PXOM

26/03/11

O BNG DE SOUTOMAIOR LEVA A EXPOSICIÓN “FOTOS DE MULLER, MULLERES DE FOTO” O SÁBADO E O DOMINGO A SOUTOMAIOR

A mostra poderase ver diante da Casa do Concello, trasladándose en caso de choiva á Casa do Pobo de Lourido

Tras o éxito acaído en Arcade coa mostra, o BNG de Soutomaior decide levala a Soutomaior para que os veciños podan gozar alí tamén dela. Lembramos que esta exposición fíxose coma unha merecida homenaxe á Muller co fin de valorar como merece a súa función social, laboral, profesional e familiar dentro dunha sociedade que aínda hoxe non a recoñece en toda a súa extensión.

As imaxes foron recollidas entre os veciños dos distintos barrios do Concello, e pretenden reflectir unha escolma da súa actividade nos distintos eidos dende principios do século XX; épocas duras nas que o día a día implicaba o coidado da casa, a atención do home e dos fillos, mirar polos vellos, sacar o gando aínda que fora domingo, ou incluso cargar na cabeza dende Redondela o cadaleito para o defunto que agardaba na casa.

            O sábado a exposición poderase visitar diante da Casa do Concello dende as 16:30 ata as 19:30, e o domingo de 12:00 a 14:00 pola mañá e pola tarde de 16:30 a 19:30. Lembramos que en caso de choiva trasladarase á Casa do Pobo de Lourido.

25/03/11

O BNG DE SOUTOMAIOR DEMANDA EXPLICACIÓNS POLA RENUNCIA DO ALCALDE A UNHA SUBVENCIÓN DE CASE 7 MILLÓNS DE PESETAS

A subvención foi concedida pola Xunta de Galicia para o acondicionamento do Monte da Peneda

No Pleno do próximo xoves 31 de marzo o BNG de Soutomaior pediralle ao alcalde popular Agustín Reguera que aclare as razóns que lle levaron a renunciar a unha subvención  de case 40.000€ concedidas pola Xunta de Galicia para o acondicionamento do Monte da Peneda, un lugar emblemático do noso Concello.

“Parece que o medio ambiente non está entre as prioridades do Partido Popular” denuncia o portavoz nacionalista Fernando Herrero, “empeñado agora en encher o Concello de asfalto en obras electoralistas, e cando falta practicamente un mes para a celebración da Romaría da Peneda, deixa escapar unha magnífica oportunidade para recuperar un espazo do noso patrimonio natural. O Monte da Peneda sufriu dúas queimas importantes nos últimos anos que acabaron coas especies autóctonas e o goberno Popular non ten pensado facer nada por reverter a situación, é algo lamentábel” remata Herrero.

Dado que este será o último Pleno ordinario do mandato, dende o BNG de Soutomaior esperase que esta sexa a derradeira vez que a cidadanía do noso Concello ten que aguantar a incapacidade do Partido Popular para xestionar os seus intereses.