PXOM

25/09/09

O BNG de Soutomaior presenta unha moción para que Sogama garanta a recollida de voluminosos

Tamén pide que se axilice a aplicación do bono social da tarifa eléctrica

No Pleno que se celebra o vindeiro xoves día 24, o BNG de Soutomaior presenta unha mocións na que insta ao Concello de Soutomaior a que se garanta a recollida de residuos voluminosos –logo do anuncio do cesamento da recepción destes refugallos por parte da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama)– e outra na que solicita que se axilice a aplicación do bono social da tarifa eléctrica.

O Grupo Municipal lembra que a decisión de Sogama de deixar de recoller os voluminosos foi adoptada de xeito unilateral, sen ningún tipo de negociación previa cos concellos afectados –que terán que facerse cargo, individualmente, da recollida e entrega deste tipo de residuos a un xestor autorizado–.

Con este anuncio, Sogama podería estar a incumprir as condicións pactadas cos concellos no momento da súa adhesión, sen que nin a Xunta nin a propia entidade lles ofrezan ningunha solución alternativa e viábel aos concellos afectados. A falla dun sistema homoxéneo para a retirada destes residuos e o incremento significativo dos custes –máxime nun momento no que como consecuencia da crise económica e das deficiencias do sistema de financiamento local as facenda municipais están a pasar por situacións moi difíciles– podería derivar na proliferación de vertedoiros incontrolados.

No mellor dos casos, cando o tratamento se faga conforme á legalidade e por un xestor autorizado, esta nova práctica podería trasladar o incremento dos custes ao recibo do lixo que terían que soportar os veciños e veciñas de Soutomaior.

Ante esta situación, o Grupo Municipal do BNG solicita instar á Xunta de Galiza ao mantemento da recepción de residuos voluminosos procedentes dos municipios adheridos, nas condicións que o viña facendo até agora, para o seu posterior tratamento por un xestor autorizado e conforme á normativa vixente. No seu defecto, o BNG insta á Xunta de Galiza a que achegue unha solución alternativa e viábel, que non supoña un incremento do recibo do lixo dos concellos afectados.

Bono Social da Tarifa Eléctrica

A liberalización operada no sector eléctrico, lonxe de significar unha mellor prestación do servizo eléctrico nos fogares e lonxe de abaratar o custe da factura eléctrica, está a ocasionar unha confusión crecente e un incremento no gasto repercutido polo subministro eléctrico á maioría dos consumidores.

A creación do denominado “bono social”, que consiste nunha bonificación na factura eléctrica por unha contía igual á diferenza entre o valor da tarifa de último recurso e unha tarifa reducida, pretende corrixir a importante repercusión económica que o novo sistema de tarifas ocasiona na economía da maioría dos consumidores domésticos.

Os potenciais beneficiarios do bono son as persoas titulares dun punto de subministro na súa vivenda habitual de 60 ou máis anos de idade que acrediten ser pensionistas do Sistema da Seguridade Social que perciban as contías mínimas, as que acrediten ser familias numerosas, as que acrediten formar parte dunha unidade familiar con todos os seus membros en idade de traballar en situación de desemprego e as que teñan contratada unha potencia menor de 3kv.

Estes posíbeis beneficiarios, ademais da demora na posta en marcha efectiva do bono social, están a sufrir atrancos inxustificados, como incumprimentos das empresas distribuidoras e comercializadoras de enerxía eléctrica no relativo á publicidade do procedemento e o ofrecemento de información exhaustiva, a imposibilidade dunha atención presencial dado o escaso número de empresas comercializadoras existentes, ou mesmo a necesidade de achegar múltiple documentación acreditativa de diversos organismos e administracións públicas, entre eles o concello.

Neste sentido, o Grupo Político Municipal do BNG proponlle ao Pleno instar ao Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Comisión Nacional de Enerxía a adoptaren as medidas necesarias que garantan a extensión a todos os beneficiarios do bono social, e a súa aplicación efectiva nos prazos estabelecidos pola normativa vixente.

Tamén pide instar ás Consellarías de Traballo e Benestar, e de Economía e Industria, e ao Instituto Galego de Consumo a poren en marcha, de xeito urxente, Planos de Comunicación, Información e Asesoramento sobre as últimas modificacións no sistema de tarifas eléctricas e da aplicación do bono social, orientadas tanto á poboación en xeral como especificamente aos potenciais beneficiarios.

Por último, o BNG reclama un servizo de información, asesoramento e colaboración na tramitación da solicitude do bono social, por parte do Concello de Soutomaior, onde se facilite ademais dun xeito áxil toda documentación acreditativa que o beneficiario deba obter do concello.



Ningún comentario: