PXOM

23/03/14

O BNG DE SOUTOMAIOR ACUSA AO PP DE OCULTAR INFORMACIÓN DO PXOM Á TODAS AS VECIÑAS E VECIÑOS.



O PP IMPIDE AO BNG O ACCESO ÁS ALEGACIÓNS E AO LIBRO DE REXISTROS DO CONCELLO.

O BNG de Soutomaior denuncia o escurantismo que o PP segue a ter na tramitación do PXOM, unha vez finalizado o período de alegacións. Manu Lourenzo, edil nacionalista, denuncia que ata en cinco ocasións se puxo en contacto co concello solicitando información importante do PXOM. O concelleiro declarou ter seguido en todo o momento o protocolo indicado polo concello, e o que os propios servizos municipais lle indicaran nun correo electrónico con data do 5 de febreiro. Mais cando se presentou no concello para ver esta información, o PP impediu o acceso a ela.

Dende o 11 de marzo son varios os correos electrónicos, as chamadas telefónicas e os escritos rexistrados criticando esta actitude do goberno local. Os nacionalistas solicitan ter acceso ás alegacións e ao libro de rexistros. "Dende o grupo municipal vemos necesario que se nos facilite a información relacionada co Plan de Urbanismo para desenvolver as nosas funcións como concelleiros".

Fernando Herrero, voceiro municipal dille a Agustín Reguera que "non imos permanecer quietos mentres o PP pisotea o dereito de todas as veciñas e veciños á información, un dereito recoñecido pola lei. Non entendemos que é o que o PP ten tanto interese en agachar. O que temos claro no BNG é que a transparencia é un valor fundamental de calquera democracia."

11/03/14

FINALIZADO O PERÍODO DE ALEGACIÓNS, O BNG DE SOUTOMAIOR PIDE QUE SE VOLVA A ELABORAR O PXOM

O BNG DE SOUTOMAIOR PRESENTOU AS SÚAS ALEGACIÓNS AO PLAN DE URBANISMO DIANTE DA PRENSA
 
Fernando Herrero, portavoz municipal do BNG de Soutomaior, arrincou a rolda de prensa amosando a súa decepción co documento elaborado polo PP: “despois de pelexar durante longo tempo por ter un Plan de Urbanismo que ordenase o caos urbanístico que invade o noso concello, temos que dicir que este PXOM non cumpre para nada as expectativas que nós tiñamos posto neste documento. Un PXOM ten que arranxar o futuro dun pobo. Este condénao.”

Fernando Herrero e Manu Lourenzo na rolda de prensa
Seguidamente quixo destacar o enorme traballo que o BNG de Soutomaior leva a facer dende o inicio do período de alegacións, “con charlas polos barrios do concello, e con asesoramento e axuda a moitas persoas que ían vendo a medida que avanzaba o tempo, que este era un PXOM que só obedecía aos intereses do grupo de goberno do PP e daqueles que sempre se benefician con este tipo de actuacións”.

Fernando Herrero e Manu Lourenzo, concelleiro nacionalista, coincidiron en sinalar que este PXOM “compre ser revisado, debe volver a elaborarse contando coa maioría social, cos grupos políticos, así como coas distintas asociacións que integran a base social do noso concello para que sexa realmente un documento de todas as veciñas e veciños”.

Para rematar, Manu Lourenzo dixo que “o fin do período de alegacións só marca un punto e seguido. Tras a fase de consultas e asesoramento, entendemos que é necesario que toda a sociedade se implique para que entre todas e todos podamos consensuar o PXOM que este concello se merece. Polo BNG non vai quedar. Estamos convencidos que cando hai un pobo que resposta a unha agresión deste tipo, non hai maioría absoluta que se resista”.
Fernando Herrero no rexistro do concello

Despois da comparecencia diante da prensa, o Portavoz Municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou as alegacións no rexistro do concello.


09/03/14

A INCOMPETENCIA POLÍTICA DO PP NA REDACCIÓN DO NOVO PXOM AFECTARÁ A TODOS OS PROPIETARIOS DA AVENIDA CASTELAO



os nacionalistas lembran aos veciños que o o último día para presentar alegacións é este martes 11 de marzo
 


O BNG de Soutomaior denuncia que a incompetencia política do equipo de goberno na redacción do novo Plan de Urbanismo adquire unha nova dimensión en Arcade. A situación máis grave afecta a todos os propietarios da Avenida Castelao.

Os nacionalistas censuran que en lugar de contemplar as edificacións existentes dentro do núcleo urbano, márcase un retranqueo para toda a avenida de 25 metros para cada lado. Isto vai dificultar calquera tipo de obra de ampliación e mesmo de conservación, xa que obrigará a solicitar permisos ao ministerio de fomento.



Fernando Herrero, voceiro municipal do BNG, di que “estas son as consecuencias de ocultar o PXOM durante un ano, en lugar de levalo polos barrios para que as veciñas e veciños puidesen facer as súas achegas. Se tivesen un mínimo de dignidade, devolverían os cartos que gastaron por el e empezarían a facer as cousas ben”.

Lembra a veciñas e veciños que o último día para presentar as alegacións é este martes, 11 de marzo. “Todo  que non emendemos agora nós, xa non terá arranxo nos vindeiros 25 anos”.