PXOM

10/06/12

O BNG DE SOUTOMAIOR SOLICITA UNHA XUNTA DE PORTAVOCES PARA ABORDAR OS INCIDENTES QUE ESTÁN A ACONTECER NO PEIRAO


·       Os actos de vandalismo sufridos no último mes, incluído o roubo de dúas embarcacións, precisan a intervención do Concello.
·       O continuo aumento do paro en Soutomaior obriga a atender a un sector do mar, que é o que mantén máis postos de traballo no Concello.

O BNG de Soutomaior solicitou este venres a convocatoria dunha Xunta de Portavoces con carácter urxente para buscar unha solución aos graves incidentes que están a sufrir os usuarios do Peirao. Os actos de vandalismo acontecidos no último mes, incluídos o roubo de dúas embarcacións, precisan que o Concello apoie con firmeza as xustas reivindicacións dos usuarios do peirao de Arcade.
Fernando Herrero e Paco Aljan observan o peche dos pantaláns
O BNG pretende que desde o Concello se inste a Portos de Galicia para que, de maneira urxente, arranxe as deficiencias que existen nas instalacións (arranxo de alumeado e barreiras de acceso, mellora do peche dos pantaláns, dotación de cámaras de vixilancia,...). Igualmente, débese informar á Xunta  de Galicia desta situación, co fin de que esta esixa do ente público as actuacións necesarias. Por último, pedimos a mediación do goberno municipal ante a Delegación do Goberno para que os corpos e forzas de seguridade do estado reforcen a vixilancia no peirao de Arcade.
A lamentábel evolución do paro en Soutomaior, con 133 parados máis no último ano, debía ser razón máis que suficiente para que o Goberno Local do PP tomase a iniciativa nestas cuestións. O sector do mar, é nestes momentos o principal motor económico do Concello, e o que mantén un maior número de postos de traballo, e merece polo tanto unha sensibilidade especial coas súas xustas demandas.

Ningún comentario: