PXOM

31/05/14

O BNG DE SOUTOMAIOR DENUNCIA O ABANDONO QUE SUFRE O BARRIO DE VELA POR PARTE DO CONCELLO




OS NACIONALISTAS PIDEN QUE SE ARRANXEN DEFICIENCIAS NAS INFRAESTRUTURAS QUE POÑEN EN RISCO A VECIÑOS E VIANDANTES




O BNG de Soutomaior denuncia o abandono que está a padecer o barrio de  Vela. Os nacionalistas reclámanlle ao PP máis atención aos Barrios do concello, entre os que o Lugar de Vela é quizais un dos casos máis significativos, xa que as deficiencias acumúlanse no espazo e no tempo, poñendo en ocasións en risco a seguridade das veciñas e veciños. Dende o BNG agardan que non teña que acontecer unha desgraza para que o goberno de Agustín Reguera arranxe estas deficiencias, lembrando que non sería esta a primeira vez que PP goberna a golpe de traxedia.


O arranxo da estrada que atravesa o centro do barrio é unha das reivindicacións que o BNG ten reclamado de xeito reiterado. O seu mal estado fai que haxa sitios nos que irremediablemente se está indo abaixo sobre as fincas colindantes. O deterioro e afundimento da calzada pon en serio perigo tanto a circulación de vehículos como as propias veciñas e veciños, dada a falta de calquera medio de contención ou valado. Esta situación xa foi denunciada polo BNG en varias ocasións, mais, varios anos despois, o problema continúa sen solución ningunha por parte de Agustín Reguera e o seu equipo de goberno.

Outra das demandas dos nacionalistas é que se corte a maleza que invade a estrada, xa que reduce o ancho da calzada á metade, impedindo o paso dun coche por outro e dificultando a visibilidade nunha zona de vivendas na que veciñas e veciños andan pola rúa. 
 
Por último, o BNG de Soutomaior chama a atención sobre o lamentábel estado do lavadoiro e fonte, unha construción en estado ruinoso que literalmente está caendo a cachos polo abandono ao que o PP ten sumido o patrimonio histórico e etnográfico do noso Concello.

23/03/14

O BNG DE SOUTOMAIOR ACUSA AO PP DE OCULTAR INFORMACIÓN DO PXOM Á TODAS AS VECIÑAS E VECIÑOS.



O PP IMPIDE AO BNG O ACCESO ÁS ALEGACIÓNS E AO LIBRO DE REXISTROS DO CONCELLO.

O BNG de Soutomaior denuncia o escurantismo que o PP segue a ter na tramitación do PXOM, unha vez finalizado o período de alegacións. Manu Lourenzo, edil nacionalista, denuncia que ata en cinco ocasións se puxo en contacto co concello solicitando información importante do PXOM. O concelleiro declarou ter seguido en todo o momento o protocolo indicado polo concello, e o que os propios servizos municipais lle indicaran nun correo electrónico con data do 5 de febreiro. Mais cando se presentou no concello para ver esta información, o PP impediu o acceso a ela.

Dende o 11 de marzo son varios os correos electrónicos, as chamadas telefónicas e os escritos rexistrados criticando esta actitude do goberno local. Os nacionalistas solicitan ter acceso ás alegacións e ao libro de rexistros. "Dende o grupo municipal vemos necesario que se nos facilite a información relacionada co Plan de Urbanismo para desenvolver as nosas funcións como concelleiros".

Fernando Herrero, voceiro municipal dille a Agustín Reguera que "non imos permanecer quietos mentres o PP pisotea o dereito de todas as veciñas e veciños á información, un dereito recoñecido pola lei. Non entendemos que é o que o PP ten tanto interese en agachar. O que temos claro no BNG é que a transparencia é un valor fundamental de calquera democracia."