PXOM

08/12/13

O BNG DE SOUTOMAIOR DEU A 1ª CHARLA INFORMATIVA NA PARROQUIA DE SOUTOMAIOR A CERO GRAOS

DENDE O BNG ANIMAMOS AOS VECIÑOS A PRESENTAR ALEGACIÓNS PARA ADECUAR O PLAN DE URBANISMO AO QUE SOUTOMAIOR MERECE.

Fernando Herrero, con chaquetón e bufanda
O BNG de Soutomaior segue coa súa rolda informativa sobre o PXOM polos barrios do concello. Desta vez Fernando Herrero, portavoz municipal, e Manu Lourenzo, concelleiro, estiveron na Casa da Cultura de Soutomaior.


Os asistentes, tiveron que escoitar as explicacións sobre o Plan Xeral con abrigos e bufandas nunha infraestrutura ao que Agustín Reguera chama Auditorio, e na que o PP investiu preto de 230.000 euros para ter un chan cheo de fochas e carecer de sistema de calefacción, a pesares dos aparatosos tubos para a ventilación que asoman do teito.

Fernando Herrero, empezou a charla explicando aos asistentes que o Plan de Urbanismo “é un documento elaborado por técnicos, pero obedecendo a directrices políticas ben claras que marca o Partido Popular para Soutomaior. O seu impacto no rural é devastador, limitando á metade o que hai construido. Se nun núcleo rural hai 20 vivendas, permítense só facer 10, o que significa que se ven un promotor e fai 10 adosados, por exemplo, ninguén máis poderá construír logo, a pesar de que o solo estea cualificado como urbanizábel. Este Plan Xeral é inmellorábel... para calquera vila de Castela ou do Levante español; máis non para ningún pobo da Galiza."

Manu Lourenzo, concelleiro que está a explicar e debater nas redes o PXOM, lembrou o ano que botou o Plan Xeral no concello ata a súa aprobación inicial. “Durante ese período o goberno de Agustín Reguera non só se negou a informar  aos veciños, senón que negou ao BNG a posibilidade de facelo, rexeitando a nosa petición dunha copia deste documento público”.

A próxima charla terá lugar na Casa do Pobo de Lourido, o vindeiro venres, 13 de decembro, ás 19:00 horas.

03/12/13

CHARLA INFORMATIVA EN SOUTOMAIOR

  • DÍA: Mércores, 4 de decembro.
  • HORA: 20:00 horas. 
  • LUGAR: Casa da Cultura de Soutomaior.
  •  COA PARTICIPACIÓN DE: Fernando Herrero e Manu Lourenzo

27/11/13

O BNG COMEZA UNHA SERIE DE CHARLAS INFORMATIVAS PARA EXPLICAR O PXOM DE SOUTOMAIOR




  • DÍA: Xoves, 28 de novembro
  • HORA: 20:30 h. 
  • LUGAR: Casa da Cultura “Fernando Pereira” de Arcade
  •  COA PARTICIPACIÓN DE: Fernando Herrero e Manu Lourenzo
 
 
 

17/11/13

O BNG DE SOUTOMAIOR OPONSE Á APROBACIÓN INICIAL DO PXOM DE SOUTOMAIOR POR PERXUDICAR AOS VECIÑOS DO CONCELLO


O goberno do PP aprobou inicialmente un pxom que limita as condicións de edificabilidade das normas subsidiarias.

O grupo municipal do BNG opúxose no Pleno Extraordinario de onte venres a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Soutomaior pola negativa do goberno do PP a buscar o consenso cos veciños e a oposición, antes de someter o documento a aprobación inicial. Fernando Herrero, portavoz nacionalista, declarou que “o BNG sempre defendeu a necesidade de ordenar o urbanismo no concello, mais este PXOM só serve aos intereses do PP e busca beneficiar aos de sempre.”. 

Fernando Herrero, emprazou ao goberno do PP a reconsiderar a súa postura, “xa que a aprobación inicial deste PXOM terá consecuencias nefastas para os veciños que verán como a partir de mañá moitas das súas propiedades deixarán de ser edificabeis. Parécenos lamentábel que tras ter a Soutomaior 20 anos sumido no caos urbanístico, agora pretendan aprobar un Plan Xeral en 5 días e sen permitir que os veciños tivesen acceso ao documento até hai unha semana.”

“Este é un Plan Xeral no que non cre nin o propio alcalde”, dixo Fernando Herrero, “de aí que Agustín Reguera se refuxie nas alegacións que os veciños teñen que facer unha vez aprobado o Plan inicialmente. para ocultar que se trata dun plan moi agresivo cos terreos dos veciños. Polo tanto non garante a perdurabilidade que se lle pide a calquera Plan de Ordenación, ao limitar a edificabilidade que figura nas normas subsidiarias.”

Os nacionalistas inician agora unha nova etapa na que estarán cos veciños para informalos e asesoralos nesta nova etapa que se abre co período de alegacións máis aseguran “que o mal está feito” e se este PXOM se aproba definitivamente como está, moitos veciños quedarán coas súas parcelas e vivendas fora da ordenación, co prexuízo que isto terá para o futuro.