nas paredes do vestiario ou a cor amarelenta da auga que sae polas duchas , entre outras deficiencias.

26/04/12

DIANTE DA MORTE DUN OBREIRO INSTALANDO A CARPA DUN CIRCO EN ARCADE


Ante a tráxica morte dun obreiro senegalés mentres instalaba a carpa dun circo no noso Concello, o BNG de Soutomaior quere amosar as súas condolencias e acompañar no sentimento a súa familia.

Igualmente pedimos ao Goberno Local que amose un pouco de humanidade, e que se interese porque a repatriación do seu cadáver se realice nas condicións axeitadas e, no que poda, acompañe e axude a súa familia neste duro momento.

Finalmente, a pesar de que todos sabemos como funciona o goberno local no que atinxe aos permisos e licencias, entendemos que este non é o momento para entrar a valorar as declaracións do Alcalde ao respecto. Agora é o momento de estar ao lado da súa familia no que humanamente se poda.

22/04/12

O BNG DE SOUTOMAIOR PRESENTA UNHA MOCION PEDINDO A COLOCACION DE PANEIS INFORMATIVOS EN TODOLOS BARRIOS


·       Esta necesidade foi plantexada polo BNG na pasada lexislatura.
·       As propias comunicacións municipais teñen que ser colocadas en bares, tendas, marquesiñas,....

O Grupo Municipal do BNG solicita ao Pleno do Concello a colocación de paneis informativos en tódolos barrios do municipio que sirvan para comunicar toda aquela información necesaria e importante para os cidadáns (anuncios, bandos municipais, avisos, necrolóxicas...).
O BNG xa plantexou na pasada lexislatura a necesidade de colocar paneis informativos en todos os barrios do municipio, conseguindo o compromiso plenario de estudar a proposta e buscar o modelo máis axeitado para un Concello coma Soutomaior. A día de hoxe non se actuou en ningún sentido, e o noso Concello segue cheo de panfletos, carteis, avisos, necrolóxicas ... que afean espazos públicos como paredes, farois, colectores, etc.
As propias comunicacións municipais teñen que ser expostas en bares, tendas, marquesiñas, ..., sempre no ámbito urbano, e sendo practicamente inexistentes en moitas zonas do rural.

13/04/12

O BNG DENUNCIA NO PARLAMENTO PROBLEMAS NO PORTO DE ARCADE E DEMANDA SOLUCIÓNS

  • A falta de alumeado está a ocasionar graves problemas aos mariñeiros 
  •  Embarcacións pesqueiras provisionais teñen problemas de amarre a pesar de existir prazas baleiras


 Os deputados do BNG Bieito Lobeira e Carme da Silva veñen de rexistrar no Parlamento Galego unhas preguntas demandando o arranxo das graves deficiencias existentes no porto de Arcade.
Facéndose eco das denuncias efectuadas pola asociación de naseiros Alvedosa, pertencente á confraría de Arcade, o BNG interesouse polos problemas que desde hai case dous meses sofre o alumeado no porto, e que está a provocar serios prexuizos aos mariñeiros que utilizan as instalacións portuarias. De feito, ao abeiro desta situación, producíronse roubos de gasolina e mesmo dunha embarcación.
A outra deficiencia detectada é que, existindo prazas baleiras no pantalán reservado ás embarcacións deportivas, haxa embarcacións profesionais que teñen que fondear noutras zonas por falta de prazas no pantalán reservado ás embarcacións tradicionais. E isto, a pesar de aboar as correspondentes taxas portuarias.
O BNG quere saber cando Portos de Galiza ten previsto arranxar o alumeado no porto de Arcade e como e cando ten previsto resolver os problemas de amarre das embarcacións pesqueiras tradicionais neste porto.