O goberno do PP aprobou inicialmente un pxom que limita as
condicións de edificabilidade das normas subsidiarias.
O grupo municipal do BNG opúxose no
Pleno Extraordinario de onte venres a aprobación inicial do Plan Xeral de
Ordenación Municipal de Soutomaior pola negativa do goberno do PP a buscar o
consenso cos veciños e a oposición, antes de someter o documento a aprobación
inicial. Fernando Herrero, portavoz nacionalista, declarou que “o BNG sempre
defendeu a necesidade de ordenar o urbanismo no concello, mais este PXOM só
serve aos intereses do PP e busca beneficiar aos de sempre.”.
Fernando Herrero, emprazou ao goberno do
PP a reconsiderar a súa postura, “xa que a aprobación inicial deste PXOM terá
consecuencias nefastas para os veciños que verán como a partir de mañá moitas
das súas propiedades deixarán de ser edificabeis. Parécenos lamentábel que tras
ter a Soutomaior 20 anos sumido no caos urbanístico, agora pretendan aprobar un
Plan Xeral en 5 días e sen permitir que os veciños tivesen acceso ao documento
até hai unha semana.”
“Este é un Plan Xeral no que non cre nin
o propio alcalde”, dixo Fernando Herrero, “de aí que Agustín Reguera se refuxie
nas alegacións que os veciños teñen que facer unha vez aprobado o Plan
inicialmente. para ocultar que se trata dun plan moi agresivo cos terreos dos
veciños. Polo tanto non garante a perdurabilidade que se lle pide a calquera
Plan de Ordenación, ao limitar a edificabilidade que figura nas normas
subsidiarias.”
Os nacionalistas inician agora unha nova
etapa na que estarán cos veciños para informalos e asesoralos nesta nova etapa
que se abre co período de alegacións máis aseguran “que o mal está feito” e se
este PXOM se aproba definitivamente como está, moitos veciños quedarán coas
súas parcelas e vivendas fora da ordenación, co prexuízo que isto terá para o
futuro.
2 comentarios:
Este plan en que afecta concretamente' poderian derrubar casasa con licencia se queren? Grazas
A ver, dito así, en principio a resposta sería non. Non poden derribar unha casa que conte coa preceptiva licenza e que se construíse ao abeiro da mesma. Agora, hai moitas casuísticas que dependen doutros tantos factores, e que poderían facer que esa vivenda nun principio legal pase a ter problemas serios. Exemplo, se o chan no que se fixo esa vivenda era edificable e agora pasa a ser por exemplo "libre privado" ti xa non poderás facer nada máis nesa parcela e o concello poderá mesmo expropiar. Se tiñas a casa en edificable e agora queda en rústico, a túa casa queda "fóra de ordenación", coas consecuencias graves que iso ten.E co valor económico do terreo absolutamente deteriorado. En fin, a casa en principio non poderían tirala, pero perderías o valor da parcela , xa que vender unha casa nesa situación é máis difícil; e perderías tamén o dereito a edificar na mesma. Co cal sería unha faena das boas... un saúdo
Publicar un comentario