OS NACIONALISTAS PIDEN QUE SE
ARRANXEN DEFICIENCIAS NAS INFRAESTRUTURAS QUE POÑEN EN RISCO A VECIÑOS E
VIANDANTES
O BNG de Soutomaior denuncia o
abandono que está a padecer o barrio de
Vela. Os nacionalistas reclámanlle ao PP máis atención aos Barrios do
concello, entre os que o Lugar de Vela é quizais un dos casos máis
significativos, xa que as deficiencias acumúlanse no espazo e no tempo, poñendo
en ocasións en risco a seguridade das veciñas e veciños. Dende o BNG agardan
que non teña que acontecer unha desgraza para que o goberno de Agustín Reguera
arranxe estas deficiencias, lembrando que non sería esta a primeira vez que PP
goberna a golpe de traxedia.
O arranxo
da estrada que atravesa o centro do barrio é unha das reivindicacións que o BNG
ten reclamado de xeito reiterado. O seu mal estado fai que haxa sitios nos que irremediablemente
se está indo abaixo sobre as fincas colindantes. O deterioro e afundimento da calzada
pon en serio perigo tanto a circulación de vehículos como as propias veciñas e
veciños, dada a falta de calquera medio de contención ou valado. Esta situación
xa foi denunciada polo BNG en varias ocasións, mais, varios anos despois, o
problema continúa sen solución ningunha por parte de Agustín Reguera e o seu
equipo de goberno.
Outra das demandas dos nacionalistas
é que se corte a maleza que invade a estrada, xa que reduce o ancho da calzada
á metade, impedindo o paso dun
coche por outro e dificultando a visibilidade nunha zona de vivendas na que veciñas
e veciños andan pola rúa.
Por último, o BNG de Soutomaior chama a atención
sobre o lamentábel estado do lavadoiro e fonte, unha construción en estado
ruinoso que literalmente está caendo a cachos polo abandono ao que o PP ten
sumido o patrimonio histórico e etnográfico do noso Concello.