O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco
Jorquera, denunciou esta tarde que co Real Decreto de Reforma Financeira
aprobado esta mañá en Consello de Ministros “o Goberno sitúase do lado
da gran banca, dos estafafores, e víralle as costas ás vítimas da fraude
das preferentes”.
Francisco Jorquera criticou que coa reforma aprobada esta mañá “o
Goberno legaliza a estafa da que foron vítimas os subscritores de
participacións preferentes”.
En concreto, o Real Decreto contempla que os subscritores de
participacións preferentes só poderán percibir polos seus activos o
valor de mercado máis como máximo un 10%.
Neste sentido, o candidato do BNG advertiu de que “isto pode supor
perdas de até un 70% a respeito do valor inicial desas participacións”.
Ademais, denunciou que o Goberno “deixa aos subscritores nunha situación
de total indefensión xurídica xa que o FROB pode impor un canxe
obrigatorio por outros produtos e os afectados non poderán recorrer pola
vía xudicial”.
Ante esta situación, Francisco Jorquera non dubidou en afirmar que “o
Goberno do Partido Popular legaliza o engano masivo do que en Galiza
foron vítimas miles de de pequenos aforradores, legaliza a expropiación
dos seus cartos a través dunha estafa cometida pola banca”.
E isto fai que para o candidato do BNG á presidencia da Xunta “o
goberno español sitúase do lado da grande banca de casino, ao lado os
estafadores, e da as costas e deixa de lado ás vítimas”. “E isto
subliñou ten cómplices políticos, que se chaman Rajoy e Feijoo”.
O Goberno español aposta polo oligopolio e abre a porta a liquidar o sistema financeiro galego
En segundo lugar, Francisco Jorquera alertou de que o Real Decreto do
Goberno Central “abre claramente as portas a un oligopolio no sector
financeiro e, polo tanto, á liquidación do sector financeiro galego”.
E é que, segundo explicou, “este decreto concede poderes excepcionais
ao FROB, créase unha lexislación ad hoc para que o FROB poida
reestruturar o sector financeiro ao seu arbitrio, mesmo que sexan
entidades solventes”.
Deste xeito, Jorquera advertiu de que “só se salvarán, segundo o
Decreto, as entidades sistémicas, os grandes bancos, e a través desta
vía ábrese a vía á liquidación de entidades sistémicas para Galiza,
imprescindíbeis para evitar o espolio do noso aforro”.
De Guindos mente: as falcatruadas da banca privada pagaranse con cartos de todos e todas
E en terceiro lugar, para o BNG o Real Decreto de Reforma Financeira
“consolida un modelo consisten en sanear as perdas da banca privada con
fondos públicos de toda a sociedade”.
Así, Francisco Jorquera criticou que “o goberno do PP aposta por
crear un banco malo que xestione os activos depreciados da banca privada
comprometendo recursos públicos, en vez de apostar por un banco bo, por
unha banca pública que restitúa o crédito”.
Por
iso, o candidato do BNG acusou “ao señor De Guindos de querer tomar por
parvos aos cidadáns ao dicir que con esta medida se pretende evitar a
repercusión sobre a sociedade dos costos do saneamento da banca, porque
os activos tóxicos da banca pasan a ser xestionados por unha entidade
pública, polo FROB, que terá que engordar a débeda pública con máis de
20.000 millóns de euros para sanear a banca”.
“Os contribuíntes -denunciou- si serán os que paguen a prácticas de
casino da banca, e isto terá como consecuencia menos ensino público,
menos sanidade pública”.
O BNG votará en contra do decreto e ponse a disposición dos afectados polas preferentes
Ante esta situación, Francisco Jorquera anunciou que “o BNG vai votar
en contra da convalidación deste real decreto lei no Congreso dos
Deputados e vai traballar cóbado con cóbado coa sociedade para contestar
as medidas contidas neste decreto, que terán consecuencias gravemente
antisociais”.
Por último, tamén anunciou que “o BNG ponse dende agora mesmo a
disposición das plataformas de afectados pola fraude das participacións
preferentes para traballar cóbado con cóbado para evitar que se
consolide esta expropiación a través da legalización dunha estafa”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario