PXOM

24/02/14

CARTA AOS MEDIOS DE FERNANDO HERRERO, VOCEIRO MUNICIPAL DO BNG DE SOUTOMAIOR, SOBRE O NOVO PLAN DE URBANISMO PARA SOUTOMAIOR



Fixérono sen o menor remorso, como se a cousa non fose con eles. Cando no pleno extraordinario do pasado 11 de decembro, o PP de Soutomaior decidiu aprobar inicialmente en solitario este PXOM, sabían de sobra o que estaban a facer.

Sabían que este Plan de Urbanismo ía supoñer perdas importantísimas para centos de familias. Sabíano, e por iso se negaron a negociar nada cos veciños antes da aprobación inicial, por iso impediron tamén que os grupos da oposición tivesen acceso ao documento; por iso mesmo chegaron a mentir e a manipular informacións, coa única intención de confundir aos veciños ata que a desfeita estivese aprobada.

Conforme pasan os días, os veciños descobren que as súas parcelas serán inútiles de se aprobar definitivamente este PXOM. Decátanse, con rabia e impotencia que propiedades polas que tanto traballaron, pasan agora a estar fóra de ordenación, fóra de núcleo, en espazos libres privados, en chan rústico e en tantas e tantas calificacións de nomes alleos pero que na práctica implican perdas terribles para eles e os seus fillos. Mais esta rabia e impotencia tornan xenreira, cando descobren que eses mesmos concelleiros do PP, puxeron os seus terreos a bo recaudo. Eles si poden construír, os veciños non. Porque a pouco que fagamos o exercicio de ver calificación urbanística dos terreos dos membros do grupo municipal do PP, descubrimos novo significado para a palabra indecencia.

En lugar de ser un plan para o futuro dos veciños semella feito para resolver problemas do equipo de Goberno no pasado. Este PXOM é unha desfeita para Soutomaior. Ten como única intención a de vender os pisos baleiros a costa dos veciños do rural, que verán como as súas parcelas non valerán nada. É importante que os veciños se defendan, que presenten alegacións, e non permitan este ataque sen precedentes aos intereses do pobo de Soutomaior.

Dende o BNG estivemos dende o primeiro día informando aos veciños sobre esta desfeita perpetrada polo PP. Meses nos que organizamos charlas en cada barrio, distribuímos boletíns, enviamos comunicados, atendemos aos veciños a través das redes sociais, etc, etc. Por iso seguiremos nesta teima, farémolo até o 11 de marzo no que remata o período de alegacións, e seguiremos despois. Farémolo porque cremos nun Soutomaior concienciado, libre das ataduras e dos intereses daqueles que non coñecen máis valor que o do interese. Un Soutomaior de todos, un Soutomaior para todos.

Ningún comentario: