PXOM

24/11/12

O BNG DE SOUTOMAIOR PIDE PRAZAS DE APARCAMENTO PARA PERSOAS DISCAPACITADAS NA RÚA POSTERIOR A TALO RÍO

·       O BNG de Soutomaior manifestase en contra dos recortes na protección das vítimas de violencia de xénero que se están a levar a cabo dende o Estado e a Xunta.
·       Ademais, pedimos nunha moción a adopción de medidas sociais que palíen o drama dos desafiuzamentos.
Soutomaior, 24 de novembro de 2012. O BNG de Soutomaior tivo que rexistrar unha moción no concello, para que o Partido Popular acordase pintar no chan o sinal que reserva unha praza para persoas con discapacidade na rúa do Portal do Riveiro, ou posterior a praza de Talo Río; meses despois de que esta fose aberta. Agora estamos á espera para ver canto tardan en adecuala á Lei. Para que isto non volva a acontecer, e diante da demanda de estacionamento deste tipo de prazas, o BNG pide que se contemplen tamén en todas aquelas rúas novas que teñan posibilidade de albergalas.  

O acceso á beirarrúa debe facerse a través dun garaxe (na dereita da imaxe)
Por outra banda, diante do 25 de novembro, día da non violencia contra as mulleres, dende o BNG de Soutomaior manifestámonos en contra dos recortes na protección das vítimas de violencia de xénero que se están a levar a cabo dende o Estado e a Xunta; coma son os recortes na axuda coñecida como salario da liberdade, no persoal especializado e voluntariado que realizan a fundamental función de acompañamento das vítimas desta lacra, a incerteza diante do “taxazo xudicial”... Asemade, pídelle ao pleno que asuma o compromiso de manter e mellorar os recursos municipais destinados a información, acompañamento e asistencia a vítimas de violencia de xénero. 

Asemade, dende o BNG pedimos ao Pleno do Concello que se cree unha Comisión Especial para atender casos de desafiuzamento que permita a adopción de medidas sociais que  sirvan de apoio ás familias que viven este drama. Nesta moción solicitarase a colaboración das entidades bancarias, lembrando que estas veñen de recibir miles de millóns de diñeiro público.