PXOM

02/02/14

O BNG DE SOUTOMAIOR ACUSA AO PP DE CREAR CONFUSIÓN AS VECIÑAS E VECIÑOS NAS CONSULTAS SOBRE O PXOM.






OS NACIONALISTAS DECLARAN QUE O MODELO IMPOSTO POLO PP LIMITA O TIPO DE ALEGACIÓNS QUE SE PODEN PRESENTAR



O BNG de Soutomaior, acusa ao goberno local do Partido Popular de estar a xerar confusión as veciñas e veciños do concello nas consultas sobre o Plan de Urbanismo, dificultando o seu dereito a se defender no proceso de alegacións. Fernando Herrero, voceiro nacionalista, denuncia que “son varios os casos nos que os veciños se queixan de que a información que lle deu o concello é máis que discutíbel, cando non directamente falsa”. Tamén critica que "dende o BNG levamos un mes agardando a que os técnicos nos dean información sobre unha consulta relativa ao linde municipal, que fomos facer en persoa até en 2 ocasións".

          Dende o grupo nacionalista afirman que o PP pretende impoñer este PXOM a toda costa, chegando a empregar todo tipo ambigüidades e falsidades. Critican con dureza que no modelo de alegacións publicado polo concello, obrigue aos veciños a aportar documentación que o concello xa ten no seu poder, contradicindo o establecido na Lei de Procedemento Administrativo, e coa única finalidade de "enlear e dificultar o dereito dos veciños a defenderse" sinala Herrero.
           
 Así mesmo, dende o BNG sinalan que ese modelo de alegación do PP, dificulta que os veciños poidan tratar diferentes tipos de afectacións, polo que se verán na obriga de "gastar o seu diñeiro en técnicos e avogados para defender as súas propiedades" xa que "nin a información, nin os documentos que impón o concello abondan para que os veciños poidan defenderse" .
         
Dende o BNG tamén convidan aos veciños a que fagan o exercicio de ver  a calificación das propiedades dos membros do PP neste PXOM, "é un exercicio moi útil para decatármonos de cales son os verdadeiros intereses desta xente" sinala Herrero.

Ningún comentario: