PXOM

18/05/12

25.000 DE PERSOAS ATEIGAN AS RÚAS DE COMPOSTELA PARA DEFENDER Á NOSA LINGUA


·       Os medios agachan as cifras, desbordados pola participación.
·       A pesares das trabas do Concello, a voz de Carlos Callón e Agustín Fernández Paz puido escoitarse ben alta na Praza da Quintana.

Convocada pola plataforma Queremos Galego e secundada por máis de 700 entidades –entre elas o BNG- a Manifestación Nacional pola lingua para frear os ataques ao galego tivo unha participación masiva. A pesares disto, seguirán tentando silenciar a nosa lingua. Nin unha soa portada ao día seguinte nos medios escritos para o acto máis multitudinario do 17 de maio. Para eles, a dignidade dun pobo e a lingua non o merecen.
Ás 12 do mediodía a Radio Galega falaba de centos de persoas na Alameda. A prensa escrita subvencionada, nas súas edicións dixitais da tarde, xa falaban de “varios miles de personas”, ninguén concretaba dato nin dos organizadores nin da policía, quizais inda estaban a facer o reconto. A realidade, que xa non puideron negar o día seguinte, é que eran 25.000 os galegos que nos manifestabamos polas rúas de Compostela pedindo á Xunta de Galicia o fin dos seus ataques ao galego.
UNHA IMAXE FALA MÁIS QUE TRES PARÁGRAFOS

Que os medios de comunicación subvencionados tenten agachar a realidade é un síntoma do éxito da convocatoria. Encherían espazos e portadas se centos ou incluso "uns milleiros" de persoas secundasen unha manifestación en defensa do galego nun 17 de maio. Mais a Praza da Quintana estaba ateigada de xente, e non lles quedará máis que seguir negándonos o uso do galego traducindo as declaracións dos nosos representantes ao castelán.
Parabéns, unha vez máis, aos galegos por tomar as rúas para defender a nosa lingua.

01/05/12

O BNG RECOLLE SINATURAS NOS DIFERENTES BARRIOS DO CONCELLO EN DEFENSA DA SANIDADE PUBLICA


·       Apoiamos deste xeito a Iniciativa Lexislativa Popular presentada pola Plataforma SOS Sanidade Pública no Parlamento Galego
·       Dende o BNG denunciamos a inxustiza social que supón o camiño tomado polo Partido Popular

No BNG de Soutomaior estamos a recoller sinaturas polos distintos barrios do Concello para apoiar a Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola Plataforma SOS Sanidade Pública. Esta ILP ten como finalidade garantir o dereito constitucional á protección da saúde, ademais de mellorar o servizo público prestado a cidadanía. Igualmente, pretende deter a política de recortes e privatizacións da Sanidade Pública, impulsada polo Partido Popular en Galiza.
O BNG, ademais, denuncia a inxustiza social que supón o camiño tomado polo PP dende o Goberno do Estado, que gravará polos medicamentos o mesmo a un traballador a media xornada que cobre 300 ou 400€ mensuais, que a calquera multimillonario directivo dun banco. Considera que fire gravemente un dos piares máis febles da sociedade galega, coma son os pensionistas, aos que, deste xeito, lles baixa as pensións nun dez por cento.
Dende o BNG defendemos unha reforma fiscal en serio que grave máis aos que máis teñen, garanta unha mellor progresividade e non atente contra o Estado de Benestar.